Gráfico coa proba de retransmisión de datos do satélite Serpens.

Gráfico coa proba de retransmisión de datos do satélite Serpens.

O satélite Serpens xa envía datos dende o espazo

Realizou unha proba de control do río Miño nun servizo que habitualmente fai o Meteosat

Arredor das 17.40 h deste xoves, a pegada do satélite Serpens, o terceiro con selo da Universidade de Vigo, situouse sobre Galicia. Foi ese o momento escollido polos investigadores da Agrupación Aeroespacial da institución académica para realizar a primeira demostración en directo e aberta á sociedade da utilidade e fiabilidade do sistema de satélite HumSAT deseñado polos enxeñeiros vigueses e ourensáns. A proba consistiu en mandar en directo, empregando este sistema, os datos hidrolóxicos obtidos na estación de medición da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ao carón do río Miño ao seu Centro de Control de Conca, comparando os resultados cos enviados polo satélite que habitualmente empregan, o Meteosat. A proba foi un éxito, realizándose a conexión e a transmisión de datos tal e como estaba deseñada.

O equipo do Serpens, na proba realizada en Ourense.

O equipo do Serpens, na proba realizada en Ourense.

A proba usou o satélite Serpens, lanzado no mes de agosto desde Xapón e posto en órbita en setembro. Este satélite contén unha carga útil HumSAT desenvolvida na Universidade de Vigo e cuxo software de abordo foi programado polo Grupo de Investigación LIA2 da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, ao igual que nos picosatélites XaTcobeo e HumSAT-D, seguindo as especificacións dos enxeñeiros de sistemas da Agrupación Aeroespacial de Vigo, liderada por Fernando Aguado. Por este motivo, a demostración deste xoves no Centro de Control de Conca da Confederación Hidrográfica Miño-Sil estivo coordinada por Arno Formella, responsable de LIA2, que estivo apoiado polos membros do equipo ourensán Diego Calvo e Santiago Iglesias e do vigués Antón Vázquez. Para poder realizar a demostración, na estación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo estiveron Franco Pérez e Alberto González. O acto contou tamén coa asistencia de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

O satélite Serpens, o terceiro da UVigo, foi lanzado en agosto dende Xapón

O obxectivo da demostración, explicou Arno Formella, foi “visibilizar ante a sociedade o funcionamento do sistema HumSAT cun satélite en órbita e nunha contorna real”. O tema elixido para a demostración foron datos hidrolóxicos, tendo en conta a especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e a colaboración existente entre a institución académica e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A proba consistiu en mandar en directo os datos de temperatura, altura, PH e osíxeno obtidos na estación de medición do río Miño ao Centro de Control. Para facelo, na estación de medición colocouse un pequeno terminal e un amplificador para a antena. A estación terrea empregada foi a ubicada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en Vigo. Os datos recollidos pola estación foron recodificados no terminal e empaquetados en tramas servibles para a súa transmisión ao satélite e a súa posterior transmisión desde o espazo a Vigo, onde foron xestionados nunha base de datos para a súa visualización nunha páxina web, tal e como se puido ver este xoves.

O sistema para a realización desta proba, explicaron os técnicos, foi posto o día 3 de decembro, o que amosa as vantaxes desta tecnoloxía. Segundo lembraron, o proxecto HumSAT (Humanitarian Satellite), apoiado por organismos como a European Space Agency ESA, a United Nations Office for Outer Space Affairs, a California Polytechnic State University, a Universidad Nacional Autónoma de México e a Universidade de Brasília, ten como obxectivo principal instalar unha constelación de varios picosatélites en diferentes órbitas que actúan como receptores de paquetes de datos emitidos por terminais terrestres, sendo as súas vantaxes que ofrece unha cobertura global, independencia doutras infraestruturas, baixo custo e tamaño reducido dos terminais.

Fracasan 1 de cada 5 nanosatélites universitarios pero a UVigo leva xa 3 con éxito

“Si, facemos enxeñaría aeroespacial desde Galicia. Aquí tamén somos capaces de facer cousas”, subliñou Arno Formella, que salientou como a Universidade de Vigo leva xa cinco anos adquirindo coñecemento neste eido, desenvolvendo tecnoloxía e formando a novos enxeñeiros. Esta aposta polo sector aeroespacial, engadiu Virxilio Rodríguez, é unha mostra da colaboración entre centros e institucións, unha mostra de que “é preciso sementar para ver os resultados”, “de que somos eficientes e rendibles pero necesitamos tempo para demostralo” e de que “somos unha universidade ambiciosa nos proxectos”. “Cando mandamos o primeiro satélite a taxa de éxito era dun 20% e a Universidade de Vigo conseguiu situar tres con éxito, algo sen precedentes noutras universidades estatais. Este proxecto é un investimento en formación pero tamén demostra que é útil a nivel real, que conseguimos facer unha tecnoloxía que non se fai en ningún outro sitio”, recalcou Antón Vázquez. Ante estes froitos, salientou Francisco Marín, “é ilusionante” ver que en Galicia se está formando novos profesionais neste eido e que se está creando tecnoloxía aeroespacial.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.