Venres 29 Marzo 2024

O último desafío de Rojadirecta ás televisións

Os intereses das plataformas televisivas que posúen os dereitos do fútbol non se dirimiron estes días no clásico do Santiago Bernabéu. Nin sequera no derbi de Riazor, a pesar de que A Coruña foi o escenario no que se xogaron as súas fortunas. Non moi lonxe do estadio coruñés, na sede dos xulgados do Mercantil, o galego Igor Seoane, propietario da web Rojadirecta, volveu a desafiar a Mediapro e Canal +, esta vez cunha manobra xudicial que compite coas habilidades dixitais que o fixeron millonario. Todo para seguir emitindo, a pesar de que un xuíz do Mercantil de Madrid ditaminase en xuño o cesamento das ligazóns de streaming.
Seone é probablemente a única persoa que puxo de acordo a Jaume Roures e Juan Luís Cebrián. Aínda que Canal + xa puxo os seus dereitos en mans de Telefónica e Mediapro traspasou o negocio de Gol Televisión a Bein Sports, os litixios contra Rojadirecta seguen en marcha, agora nos xulgados galegos como escenario. Como é en Arteixo onde Porto 80 Projects, a empresa propietaria de Rojadirecta, ten a súa sede social, o misterioso Seoane logrou traspasar o asunto de Madrid a Galicia. E gañar tempo, que é unha prioridade nun negocio tan multimillonario como o dos dereitos da liga.
“É unha manobra dilatoria detrás doutra”, quéixase unha fonte de Mediapro. Pero Seoane e os seus avogados non se detiveron aí. Na vista que este mércores se celebrou nos xulgados do Mercantil da Coruña, Porto 80 Projects reclamou que se cambie a medida provisional ditada polos xulgados de Madrid, o cesamento inmediato das súas emisións en streaming a través de distintos links, por unha cantidade económica. En concreto por 10.000 euros, que é o diñeiro que tivo que depositar a demandante ao concederse a medida cautelar de suspensión de actividade. “Iso sería tanto como darlle permiso para emitir ilegalmente”, acusan fontes da compañía que preside Roures.

O misterioso creador da web de streaming mantén as emisións fronte aos desexos de Mediapro e Canal +

Nunha vista previa que se celebrou nos xulgados da Coruña 24 horas máis tardes, Canal + solicitou o peche cautelar de Rojadirecta antes do clásico que enfrontou ao Real Madrid e ao Barcelona. Non tivo éxito, como tampouco se traduciron en vitorias tanxibles os distintos triunfos logrados nos xulgados polas televisións fronte ao emporio pirata creado por este misterioso coruñés de 31 anos, que segue ofrecendo o fútbol en baixa calidade pero a cero euros aos seus millóns de seguidores.
De Igor Seoane Miñán non se sabe demasiado. Que creou Rojadirecta cando só tiña 21 anos, fai 10. Que é fillo dun industrial coruñés do sector téxtil, ou que empezou de moi novo a destripar ordenadores e penetrarse nos segredos do hardware. Sábese tamén que a súa web que recibe anualmente 100 millóns de visitas, o que elevou o seu valor a unha cantidade que diversas estimacións sitúan entre 17 e os 112 millóns de dólares. Os seus detractores, principalmente os dous grandes grupos que xestionan os dereitos da Liga española, falan dunhas perdas ocasionadas polo portal de máis de 500 millóns de euros ao ano.

Balaídos_(6788320478)
Estadio de Balaídos.

Os inimigos de Seoane non se reducen a Mediapro e Telefónica, herdeira dos dereitos de Canal +. O propio Goberno de Estados Unidos entrou en liza en 2011, cando  bloqueou unilateralmente os seus dominios .com e .org por suposta violación de copyright en EEUU, para rectificar ano e medio despois sen dar explicacións. Para entón, Rojadirecta xa migrara a .me, un dominio rexistrado en Montenegro.
En 2007, Seone logrou unha importante vitoria xudicial, ao saír airoso da demanda interposta por Audiovisual Sport, que o denunciou por delito contra a propiedade intelectual. Menos sorte tivo en Francia, onde o Tribunal Superior de París lle impuxo en marzo deste ano unha multa de 100.000 euros polas ligazóns de streaming de partidos de Lígue 1 francesa. Pero o maior pau nos xulgados, e do que depende realmente o futuro da empresa de Igor Seoane, é o que sufriu este mesmo ano nos xulgados do Mercantil de Madrid, nos que se reclamou a existencia dunha infracción de dereitos de propiedade intelectual e competencia desleal. Aquelas medidas cautelares seguen sen efectos prácticos.

Publicidade

As televisións queren que deixe de emitir e Seoane pretende seguir activo a cambio de 10.000 euros

O pasado xuño, o xuíz do Mercantil número 11 de Madrid ordenou preventivamente á web o cesamento inmediato e provisional da facilitación de ligazóns ou links da internet de calquera tipo, así como o acceso ao visionado en directo ou en diferido dos partidos de fútbol producidos ou emitidos por Mediapro. En caso de incumprimento, daba orde a todos os provedores da internet españois, aos que o auto citaba expresamente, a bloquear o acceso directo a Rojadirecta. Pero aí segue a web, que ofrece o fútbol de forma tan gratuíta como precaria, mentres a conta bancaria de Seoane engorda sen máis investimento que o propio desenvolvemento da súa web. Un heroe a ollos dalgúns. Un vilán para as compañías que pagan millonadas aos clubs a cambio dos seus dereitos.
Para decepción dos fotógrafos que se deron cita a pasada semana nos xulgados da Coruña, Igor Seoane non se presentou na vista, na que estivo representado polos seus avogados. Frustrouse así a intención dos medios de comunicación de contar cunha imaxe do misterioso fundador de Rojadirecta, quen creou a web na súa condición de seareiro do Barcelona que se perdía os partidos que non se emitían en aberto.
Como do que se trataba era de medidas cautelares, Mediapro insistiu no cesamento de emisións. E no caso de que se esixa un depósito, que rolde entre os 50 e os 100 millóns de euros, e non se reduza aos 10.000 euros que ofrece Porto 80 Projects.  Está por ver o resultado deste cruzamento de reclamacións. E fronte á petición de cesamento inmediato que reclamaba Canal + -que non se cumpriu antes do clásico-, o avogado da web sinalou que esta inclúe outros contidos, á parte do fútbol, e que aos usuarios dos mesmos causaríaselles “un prexuízo”. Unha formulación que o avogado de Canal+ cualificou de “insulto á intelixencia”, por cualificar a Rojadirecta de simple “intermediario”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así se ve a constelación de satélites de Elon Musk

Máis de 4000 obxectos orbitan arredor da Terra para vender unha tarifa de datos que proporciona acceso universal á rede

Caída masiva de internet nas principais compañías móbiles en España

Numerosos usuarios quéixanse de dificultades para acceder á rede e incluso chamar, pero non transcendeu que impacto tivo en Galicia

Un enxeñeiro galego crea un mecanismo para acelerar as conexións a internet no móbil

Esta proposta da tese de Pablo Fondo, do atlanTTic, é compatible coas redes 4G existentes, o que facilita a súa integración

“Detrás dunha imaxe inocente pódense intercambiar ficheiros de pornografía infantil”

O investigador da UVigo David Vázquez participou esta semana na reunión anual de Uncover, un proxecto europeo para loitar contra o cibercrime