Venres 29 Marzo 2024

Así naceu a informática en Galicia

Universidade de Santiago de Compostela, curso 1962-1963. Naquel curso chegou á institución académica o primeiro computador que pisaba territorio galego. Foi un aparello analóxico, do tamaño dunha pequena lavadora, que se empregou para realizar cálculos no departamento de Química Técnica, onde estaba situado. Era o primeiro gran paso na implantación da informática no país.

Varias empresas e institucións comezaban a apostar pola informática en Galicia, e en 1969, cando o home xa pisaba a Lúa, instalouse na Facultade de Ciencias da USC, no mesmo lugar que hoxe ocupa a aula de informática da Facultade de Química, o primeiro ordenador dixital: un IBM 1130 que costou a notable cantidade de 9 de millóns de pesetas do ano 1969 (o que podería equivaler a uns 1,2 millóns de euros, ou 200 millóns de pesetas, na actualidade). Empregábase para almacenar os datos dos alumnos da universidade.

Publicidade

O primeiro computador dixital da USC costou 9 millóns de pesetas en 1969; uns 1,2 millóns de euros actuais

Estes feitos e moitos outros datos interesantes, desde os primeiros sistemas de cálculo no mundo rural ata os actuais supercomputadores do Cesga, cóntaos o xornalista Henrique Neira no seu libro Historia da informática en Galicia: unha cronoloxía, editado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).  O traballo está dispoñible de forma gratuíta na web en formato PDF. Neira, cunha dilatada experiencia no xornalismo científico e tecnolóxico, ten en conta non só os equipos propiamente informáticos, senón tamén os seus antecesores, que marcaron o camiño para unha disciplina básica e imprescindible hoxe en día.

Para desenvolver o seu traballo, o xornalista mergullouse en arquivos e hemerotecas e, xunto cun equipo de persoas voluntarias do CPEIG, entrevistou máis de 40 persoeiros clave nesta historia da informática galega. Está previsto que estas conversas se inclúan nunha futura plataforma dixital, a modo de enciclopedia, na que xa traballa xunto ao CPEIG.

Henrique Neira. Foto: Fernando Blanco.
Henrique Neira. Foto: Fernando Blanco.

“Nalgúns castros atopáronse restos de xogos matemáticos, semellantes ao tres en raia, e na vendima ou nos muíños había sistemas para calcular os quilos de uvas ou o número de sacos de gran. Son, dalgunha maneira, antecesores da computación”, sinala Neira.

Xa entrado o século XIX, co desenvolvemento da mecánica e as primeiras tecnoloxías, algúns galegos crearon inventos que se poden considerar de visionarios. É o caso de Ramón Verea, un estradense emigrado a Cuba, que en 1878 obtén nos Estados Unidos a patente dun modelo de calculadora que realizaba, por primeira vez, “multiplicacións de forma directa en vez de empregar voltas de manivela”, segundo explica Henrique Neira no seu traballo. E no século XX aparecen figuras como Ángela Ruiz Robles, unha mestra afincada en Ferrol que desenvolve un prototipo de enciclopedia mecánica, antecesora do libro electrónico.

Galicia ten outros moitos nomes propios na súa historia da informática. Na USC foi clave o papel de Manuel Bao e Joaquín Ocón, que comezaron a usar o computador analóxico na facultade de Ciencias, Juan Casares, primeiro director do Cesga, Miguel Ángel Ríos, actual presidente da RAGC, que conseguiu instalar o primeiro supercomputador de Galicia no departamento de Química Física da USC, ou Ana María Prieto, a primeira programadora galega, que se formou e traballou en Madrid a comezos dos anos 60.

E como cambiaron as cousas neste tempo? Henrique Neira describe con exemplos gráficos as diferenzas de almacenamento daqueles primitivos equipos, de gran tamaño e pouca capacidade, cos dispositivos actuais. “Había discos duros de 10Kb, o que pode ocupar hoxe un sinxelo documento de texto, e outros de 1Mb que tiñan o tamaño dunha pandeireta“, lembra.

Coa chegada da web, a comezos dos 1990, Galicia tamén se subiu ao tren. En 1993, investigadores da USC e o CERN puxeron e marcha o primeiro servidor web de Galicia. Desde entón, a progresión foi xeométrica. Milleiros de iniciativas, portais institucionais, medios de comunicación, equipos punteiros e as últimas técnicas de supercomputación e intelixencia artificial, das que Galicia xa participa.

Podes ler o libro ao completo nesta ligazón.

1 comentario

  1. Buen encuentro el de esta página sobre ciencia y tecnología escrita en gallego, un idioma que no hablo ni escribo, pero que lo entiendo bastante bien.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Guía para o Black Friday en Galicia: como evitar que te estafen

As principais ciberaemazas son a chegada de mensaxes de texto ou correos electrónicos con ligazóns a unha páxina falsa

Cando a música e a informática se alían: “Un músico poderá atopar partituras cantaruxando”

A investigadora da UDC Hilda Romero Velo crea unha aplicación web e móbil para solucionar algúns dos problemas aos que se enfrontan os músicos no día a día

“Chat GPT fascíname como investigadora, como usuaria dáme medo”

A informática Verónica Bolón recibe o Premio Ada Byron polo seu estudo dos algoritmos verdes e o fomento das vocacións STEM

Roubo de contrasinais e mensaxes fraudulentas: estas son as estafas máis comúns do Black Friday

O Coñexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia alerta dos enganos máis habituais nestes días de ofertas e compras en liña