Venres 29 Marzo 2024

A Liga de fútbol recoñece que espía aos usuarios da súa ‘app’ para móbiles

Ponte en situación; es un aficionado ou aficionada ao fútbol que, para seguir ao detalle todo o relacionado coa Liga española, descargas a súa aplicación oficial no teléfono móbil. Cando pasas a ler os termos en condicións, aceptas todas as indicacións que se che expoñen. Incluída unha que di o seguinte:

“Protexe ao teu equipo! Facendo clic aquí, aceptas que La Liga procese os teus datos persoais, incluíndo os datos obtidos a traés do micrófono do teu teléfono móbil e a túa localización, para detectar fraude no consumo de fútbol nos establecementos públicos non autorizados”.

É dicir: coa excusa de detectar as “actividades fraudulentas” na difusión dos partidos da Liga e outros contidos, a aplicación accede ao micrófono do teu teléfono móbil e ubica a túa posición. Se esta detecta que estás vendo un partido nun lugar que non está autorizado a emitilo, pasas directamente a ser unha especie de delator deste tipo de prácticas. Segundo datos de Google e Apple, estímase que esta aplicación tivo máis de 10 millóns de descargas.

Publicidade

É unha situación que esperta de novo a preocupación sobre as supostas eivas de privacidade no uso dos dispositivos electrónicos.

Así o denunciaron nos últimos días numerosos usuarios a través das redes sociais. Ante a polémica xerada, a propia Agencia Española de Protección de Datos anunciou este luns que abrira “actuacións previas de investigación de oficio” respecto ao tema.

“Código binario”

Tamén respondeu a propia Liga, cun comunicado no que recoñecía o acceso ao micrófono e á ubicación dos dispositivos. “Cando un usuario descargue ou actualice a ‘app’, o sistema operativo do teu dispositivo móbil solicitaralle a través dunha ventá emerxente que facilite o seu consentimento para que La Liga poida activar o micrófono e o xeoposicionamento do seu dispositivo móbil. Só se decide aceptalo, o micrófono captará o código binario de fragmentos de audio, co único obxecto de poder coñecer se está vendo partidos de fútbol de competicións disputadas por equipos de La Liga, pero nunca se accederá ao contido da gravación”.

Afirma a entidade que “implantou medidas técnicas oportunas para protexer a privacidade do usuario se autoriza que utilicemos esta funcionalidade”. Argumentan que “só se activarán” estas funcións “durante as franxas horarias de partidos nos que compitan equipos de La Liga”. Ademais, sosteñen que “non accede aos fragmentos de audio captados polo micrófono do dispositivo, xa que se converten de forma automática nun código binario no propio dispositivo. La Liga só accede a este código binario, que é irreversible e non permite obter de novo a gravación do audio”.

E non só isto; aínda que La Liga di “protexer a privacidade do usuario”, o certo é que non é totalmente así. Di o comunicado que “se este código coincide cun código previo de control, La Liga poderá saber que está vendo un partido determinado. Se non coincide, o código elimínase”.

Porén, estes datos non son anónimos. “Os códigos non irán referidos ao seu nome, senón á súa dirección IP e ao identificador específico que asigna a ‘app’ cando o usuario se rexistra.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aplicacións de xeolocalización para nenos e adolescentes: como debemos usalas?

Investigadores da UVigo analizan se as ferramentas de seguimento en tempo real socavan a confianza dos menores

Un estudo constata o ‘baixón’ no rendemento dos futbolistas a partir dos 30 anos

O investigador da UVigo Ezequiel Rey é un dos autores dun traballo internacional que recolleu datos de 419 xogadores de Primeira e Segunda División

Por que Radar Covid non está triunfando como debería?

A falta de implantación da 'app' e os problemas para xerar os códigos que avisan a contactos estreitos fan medrar a desconfianza da cidadanía

Xa podes notificar o teu positivo a través de Radar Covid desde Galicia

A aplicación para o seguimento de contactos de persoas infectadas polo SARS-CoV-2 completa o seu funcionamento, pendente da total implantación en galego