Venres 19 Abril 2024

Enxeñeiros e xuristas contra o crime na rede

“A lei é coma unha vella que intenta alcanzar a unha rapaciña, que é a realidade. Na ciberseguridade, a realidade é unha rapaza en moto”, compara Víctor Salgado, director técnico da xornada Ciberdefensa no século XXI: ciberdelitos, vixiancia online e a e-xustiza, un encontro que se celebra en Santiago o vindeiro 21 de outubro coa presenza de expertos dun e doutro lado, da técnica e da lei. Organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) coa colaboración do despacho de avogados de Salgado, especializado en ciberdelito, a xornada trae á capital de Galicia, entre outros, ao subdirector xeral do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Luis Jiménez, ou ao maxistrado da Audiencia Nacional Eloy Velasco, a cargo dalgunha das investigacións sobre corrupción máis relevantes dos últimos anos, como a do caso Púnica. É a quinta edición dunhas xornadas nas que tamén colabora a Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Conferencia da xornada xudicial de 2014
Conferencia da xornada xudicial de 2014.

Concibida como unha actividade divulgativa, a xornada mestura o debate sobre o papel dos hackers, o uso da proba electrónica – dende a corrupción a un proceso de divorcio- ou a protección de infraestruturas e servizos xa totalmente dependentes da tecnoloxía informática, como os transportes e as telecomunicacións. O encontro terá lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura e busca, en palabras de Salgado, debater sobre as variadas facetas implicadas na loita contra o crime a través da rede.
Di o director da xornada que a tecnoloxía e as oportunidades que deixa abertas ao delito condicionan cada día máis a vida nas empresas e tamén dos particulares. “Hai unha intrusión na vida privada coa chamada internet das cousas. Vivimos rodeados de ordenadores en miniutura que monotorizan toda a nosa vida. Ofrécennos servizos moi interesantes, pero á vez facilítase que aqueles que teñen o coñecemento necesario poda delinquir. Son os malchamados hackers, malchamados porque naceron denunciando as vulnerabilidades e agora asimílanse na linguaxe aos delicuentes”, expón. No seu caso dende o campo do Dereito, cre que non é suficiente un único enfoque para abordar a ciberdelincuencia. “Non basta o enfoque técnico, policial ou xurídico. Debe ser unha achega multidisciplinar“.
Un estudo recente asinado polo Ministerio de Interior cuantificaba a impunidade dos ciberdelincuentes no 95% dos casos. A ciencia debería, porén, facerlle baixar. “Hai unha sensación de impunidade, é complicado obter probas, localizar a autores que poden estar camuflados en distintos países e grupos. Pero a técnica avanza tamén para axudar á recompilar evidencias. Os malos tamén deixan probas. O primeiro condenado por unha pegada dixital debeu de quedarse de pedra”.

Un estudo de Interior cifra a impunidade dos ciberdelincuentes nun 95% dos casos

“O mesmo pasa no ciberdelito”, continúa. “Hai un tempo levamos un asunto en colaboración coa Garda Civil sobre o plaxio dun código-fonte. Tiñamos case todo, pero faltábanos a persoa que materialmente cometera o delito. Curiosamente, o programa que usou gravou no propio arquivo a ruta da carpeta na que se fixo a compilación. Nela estaba o seu nome de usuario. Só había tres persoas con ese nome de usuario e unha delas estaba en Vigo”, lembra Salgado.
Malia que o organizador da xornada entende a tecnoloxía para perseguir o ciberdelito evoluciona rapidamente – “ás veces non sabemos nin con que ferramentas contamos”- cada ano aumenta sobre un 40% o número de delitos cometidos na rede. “O orzamento para loitar contra el non se incrementa na mesma proporción”, quéixase Salgado. O Ministerio Fiscal conta cunha unidade especializada en cibercrime.
Hoxe os delitos informáticos máis frecuentes son o fraude, sexa mediante roubo de datos ou todo tipo de enganos, seguido de delitos contra a liberdade sexual. “Eu non o situaría como ciberdelito, aínda que se vale das tecnoloxía para difundirse e gañar auxe”, matiza Salgado. Os delitos contra a intimidade, co acceso non autorizado a datos, ocupan o terceiro posto. O cuarto lugar ocúpano os delitos contra a propiedade intelectual. A clasificación peca de imprecisións, xa que aínda hai accións que non están tipificadas como delito, aínda que poden servir a actos que si o son. “Queda fóra, por exemplo, a usurpación do estado civil, é dicir, á usurpación da identidade en internet, malia que a Fiscalía Xeral do Estado o pediu”.

Publicidade

Cada ano aumentan un 40% os delitos na rede, pero o orzamento non vai parello

A leis fóronse adaptando paseniñamente ás novas vías usadas para delinquir, dende as sucesivas reformas da Ley de Propiedad Intelectual – nove dende 1996- até o propio Código Penal. Con todo, a fronteira entre o permitido e o non permitido é sempre asunto de debate. A moza motorizada que é a realidade tamén comete imprudencias fronte á vella que a vixía. “Non sempre algo tecnicamente posible é admisible ante un tribunal. Hai probas que se capturan en perfís públicos nas redes sociais, pero ao usar un medio como Whatsapp ou mensaxes privadas estase atravesando unha liña que é interesante que os propios xuristas coñezan”, defende Salgado.
O encontro do 21 de outubro abordará, alén dos aspectos legais, as ameazas á seguridade dun uso criminal das ferramentas informáticas e da tecnoloxía. “Un atentado ben dirixido é un risco co que hai que contar. Espero que os terroristas non aprendan nunca de informática. Para garantir a seguridade é moi fácil cortar liberdades. É un equilibro que estamos condenados a buscar”, advirte Salgado, que participará na xornada precisamente cunha disertación sobre este tira e afrouxa.
Unha das últimas intervencións do encontro -xusto antes dunha mesa redonda sobre a dobre cara do hacker, ameaza e garantía ao mesmo tempo- pronunciaráa Jorge Bermúdez, fiscal do Servizo de Criminalidad Informática da Fiscalía Xeral do Estado. Enúnciaa un título suxerinte: “Os hackers son de Marte e os xuíces son de Venus”. “Buscamos con isto o diálogo multidisciplinar que nos falta”, xustifica Salgado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | A era dos ‘deepfakes’: é fácil que nos rouben a identidade?

Neste episodio os investigadores Elena Rodríguez Lois e David Vázquez Padín responden as nosas preguntas sobre ciberseguridade

As pemes e grandes empresas galegas superan a media estatal no uso da intelixencia artificial

Un 14,8% das compañías dese segmento emprega algún tipo de solución baseada nas tecnoloxías intelixentes

A UDC celebrou unha competición de ciberseguridade para promover o interese na disciplina

Participaron un total de 119 estudantes de toda España, algúns en modalidade virtual e outros dende as Universidades da Coruña e de Vigo

Descifrar a cámara sen violar a privacidade: o traballo de atlanTTic premiado en ciberseguridade

Tres investigadores da UVigo, galardoados nun congreso internacional por un estudo sobre contido multimedia