Xa podemos adestrarnos para estar en forma coas conxugacións. Os verbos en galego non teñen segredos grazas á nova aplicación creada por dous profesores da Universidade de Heildelberg (Alemaña). Gabriel Pérez Durán e Óscar Rivas González desenvolveron ‘O Ximnasio dos Verbos’, que naceu como un proxecto docente dentro das aulas de lingua e cultura galegas no Romanisches Seminar da Universität Heidelberg.
Ao abeiro desta institución, o Galicien Zentrum (adscrito ao Iberoamerika-Zentrum) leva máis de 30 anos desenvolvendo as súas actividades sobre Estudos Galegos nas áreas de Filoloxía Románica e de Tradutoloxía. E, froito das súas actividades, xurdiu esta app, que se presenta “para que adestres o presente con alternancia vocálica e os verbos irregulares en galego”.
Dispoñible para a súa descarga en Google Play, e adaptable aos dispositivos Android, O Ximnasio dos Verbos presenta as conxugacións con toque de humor: “Co noso plano de adestramento -afirman- poderás retrucar como un/ha regueifeira e axiña serás un/ha Jedi dos verbos. Despois, o único que che quedará será axudar a outras persoas para que consigan o teu dominio do galego”.
A aplicación funciona sen necesidade de estar conectados, agás as definicións dos verbos e certas ligazóns, que requiren ligar cunha rede wifi ou de datos celulares.
“É subes ou sobes? Non te preocupes! Consulta todos estes verbos revirados e escóitaos”, convidan dende O Ximnasio dos Verbos. “Como máis vale experiencia que ciencia, ofrecémosche exercicios para que adestres os teus abdominais verbais”, comentan na presentaciónda app os profesores galegos impulsores da iniciativa.
Grazas a estes traballos a nosa lingua pode seguir viva!!!! Parabéns!!!
Haberá que muscularse…logo !!
Gracias polo voso traballo, por compartirlo.
Omitas grazas si.