Venres 19 Abril 2024

O satélite Serpens monitorizará o clima e hidrografía do Amazonas

Esta semana o nanosatélite Serpens, desenvolvido por científicos da Universidade de Vigo, chegou á Estación Espacial Internacional (ISS). En algo máis de dous meses será lanzado en órbita e comezará a recibir os datos enviados por sensores ambientais instalados en diversos puntos da Terra. Isto permitirá monitorizar parámetros climáticos e industriais de calquera zona do mundo.

Emblema do programa Serpens da Axencia Espacial Brasileira.
Emblema do programa Serpens da Axencia Espacial Brasileira.

O cargueiro xaponés Kounotori 5 completou o pasado luns a manobra de acoplamento á Estación Espacial Internacional (ISS). Entre os 16 cubesats que transportaba atopábase o Serpens, un pequeno satélite en cuxo desenvolvemento interveu a Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo, xunto coa Axencia Espacial Brasileira.
Trátase do terceiro nanosatélite galego que se pon en órbita, tras Xatcobeo Humsat, tamén desenvolvidos por Vigo. Serpens está destinado a converterse na segunda nave do proxecto Humsat, dirixido a coñecer se unha constelación de pequenos satélites podería permitir o fomento das capacidades do sector espacial en países emerxentes.
Pero isto será na fase final dun proxecto que, agora mesmo, completou a súa primeira etapa despois de que os astronautas da Estación Espacial incorporasen o cargueiro que o transporta a un brazo robótico da nave. Segundo explica Fernando Aguado, director do proxecto, haberá que esperar mes e medio para o que sexa deixado en órbita autónoma, momento no que dará comezo unha ‘fase de posta en marcha do satélite’, chamada LEOP (polas súas siglas en inglés: Launch&Early Operations Phase), na que se realizan “as probas de comprobación de que a plataforma e a carga útil do satélite están en perfecto funcionamento”.

O Serpens ten dúas partes; Vigo deseñou a de comunicacións coa Terra

Tras esta fase de probas, que durará aproximadamente tres semanas, pasarase xa á de funcionamento ordinario, na que o Serpens comezará a recoller información de sensores de baixo custo instalados en diferentes zonas do planeta, para logo retransmitila tanto a Brasil coma a Vigo. Con estes datos poderanse comprobar as melloras realizadas ao sistema de comunicacións deseñado para o Humsat.
Nese sentido, Aguado explicou que “ao ser unha colaboración con Brasil, a nosa idea é facer probas para poder monitorizar, por exemplo, parámetros da conca hidrográfica do Amazonas“.
Pero ao mesmo tempo, o nanosatélite ofrece tamén a posibilidade de coñecer “parámetros climáticos ou industriais en calquera parte do mundo”, como engadiu o coordinador da agrupación. Con ese obxectivo, o proxecto Serpens considera a instalación de 15 terminais en diferentes puntos do Brasil, aos que sumarán tamén os existentes nas cidades Vigo Pontevedra.

Publicidade

Esperan mellorar a comunicación cando hai interferencias no hemisferio norte

Para completar esta tarefa, o cubesat Serpens está dividido en dúas zonas: un sector A dirixido a probar en órbita unha plataforma de baixo custo; e un sector B, deseñado polos enxeñeiros vigueses, que inclúe unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada do Humsat, que ten por obxectivo recoller os datos dos sensores.
“Incorporamos mecanismos para que, en presenza desas interferencias, as comunicacións entre os sensores e o satélite sigan funcionando”, apunta Aguado. O investigador incide en que a experiencia vivida co Humsat permitiu comprobar que “existían máis dificultades” para esa comunicación en determinadas zonas do hemisferio norte, polo que o Serpens podería contribuír ao desenvolvemento “dun sistema máis fiable en situacións afectadas por altos niveis de interfencias”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O tempo estable e a fase escura da Lúa permitirán ver as Xemínidas nunha ocasión única en Galicia

É un dos fenómenos astronómicos máis esperados do ano. O seu máximo esplendor terá lugar na madrugada do 14 ao 15 de decembro

Primeiras imaxes de Deimos, a lúa máis misteriosa de Marte

Foi capturada pola Hope Mars Mission e a partir das capturas os expertos deduciron que o satélite puido formarse co planeta

Imaxes de satélite para detectar con rapidez mareas vermellas nas rías galegas

Investigadoras do CSIC deseñan unha nova metodoloxía con fotografías de Sentinel-2 para controlar as proliferacións de algas potencialmente nocivas

O primeiro propulsor espacial de nanosatélites español chega a órbita

Este eléctrico maximiza o tempo de vida dos dispositivos e ofrece control de orientación a nanosatélites. Foi lanzado o pasado outubro