Unha das probas da competicións de robots na UVigo.

Unha das probas da competicións de robots na UVigo.

Invasión de robots na Universidade de Vigo

Case mil alumnos de secundaria presentan os seus autómatas na Escola de Industriais do campus vigués

Centos de autómatas percorrían esta mañá ás súas anchas o vestíbulo da Escola de Enxeñaría Industrial. Unha estampa que ben podería recordar a unha película futurista, pero nada máis lonxe da realidade. A II Competición de Robots converteu o chan do centro en ring, circuíto, labirinto e, en definitiva, banco de probas para a posta a punto destes pequenos aparellos. O evento duplicou as súas cifras de asistencia respecto á anterior edición e máis de 900 alumnos e alumnas procedentes de 40 centros de toda Galicia chegaron á escola para amosar as súas mellores creacións, feitas en equipo e preparadas para ser as vencedoras da xornada. “Foi unha sorpresa moi agradable xa que non contabamos con superar o número de equipos inscritos na primeira edición”, subliñou o director do centro, Juan Pou.

David Vega e Adrián Vázquez co seu robot: Furoca.

David Vega e Adrián Vázquez co seu robot: Furoca.

A principal novidade nesta segunda edición da competición, unha iniciativa posta en marcha pola dirección do centro en colaboración coa Rama de Estudantes do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers), é a súa introdución como proba puntuable para a Liga Nacional de Robótica de Competición (LNRC). Deste xeito, os 156 equipos da categoría WALL-E, dirixida ao alumnado de ESO e Bacharelato, e os 15 formados para o nivel R2D2, no que participa tanto estudantado de titulacións universitarias coma de Formación Profesional, tiveron a oportunidade de pasar un bo rato ao tempo que loitaron por facerse un oco no ámbito da robótica a nivel nacional. Finalmente, o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas impúsoxe na categoría WALL-E para ESO mentres que o IES Frei Martín Sarmiento o fixo na modalidade para Bacharelato. Na categoría R2D2 o premio foi para o Colegio La Paz da Coruña.

O IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas triunfou na categoría Wall-E

“É a primeira vez que facemos un robot”, sinalaba Adrián Vázquez, alumno de 3º da ESO do IES de Pastoriza de Arteixo. El e o seu equipo construíron a Furoca, un autómata que, recoñecen, “é bastante sinxelo de programar, simplemente é cuestión de cambiar as variables para que recoñeza cal é a traxectoria que debe seguir”, explicaba uns intres antes de competir na primeira proba do día.

Entre as probas que deberon realizar os participantes, variedade cargada de entretemento para a práctica individual e colectiva. Para comezar, na categoría WALL-E os robots tiveron que facer un rastrexo individual, no que debían seguir un camiño marcado no chan con cinta adhesiva, e seguidamente enfrontarse a unha modalidade colectiva de sumo na que o autómata que máis tempo aguante dentro dun ring cun diámetro de un metro. Esta proba adoita ser a favorita dos participantes “porque podes modificar a aparencia do robot ao teu gusto para que sexa o máis competitivo posible, como por exemplo poñerlle pas e distintos accesorios para botar ao teu contrincante”, comenta Fabián Pérez, integrante do Grupo 13. Xunto cos seus compañeiros, este alumno de 4º da ESO no IES de Tomiño xa sabe o que é participar en probas de robótica, como a que organiza Lego en Vigo para experimentar cos seus Mindstorms.

O equipo Lagarto do IES da Pastoriza.

O equipo Lagarto do IES da Pastoriza.

Para a categoría R2D2, as probas foron as mesmas, aínda que a maiores os participantes disputaron as modalidades individuais de labirinto, no que debían entrar e seguir un percorrido para lograr saír del, e varredor, que tiña como obxectivo sacar catro latas dun recinto circular dun metro de diámetro.

Rematadas as probas e as peripecias, chegou o momento de recompensar aos mellores creadores da xornada, pero tamén aos máis orixinais. Na categoría de WALL-E para de 1º a 3º da ESO o primeiro premio foi para o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, seguido polo IES Pastoriza de Arteixo e o IES de Tomiño. Na mesma categoría pero para estudantes de 4º da ESO, o premio foi tamén para o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, pero desta volta seguido polo Alexandre Bóveda de Vigo e o Colexio Santa María del Mar da Coruña. Na modalidade WALL-E de Bacharelato os gañadores foron os estudantes do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra que crearon a Sumo y Sigo, seguidos polos do IES Primeiro de Marzo de Baiona e o seu Jäggere o IES de Brión co robot Brión5. Na categoría R2D2 o primeiro premio foi para APT GET Grupo, do Colegio La Paz da Coruña; o segundo para Os Tumbafentos, da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo e o terceiro para o Colexio Montecastelo.Todos eles recibiron 100, 75 e 50 puntos, respectivamente, para a súa clasificación na LNRC. Para concluír, o premio especial ao equipo máis orixinal foi desta volta ex-aecuo para dous robots, decisión tomada polo xurado dada “a enorme imaxinación e creatividade amosada por todos”. Así, foi premiada a orixinalidade de Escalubur, do IES Auga da Laxe de Gondomar e de Ferroláns, do IES Canido de Ferrol.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.