Xoves 28 Marzo 2024

Premio para eHeart, o dispositivo galego que controla o corazón

A iniciativa galega eHeart, liderada por Conexiona Telecom, gañou o premio ao mellor proxecto español de innovación no ámbito das tecnoloxías de saúde e vida activa, concedido pola Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información, Telecomunicacións e Contidos Dixitais (AMETIC).
Corazón
eHeart é un proxecto de colaboración público-privada cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco do programa Conecta-Pemes. A empresa de Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole encabeza o consorcio que o está a desenvolver, formado polas empresas Optare, Quobis, Hacce e Tecsoftcom, co apoio tecnolóxico de Gradiant e o soporte científico da Universidade de Vigo e da Fundación do Complexo Hospitalario da Coruña. O seu obxectivo é poñer freo a unha das principais causas de morte no mundo, as enfermidades cardiovasculares.
O Premio Innova eVIA 2015 recoñece así a capacidade da innovación galega para salvar vidas a través das TIC, que se impuxo a un amplo número de candidaturas procedentes de toda España.
eHeart é un dispositivo moi pequeno que o paciente levará adherido á pel para facilitar a detección precoz e en tempo real da fibrilación auricular. Durante un episodio crítico, a aplicación envía os datos por bluetooth ao servidor sanitario, o que permite actuar rapidamente ante os primeiros signos de alarma e salvar vidas.

Na creación de eHeart participan a Xunta, Gradiant, Universidade de Vigo e o CHUAC

As súas principais vantaxes sobre os Holter ou outros aparatos implantados no corpo radican en que se trata dun dispositivo móbil sen cables, diminuto, minimamente invasivo, cómodo, económico e cun gran potencial no campo médico, xa que permite a monitorización constante da actividade cardíaca dos pacientes e o seu seguimento en tempo real por parte dos especialistas.
Ademais, tamén monitoriza outro tipo de información relevante, como a actividade física e a frecuencia respiratoria, e permite que o usuario e o médico manteñan sesións de teleconsulta aumentada, sen necesidade de dispositivos ou configuracións complicadas e mellorando significativamente o manexo dos datos confidenciais do paciente.
eHeart foi presentado o pasado mes de setembro en Tecnópole polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen destacaba entón que a posta en marcha do proxecto supoñía a creación de 20 empregos moi cualificados e que o éxito da iniciativa permitirá aos seus participantes competir no mercado nacional e internacional cunha tecnoloxía desenvolvida en Galicia.

Publicidade

Podes ler máis sobre o proxecto eHeart na reportaxe que fixemos en GCiencia dentro da nosa sección [I+E] Innovar para Emprender.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopada en ratos a primeira diana terapéutica contra a hipertensión pulmonar

Investigadores españois dan o primeiro paso para salvar a función cardíaca en pacientes con esta rara pero letal enfermidade

Un equipo galego emprega unha nova técnica de cirurxía coronaria que evita o uso de ‘stents’

Investigadores do Álvaro Cunqueiro publican un estudo en 'The Lancet' sobre un método que non deixa atrás ningunha estrutura metálica permanente

Un novo sistema galego predí recaídas en pacientes con cancro de colon e mama

O modelo é capaz de identificar automaticamente células tumorais circulantes en mostras de sangue

Tes hipertensión? Así é como a música axuda a reducir a presión arterial

A apertura dunha sintonía de Beethoven remove o corazón, pero non...