Xoves 18 Abril 2024

Enxeñeiros de Lugo deseñan o xerador eléctrico por ondas para o porto da Guarda

A foto que ilustra esta nova é a dun OWC, un xerador eléctrico de última xeración, pero na súa versión flotante. O porto da Guarda, no desembocadura do Miño, incorporará outro experimental, pero adosado ao peirao e sen o impacto visual deste trebello que supón unha das enerxías renovables máis prometedoras para Galicia. Porque as ondas do mar constitúen unha das fontes de enerxía máis eficaces dentro das enerxías renovables grazas o seu inmenso potencial enerxético e o seu mínimo impacto ambiental. Entre o amplo abano de convertedores para o aproveitamento da enerxía das ondas existentes, os convertedores de columna de auga oscilante, habitualmente coñecidos polo acrónimo inglés OWC (Oscillating Water Column), destacan, entre outras vantaxes, pola súa simplicidade e baixos custos de mantemento.

Iván López Moreira, no centro, xunto ao tribunal da tese doutoral.
Iván López Moreira, no centro, xunto ao tribunal da tese doutoral.

Os convertedores de columna de auga oscilante (OWC) consisten nunha cámara medio somerxida, xeralmente de formigón, aberta baixo o nivel do mar, e unha turbina de aire. A acción das ondas provoca a oscilación da columna de auga aloxada no interior da cámara (de aí o nome do dispositivo), o que a súa vez forza ao aire atrapado na parte superior da cámara a fluír dentro e fóra da mesma, accionando a turbina no proceso.
Nun convertedor de enerxía das ondas OWC o amortecemento que a turbina exerce sobre as oscilacións da columna de auga é un dos principais factores, senón o principal, que inflúen no rendemento do dispositivo. Neste campo enmárcase a tese de doutoramento titulada ‘Analysis and optimisation of the turbine-chamber coupling in an OWC wave energy converter by means of numerical modelling and laboratory tests cum particle imaging velocimetry’, que vén de presentar na Escola Politécnica Superior da USC Iván López Moreira, quen xa cursara a enxeñararía técnica en Obras Públicas no centro universitario lugués.

O prototipo será instalado no porto da Guarda para producir electricidade

Neste traballo, López Moreira centrouse en investigar, e finalmente optimizar, o acoplamento turbina-cámara nun convertedor de enerxía das ondas OWC —en particular nun prototipo proxectado para ser instalado no dique do porto da Guarda— co fin de maximizar o rendemento do dispositivo.
A metodoloxía proposta, baseada na combinación de modelaxe física en canle de ondas con velocimetría por imaxes de partículas (PIV) e modelaxe numérica, permitiu determinar o papel dos diferentes parámetros que afectan ao rendemento do convertedor OWC, avaliar a influencia do acoplamento turbina-cámara na hidrodinámica do dispositivo, e definir as características que unha turbina debe cumprir para lograr o acoplamento óptimo coa cámara para, deste xeito, maximizar o rendemento do convertedor OWC.
A tese de doutoramento realizada polo enxeñeiro lancarés Iván López Moreira baixo a dirección do catedrático de Enxeñaría de Costas da Universidade de Plymouth, Gregorio Iglesias, desenvolveuse no seo do Grupo de Enxeñaría Civil e Enerxías Mariñas (GICEMA) da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC e mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Que é a lexionela? A bacteria que agroma en Galicia e Portugal sen que se coñeza o foco

O bacilo deixa 18 casos no Rosal, A Guarda e Caminha. Secuenciaranse mostras para determinar se existe relación entre os gromos