paneles solares

Unha placa de paneis solares nunha vivenda

Enerdomus, o proxecto que xestiona o consumo eléctrico do fogar

Os sistemas máis innovadores para as cidades intelixentes preséntanse nun congreso en Vigo

Coa factura disparada, multiplícanse os proxectos que tratan de modular o consumo eléctrico. Un deles chámase Enerdomus, desenvólveo a Cátedra Telefónica para a Innovación Enerxética da Universidade de Vigo e presentouse no Congreso de Smart Cities and Communities, que se celebra no Auditorio Mar de Vigo. O seu funcionamento non é tan sinxelo como o poida ser o seu obxectivo, que non é outro que conter e optimizar o consumo eléctrico no fogar.

Enerdomus é un proxecto que ten como finalidade a medida, monitorización, caracterización e xestión do consumo de enerxía eléctrica nos fogares. Actualmente xa funciona coa instalación de dispositivos en 15 fogares, dende os que se transmiten os datos sobre o consumo eléctrico. O obxectivo é ampliar a mostra a 30 fogares para, nunha segunda fase, e tras a análise de toda esa información, caracterizar o consumo. Isto é: clasificalo como excesivo, regular ou axeitado. Os resultados permitirán establecer posteriormente guías individualizadas dirixidas aos usuarios para que logren unha maior eficiencia no uso da enerxía eléctrica, e polo tanto un mellor axuste na súa facturación.

O modelo permite facer unha guía individualizada para reducir a factura electrica

A cátedra, froito da colaboración entre Telefónica e a Universidade de Vigo, está dirixida polo catedrático José Cidrás. O obxecto xeral da colaboración entre ambas as dúas institucións, que deu lugar á creación desta cátedra, é promover o desenvolvemento de propostas de mellora en eficiencia enerxética, novos sistemas de xestión, a utilización das tecnoloxías da información na busca desa eficiencia e a análise da calidade enerxética ambiental.

O seu proxecto Enerdomus presentouse nun dos postos do congreso de Smart Cities and Communities, que se clausura este mércores. Enxeñeiros e empresas que traballan no desenvolvemento de territorios intelixentes desenvolveron durante estes dous días no congreso os seus proxectos para lograr cidades eficientes. En xeral, estas caracterízanse polo control a través de plataformas virtuais que se xestionan de forma centralizada. No que respecta os servizos municipais, esa xestión pasa pola iluminación, os residuos ou o rego.

Aqualia presenta un plan que conseguiu reducir un 10% a auga suministrada á rede en Vigo

No caso de Vigo, Aqualia presentou un plan de acción que conseguiu reducir un 10% a auga suministrada á rede. O director da concesionaria, José María Ardoy, presentou os plans de acción que permitiron a consecución do obxectivo: sistema de telecontrol, colocación de contadores en edificios municipais, automatización e redución de presións noturnas, sectorización da rede de abastecemento, plan sistemático de análise de redes e o plan de redes de especial seguimento. “Todo iso situou a Vigo á vangarda da tecnoloxía na xestión da auga”, engadiu Ardoy.

O congreso está organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, en colaboración coa Fundación Faimevi, a Universidade de Vigo, Zona Franca e o Concello de Vigo. Entre as propostas para a cidade do século XXI viuse esta semana no Auditorio Mar de Vigo sistemas como o proposto por Educap, de Burgos, que presentou un sistema para a xestión de ruídos ambientais, ou o de ThyssenKurpp, que resolve os problemas de accesibilidade ao aire libre.

Semáforos que fotografan o infractor e colectores intelixentes, entre as ideas presentadas no congreso

A responsable da rede semafórica de Vigo, Esycsa, mostrou unha nova versión para a web municipal que permite a visión en tempo real do tráfico na cidade a través de 40 cámaras exteriores e outras 40 en túneles. Existen ademais semáforos que fotografan aos automobilistas que pasan en vermello, ou sinais que recollen matrículas en aparcadoiros restrinxidos.

A fundación Ecolum presentou un sistema desenvolvido no campus universitario de recollida de pequenos electrodomésticos en colectores intelixentes, só accesibles a través dun carné persoal e con gratificacións para os usuarios en forma de regalos. É a mesma filosofía Contenur presentou un proxecto que identifica a quen verte algo nun colector, para establecer descontos na taxa de lixo e elaborar mapas de información sobre o servizo.

Unha resposta a “Enerdomus, o proxecto que xestiona o consumo eléctrico do fogar”

  1. Que Aqualia, empresa que depende do consumo de auga (ou sexa… máis consumo = maior beneficio) presente como éxito unha reducción do 10% no suministro “rechina” un pouco. Si de verdade están pola eficiencia no consumo, ou sexa, si de verdade están en contra dos seus intereses como empresa (que non parece probable, pero vaia, nunca se sabe) apliquen dunha vez a tarifa por consumo real.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.