Campamento Tecnópole

Experimento con imaxes holográficas nunha edición anterior.

O campamento de verán da ciencia

Figuras en 3D que flotan, pirámides de espaguettis e robots, na estanza de rapaces no Parque Tecnolóxico de Galicia

Os 30 participantes do campamento de verán organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole experimentan das maneiras máis divertidas para adquirir competencias e habilidades tecnolóxicas. Na mañá deste mercores, por exemplo, construíron foguetes impulsados por auga e pirámides con espaguettis, proxectaron figuras en 3D usando un smartphone e programaron robots. Son algunhas das actividades que están a desenvolver no único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia.

As instalacións das Aulas Tecnópole, en Ourense, acollen aos rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos que participan nos Tecnópole Technological Workshops (T2W), que comezaron esta semana e se estenderán ata o 11 de xullo, co patrocinio da operadora de cable galega R e da empresa de telecomunicacións Coremain.

Logo de atender ás explicacións sobre as leis de Newton e os principios básicos da aerodinámica, os participantes tiveron un prazo de dúas horas para deseñar e construír os seus propios foguetes propulsados por auga e aire. Unha vez rematados, puxéronos a proba nunha competición lanzándoos e medindo as distancias acadadas.

O de Ourense é o único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia

Para aprender como funcionan as imaxes holográficas, os alumnos descubriron que hai detrás do truco utilizado desde hai anos nas atracións de feira e nos números de maxia para facer aparecer pantasmas. Usando unha tablet e unha pirámide holográfica, conseguiron converter imaxes planas en imaxes 3D que se moven e flotan no aire.

Utilizando técnicas de triangulación, os participantes foron retados a construír a pirámide máis alta posible a base de espaguettis. Os que máis afinaron nos cálculos competiron entre eles, resultando vencedora unha estrutura que acadou os 170 centímetros.

Ademais, os campistas están experimentando estes días con robots construídos con pezas e mecanismos LEGO Mindstorms, co reto de aprender a programalos para realizar diferentes funcións de forma autónoma.

Todos os participantes traballarán durante estas dúas semanas no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Para facelo posible, a formación inclúe nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etcétera. Os mellores de cada categoría terán asegurada a súa participación na próxima Galiciencia, a feira científica que organiza Tecnópole no mes de novembro.

Os alumnos tamén fan deporte e participan en talleres para falar en público e debates

Os obxectivos deste campamento tecnolóxico consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público, entre outras.

Este ano estase a intensificar a práctica do inglés, coa presenza dun profesor nativo que acompaña aos alumnos e alumnas todos os días durante as comidas e en varios talleres e actividades.

Os monitores e profesores son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se están a desenvolver na academia, aplicando unha metodoloxía dinámica, participativa, flexible, integradora e adaptada a cada tipo de idade.

Dado que se trata dunha actividade integrada no tempo de vacacións dos participantes, trátase de fomentar a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais. Así, durante o campamento os participantes practican tamén actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación, o tenis ou o atletismo.

As aptitudes comunicativas e a expresión corporal están a ter un oco importante na axenda de todos os grupos de idade, con talleres para falar en público e sesións de debate. Ademais, reciben educación ambiental e aprenden hábitos de alimentación saudables mediante a preparación de comidas sinxelas con produtos da horta ecolóxica.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.