O 8 de marzo de 2003, o galego abría unha nova fiestra na Internet. Ese día rexistrouse a primeira entrada na Galipedia, a versión na nosa lingua da enciclopedia libre de internet. Foi unha entrada lexicográfica, coa definición da palabra ‘grupo‘, que aínda se conserva hoxe como lembranza, Pouco despois, rexistrouse o primeiro administrador. 15 anos máis tarde, aínda coas súas eivas, que día tras día se van corrixindo, hoxe é unha ferramenta clave para os internautas, e cun grande potencial educativo e divulgativo.
Catro días antes do seu décimo aniversario, o 4 de marzo de 2013, superou as 100.000 entradas, e hoxe conta xa con máis de 145.000 entradas, uns 25 editores estables e 1.000 artigos novos ao mes. Centos de persoas contribúen a compartir coñecemento en lingua galega sobre todo tipo de temas. Para conmemorar o aniversario, a comunidade de administradores e editores celebrará un encontro en Ourense, no que realizarán un maratón de edición con motivo do Día Internacional da Muller. A elección do lugar e o tema non son casuais. Unha gran maioría dos editores da Galipedia – arredor do 90% – son homes, e a provincia de Ourense, xunto á de Lugo, ten moi poucos editores activos. Queren fomentar, por tanto, unha maior participación feminina e que as provincias do leste de Galicia tamén se involucren na enciclopedia.
Nesta mesma liña, a comunidade organiza iniciativas de xeito periódico para visibilizar diversos colectivos na rede. Hai só uns días, da man da Biblioteca Universitaria da USC, organizaron un maratón no que conseguiron que 23 mulleres científicas, máis da metade delas galegas, tivesen unha páxina na Wikipedia en galego.
A Galipedia por dentro
Calquera persoa con acceso a internet pode editar na Galipedia. Nin sequera é preciso, aínda que si recomendable, crear unha conta de usuario. E unha vez dentro, é posible comezar a crear contidos.
É preciso exercer determinados filtros para garantir a calidade das entradas. Sempre adoita haber algún usuario ‘de garda’ para evitar o que eles chaman ‘vandalismos‘. É dicir, insultos e datos falsos ou con nesgo. En canto alguén os detecta e os corrixe, quedan eliminados. Segundo sinalan os administradores, é raro o caso no que algún ‘vandalismo’ dure máis de 8 horas nunha entrada.
Do mesmo xeito, entre os administradores e editores hai expertos en diversos eidos das ciencias, as artes ou as humanidades para completar e mellorar os novos artigos que vaian xurdindo. A veracidade, a riqueza de fontes e o estilo tamén se teñen en conta: hai unha serie de artigos considerados como ‘de calidade‘, votados pola propia comunidade xestora, que recoñece ás entradas que destacan entre as demais.
O reto: todas as parroquias de Galicia coa súa fotografía
O número de artigos medrou de xeito exponencial, como se pode ver na gráfica xunto a estas liñas. Hoxe, todos os días xorden unha media de 30 artigos novos. Con este traballo, a comunidade vaise marcando retos que enriquecen o coñecemento libre na rede. Un deses obxectivos é que todas as parroquias de Galicia (3.772) teñan cadansúa entrada con fotografía na enciclopedia: unha imaxe dalgunha aldea, unha paisaxe, un castro, a igrexa… que estea localizada no territorio de cada parroquia. Xa o conseguiron coas das provincias da Coruña e Pontevedra, e traballan para rexistrar na rede, para sempre, todas as de Ourense e Lugo. Un traballo en rede e na rede que, ao tempo, contribúe á conservación e a divulgación do patrimonio.
Escribín onte, pero non sei que pasou. Son o autor da imaxe. Ante todo, grazas polo recoñecemento da autoría. Por outra banda, xa de paso, creei un novo gráfico actualizado, por se queredes usalo, xa sabedes onde: https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Actualidade
a aclaración heche boa… non son parroquias eclesiásticas e non son igrexas civís
Boas, son un dos administradores da Galipedia, lin o seu artigo e agradézolles a información que presentan do proxecto. Porén gustaríame que, se fose posible, amañaran dous problemiñas que atopei. A vixilancia dos vandalismos non é tarefa exclusiva dos administradores, de feito hai moitos usuarios que revisan os cambios recentes e solucionan eses problemas.
O segundo detalle é que non estamos a buscar imaxes das igrexas das parroquias, o que procuramos son imaxes para ilustrar os artigos das diferentes parroquias, poden ser fotos dunha aldea, dunha paisaxe, dun castro, ou dunha igrexa, o que sexa, pero que estea localizado no territorio desa parroquia.
Moitas grazas de novo polo artigo e un saúdo,
Elisardo
Ola Elisardo,
Moitas grazas polas aportacións. Agora mesmo o corriximos.
Saúdos, e parabéns polo aniversario!
Manuel