Curso de asesoramento TIC

Curso de asesoramento TIC. Foto: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Oito de cada dez empresas galegas usan software libre

Galicia ocupa o décimo posto en España, pero xa se achega ás comunidades que máis empregan aplicacións libres

Uso de software libre nas empresas galegasO uso de software libre nas empresas galegas vaise equiparando ás comunidades máis avanzadas en España no emprego deste tipo de licenza. Con todo, Galicia ocupa o décimo posto, preto das porcentaxes de comunidades como Madrid ou Cataluña e por riba doutras como Castela A Mancha, A Rioxa, País Vasco, Baleares, Navarra e Asturias. En concreto, oito de cada dez empresas de Galicia con 10 ou máis empregados empregan software libre, o que supón un crecemento de 10,6 puntos porcentuais respecto ao ano anterior.

Por primeira vez o uso de software libre nas empresas sitúase no mesmo nivel que nas pertencentes ó sector TIC galego, onde o empregan o 84,7%. No que respecta ás empresas con menos de 10 empregados, algo máis da metade usan software libre, o que supón un incremento de 6,9 puntos respecto do ano anterior.

Uso de software libre en empresas en EspañaSon datos recollidos nos informes sobre o nivel de implantación do “Software libre nas pequenas e medianas empresas de Galicia” e do “Software Libre nas empresas informáticas de Galicia” correspondentes ao ano 2014 e elaborados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega).

Tipoloxía de software empregado

O maior incremento do uso do software libre focalízase principalmente nos servidores. Rexístrase un incremento de 6,6 puntos porcentuais no uso do sistemas operativos libres nos servidores acompañado dun descenso de 10,5 puntos porcentuais no uso de sistemas operativos privativos. Por primeira vez, a porcentaxe de empresas TIC con servidores que usan sistemas libres nos servidores é superior ás que empregan privativos.

Ademais, un 17,2% das microempresas galegas empregan tamén sistemas operativos con licenza libre, duplicándose esta porcentaxe nas grandes empresas con actividade en Galicia (35,1%).

Os soportes libres con maior implantación nas empresas galegas son os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas, cun 80,2% e 58,2% respectivamente no caso das empresas de máis de 10 empregados e un 46,2% e 34,8% respectivamente no caso das microempresas.

No que se refire a empresas informáticas, os aplicativos máis utilizados son os navegadores de internet (66,1%), as suites ofimáticas (59,5%) e os xestores de correo (48,7%).

Empresas informáticas galegas provedoras de solucións TIC

Un 60,7% das empresas informáticas galegas que se dedican á venda de produtos de software ofrecen solucións de licenza libre aos seus clientes, é dicir, case 10 puntos máis que no ano 2013.

O produto libre máis ofrecido continúa a ser o software para comercio electrónico, onde case 8 de cada 10 empresas fano con software libre, sendo ademais moi superior á oferta en software privativo. O mesmo ocorre coas solucións de e-learning (aprendizaxe electrónico), de xestión de contidos de portais e páxinas web e servidores web.

Un nicho de mercado para o sector TIC galego

As empresas informáticas galegas perciben o software libre como un posible nicho de mercado e máis da metade consideran que este tipo de soportes aumentará no mercado no futuro, presentando unha perspectiva lixeiramente máis optimista que o ano anterior (aumenta do 51,4% a un 55,1%).

Entre as empresas informáticas que aínda non ofertan produtos de software libre, un 10,7% delas afirma que, antes de dous anos, ofertarán este tipo de software.

Os principais motivos esgrimidos polas empresas que non usan aínda software libre varía en función do sector e do tamaño, pasando polo descoñecemento de solucións e a falta de referencias sobre produtos libres aducidos polas microempresas, ata as dúbidas sobre a migración a software libre que indican as empresas de 10 e máis traballadores. No caso das empresas informáticas, os principais motivos son a falta de provedores ou soporte, a complexidade do cambio e a falta de formación.

As principais actuacións demandadas polas empresas para incentivar o uso do software libre, aparte de axudas ou subvencións, son a potenciación de demostracións de funcionamento dos produtos de software libre e a formación aos usuarios.

A Amtega, dentro do Plan de Acción de Software Libre, reforzará durante o ano 2015 as actuacións de fomento do software libre no sector empresarial para atender estas demandas. Así, se incorporarán ao Centro Demostrador TIC Virtual dúas novas solucións libres que as pemes galegas poderán probar de balde. Esta medida  complementarase coa elaboración de material formativo multimedia e continuarase coa oferta de demostracións e formación en software libre no CDTIC, así como co asesoramento particularizado ás pemes sobre solucións libres adecuadas ás súas necesidades.

O software libre nas empresas de Galicia. Ano 2014 O software libre nas empresas TIC de Galicia. Ano 2014

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.