Xoves 28 Marzo 2024

A Informática que estuda os sentimentos

Galicia demostrou, por segundo ano consecutivo, que hai moito talento novo no eido da informática. O ano pasado foi Alejandro Ramos, o creador de Galiweather e investigador do CiTIUS de Santiago, o que recibiu un dos premios aos Mozos Investigadores da Sociedad Científica Informática de España. E de novo un galego acadou este ano o galardón. Foi David Vilares Calvo (Vigo, 1989), investigador do grupo LyS (Procesamento da Linguaxe Natural) da Universidade da Coruña, premiado polo xurado “polas súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na súa aplicación ao análise de sentimentos en redes sociais”

“É un empurrón nun mundo inestable como o da investigación, onde ó rexeitamento é unha situación habitual”, conta David Vilares

David Vilares sentiuse “moi contento, pero tamén sorprendido, xa que cando participas nunha convocatoria a nivel nacional es consciente de que o número e o nivel dos participantes vai ser alto, e ser un dos seleccionados é complicado”, conta a GCiencia. E supón tamén un empurrón profesional nun mundo inestable e complicado como o da investigación, “onde o rexeitamento é unha situación ca que temos que lidar habitualmente”, comenta. O informático vigués subliña a importancia de recibir este recoñecemento “nunha época onde existe unha notable inestabilidade no ámbito I+D”.

Publicidade

Coma outras tantas persoas da súa xeración, o interese de David Vilares pola informática comezou de moi novo. “E tamén dende pequeno son aficionado a ciencia ficción, onde a tecnoloxía ten un rol principal”. No Bacharelato, debateuse entre Física e Enxeñaría Informática. Acabou escollendo a segunda, “que me daba a oportunidade de poder aprender sobre temas coma a Intelixencia Artificial (IA), que espertaban o meu interese”.

A intelixencia artificial e os sentimentos

Ao comezar a carreira, Vilares afondou no seu interese polas materias relacionadas coa IA. Entre elas, Procesamento da Linguaxe Natural, “a área que se ocupa de desenvolver sistemas de IA capaces de interpretar as linguaxes humanas“. Sobre isto abordou o proxecto fin de carreira, e posteriormente comezou o doutoramento na área de Análise do Sentimento. Tras realizar estancias en Inglaterra e Singapur, agora traballa no grupo da UDC.

E como é posible analizar os sentimentos mediante a computación? “As máquinas, coma os humanos, poden aprender a resolver tarefas a partir de exemplos. Para isto, primeiro recóllese unha colección de oracións que conteñan distintas opinións e sentimentos. Dita colección serve para guiar métodos de aprendizaxe automática. Durante este proceso, os modelos aprenden a identificar as palabras, construcións lingüísticas, estruturas sintácticas e outros patróns que determinan ou inflúen á hora de obter o sentimento das opinións expresadas polos usuarios”, introduce David Vilares.

A Análise do Sentimento ten aplicacións sociais, políticas ou comerciais

E que se obtén? “Como resultado, chegamos a un modelo que serve para analizar novas oracións, para as que o sentimento non e coñecido. Dito noutras palabras, as máquinas poden funcionar e resolver problemas de maneira similar á dos humanos, que aprendemos en base a nosa propia experiencia para logo resolver situacións futuras baseándonos en elementos para os que xa coñecemos a resposta”.

Este ámbito, ás veces visto con desconfianza e temor, ofrece un gran abano de aplicacións. Expón David Vilares que “a Análise do Sentimento ten múltiples aplicacións, coma descubrir rapidamente e a gran escala a opinión que a sociedade ten sobre certas medidas políticas, eventos ou problemas locais. Tamén é de utilidade para establecer comparacións entre os aspectos de varios produtos nos que o usuario estea interesado, de maneira que poida decidir cal deles se adecúa máis as súas características, baseándose nas opinións de centos de usuarios que compraron ditos produtos previamente, por exemplo”.

É un mundo que muda a gran velocidade. “Na Informática en xeral, e o Procesamento da Linguaxe Natural en particular, os avances prodúcense con moita rapidez e é habitual que se manifesten coma un conxunto continuado de pequenas melloras. Isto require un esforzo adicional a hora de documentarse”, conclúe David.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador

Pódcast | Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

Pódese predicir o estrés emocional dos adolescentes a través da voz? Así o investiga atlanTTic

Dende o centro da UVigo lidéranse varios proxectos nos que se utiliza a intelixencia artificial para analizar a fala e, así, mellorar a calidade de vida das persoas