Reunión do proxecto Witdom en Vigo.

Reunión do proxecto Witdom en Vigo.

O proxecto Witdom busca unha ‘nube’ segura para os nosos datos xenéticos

O consorcio internacional, con 4 millóns de financiamento, reúnese en Vigo para rematar a súa investigación

En xaneiro de 2015, e cun financiamento de máis de catro millóns de euros dos que a Comisión Europea achega uns 2,8 no contexto do programa H2020, arrancaba o proxecto Witdom, empoWering prIvacy and seuriTy in non –trusteD envirOnMents, enfocado no procesado seguro de datos xenómicos na nube, como base do avance na detección temperá de enfermidades xenéticas, así como na análise de datos bancarios. Co obxectivo de procurar mecanismos que garantan que os datos das e dos usuarios estean en todo momento protexidos e que nin tan sequera o provedor da nube os coñeza, o consorcio internacional coordinado pola empresa de servizos dixitais Atos España, coa participación de sete socios europeos, entre os que se atopan a Universidade de Vigo e Gradiant, como entidade asociada á institución académica viguesa, enfronta a recta final do proxecto, que se centrará na demostración dos avances e resultados acadados ata o de agora, producindo unha implementación de referencia e dous prototipos nas áreas do procesado privado de datos xenómicos e a externalización segura de servizos financeiros.

witdom 2

“O proxecto xa superou dous dos seus fitos principais, producindo, en primeiro lugar unha metodoloxía de elicitación de requisitos relacionados coa privacidade e seguridade de sistemas externalizados en contornas non confiables e, en segundo lugar, unha arquitectura segura extremo a extremo, aplicable a ditas contornas”, explica o catedrático Fernando Pérez, que xunto ao tamén investigador do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións Juan Ramón Troncoso, lidera a participación da Universidade de Vigo neste proxecto. Así mesmo, sinalan os investigadores de AtlantTIC, leváronse a cabo avances significativos en termos de investigación en áreas de procesado de sinal, ‘data masking’, anominización de datos sensibles, técnicas de cifrado homomórfico e verificación de integridade de datos externalizados. A maior parte destes avances e resultados demostraranse ao longo do terceiro ano do proxecto, “producindo unha implementación de referencia e dous prototipos en áreas de aplicación de grande impacto, como son o procesado privado de datos xenómicos e a externalización segura de servizos financeiros”, explica Juan Ramón Troncoso.

O proxecto busca seguridade total dos nosos datos bancarios ou de saúde

Xunto aos representantes no proxecto da empresa Atos e da Universidade de Vigo, desde o martes 18 ao xoves 20 de outubro, participaron nun encontro celebrado no campus vigués o resto de integrantes do consorcio internacional: K.U. Leuven (Bélxica), IBM (Suiza), Fondazione Centro San Raffaele (Italia), XLAB (Eslovenia) e BBVA (España). Na quinta reunión do consorcio, despois das celebradas en Madrid, Liubliana, Zurich e Lovaina, as e os representantes dos socios de Witdom revisaron os avances rexistrados en todos os ámbitos (xestión, investigación, desenvolvemento, diseminación e explotación) e decidiron sobre a dirección do proxecto.

“Participar nun proxecto europeo sempre é enriquecedor e nun consorcio como o de Witdom cada actor achega a súa experiencia de modo complementario e sinérxico, o que posibilita acadar resultados que cada un dos socios non podería levar a cabo individualmente”, explica Troncoso, que lembra que o proxecto conta con representantes de todos os elos da cadea de valor, desde universidades a usuarios finais (hospitais e bancos), pasando por industriais. “No caso da Universidade de Vigo, a través do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións, desempeñamos o rol de coordinador técnico do proxecto e contribuímos coa nosa experiencia na investigación de ferramentas de procesado seguro de sinal para a protección de privacidade e, en colaboración con Gradiant, achegamos solucións de anonimización e pseudonimización en contornas non confiables”, detalla Fernando Pérez en relación coas achegas da institución académica ao proxecto.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.