Un dron voa sobre unha plantación de videiras no Rosal. Foto: USC.

Un dron voa sobre unha plantación de videiras no Rosal. Foto: USC.

Os drones, futuros aliados para a viticultura

Investigadores galegos participan nun proxecto para empregar vehículos robóticos no manexo das plantacións de videiras

Investigadores do Departamento de Botánica do Campus Terra da USC impulsan o uso da robótica no viñedo español para optimizar a súa competitividade e sustentabilidade. A actividade enmárcase no proxecto estatal ‘Aplicacións e uso de robótica no manexo do viñedo’ (Robodronvi), do que forman parte 16 socios. O Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) financia este traballo, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural e en relación á Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola (AEI-AGRI).

Robodronvi nace co obxectivo de impulsar a aplicación da robótica (aérea e terrestre) como ferramenta que facilite a toma de decisións operativas nas explotacións vitícolas por parte de viticultores e técnicos. Ademais, con iso preténdese mellorar a competitividade, rendibilidade e sustentabilidade do sector vitivinícola español.

Poderán facilitar a toma de decisións dos viticultores e técnicos

Como resultado deste proxecto, poderanse minimizar os inconvenientes que presenta actualmente o uso destes prototipos de robots para uso terrestre e aéreo en viñedo, entre os que se poden citar a súa escasa flexibilidade, eficiencia e robustez, ademais do seu alto custo operativo. Outros aspectos que busca o proxecto é avaliar a adaptación real destes sistemas robotizados ao viñedo nacional con distintos sistemas de cultivo, así como minimizar o seu impacto ambiental, mellorar a calidade e a sanidade da vendima, e incrementar a rendibilidade da produción nos viñedos nos que se implementen.

O traballo xa desenvolvido ao longo deste ano polo grupo Robodronvi, un consorcio subvencionado polo Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), rematará en novembro de 2017. Esta iniciativa finalizará cun proxecto de innovación para facilitar a incorporación destas tecnoloxías altamente innovadoras ao sector vitícola nacional.

A empresa Robotnik Automation coordina o consorcio, no que participan catro adegas de distintas rexións de España, entre as que está Adegas Terras Gauda. Tamén participan, entre outros, investigadores do grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.