Algunhas redes sociais aínda non ofrecen a oportunidade de empregar o galego.

Algunhas redes sociais aínda non ofrecen a oportunidade de empregar o galego.

Físicos da USC demostran que as redes sociais fortalecen o uso do galego

Un modelo matemático asegura que as linguas minoritarias se poden recuperar cando os seus falantes interactúan a través das redes

Nun contexto no que conviven miles de linguas e por extensión posibilidades idiomáticas, físicos da USC analizaron a través de modelos matemáticos o efecto das relacións sociais sobre as dinámicas de poboacións. En particular os investigadores prestaron atención á coexistencia de idiomas e ao feito de que os/as falantes están conectados mediante redes sociais de comunicación. Alberto Pérez Muñuzuri, coordinador do grupo de Física non lineal da USC e co autor do artigo que agora publica Open Science da Royal Society, conclúe que o efecto destas redes, “lonxe de homoxeneizar unha lingua dominante, pode ser a causa de que apareza diferenciación e, no caso particular que se analiza, axudar á coexistencia de dúas linguas”.

Un falante dunha lingua minoritaria illado xeograficamente “vese reforzado na súa lingua se a través das redes ten o feedback axeitado”, aclara o profesor Pérez Muñuzuri. Este é o caso dalgunhas linguas de nativos americanos que estaban a punto de desaparecer e foron rescatadas grazas ás redes, pon a modo de exemplo o investigador. A clave estaría no contacto con usuarios de calquera parte do mundo a través do uso masivo das redes sociais o que, por extensión, favorecería a permanencia dos idiomas minoritarios.

Estes resultados son froito do traballo do profesor Pérez Muñuzuri xunto con Ignacio Vidal-Franco e Jacobo Guiu-Souto, ambos tamén do mesmo grupo de investigación. “Os individuos máis conectados e máis activos dunha rede, con maior volume de interaccións, son os que poden manter máis diversidade”, o que redundaría na supervivencia dos distintos idiomas. A súa reflexión parte da idea de que na actualidade, algunhas das linguas con menor volume de falantes afrontan a súa supervivencia condicionadas por unha nova variable, a globalización das comunicacións. Na súa hipótese inicial de traballo, os investigadores tiveron en conta que “algúns autores asumen que esta nova ameaza pode incrementar as posibilidades de supresión de linguas minoritarias”. Non obstante, a conclusión dos físicos da USC vén matizar estas ideas iniciais na medida en que “falantes altamente interconectados son máis propensos a diferenciarse” en base ao que se sustentaría a supervivencia de linguas diversas.

Á esquerda Alberto Pérez, xunto a Jacobo Guiu-Souto e Ignacio Vidal-Franco, á dereita de arriba abaixo. Foto:USC

Á esquerda Alberto Pérez, xunto a Jacobo Guiu-Souto e Ignacio Vidal-Franco, á dereita de arriba a abaixo.
Foto:USC.

Para o desenvolvemento desta reflexión sobre a capacidade da supervivencia das linguas, o grupo de físicos utilizou modelos matemáticos. Son “moitos os intentos de modelar matematicamente” a coexistencia das linguas ao longo da literatura científica. De feito, e como sinalan no artigo os físicos, “os modelos máis recentes tamén inclúen a posibilidade de exhibir a coexistencia de dúas linguas”. Modelos máis elaborados introduciron a distribución espacial dos falantes e intentaron identificar as condicións baixo as que podía aparecer a distribución non homoxénea dos idiomas, síntoma da súa supervivencia.

Os investigadores abordan o efecto dos medios de comunicación social na competencia das linguas e afrontan este efecto “cun enfoque completamente diferente: centrámonos no grao de conectividade entre os diferentes oradores e intentamos introducilo no noso modelo matemático”. O grupo considerou unha rede ‘non-difusiva’ ‘non-local’ de acoplamentos –aquela segundo a que un falante interacciona con outros con independencia de onde estean xeograficamente, xa que o emprazamento non ten importancia- e analizou o efecto da coexistencia de linguas. Este tipo de acoplamento, “a diferenza do puramente difusivo, reflicte mellor o grao de globalización das comunicacións na actualidade e o feito de que os falantes non estean conectados necesariamente con outros situados preto fisicamente”, senón tamén con interlocutores en lugares lonxe a través dos medios sociais.

O fundamento deste enfoque atópase en teorías definidas por Alan Turing a mediados do pasado século arredor do concepto de inestabilidade e segundo as que un sistema permanece en estado estacionario –estable sen difusión- ata que pequenas perturbacións alteran o estado do sistema nunha nova situación na que coexisten dous valores completamente diferentes. No caso estudado polo equipo da USC, nun contexto de redes libres de escala, a inestabilidade actívase polo grao de conectividade entre os nodos e, polo tanto, “os nodos máis conectados son máis propensos a acumular perturbacións polas súas conexións e a pasar a un dos valores estables”.

A conclusión dos físicos da USC é que no contexto dun modelo bilingüista os falantes cun alto grao de conectividade –cunha alta actividade en medios sociais- teñen máis probabilidades de diferenciar ou manter un estatus diferenciado. Alcanzado o estado final, engaden o artigo, a situación permanecería invariable “o que predí a coexistencia de ambos idiomas”. Matizan os autores que o resultado é alcanzable so si o grao de conectividade supera un certo umbral de conectividade.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.