CRTVG e Amtega colaboran na posta en marcha da nova canle. Imaxe: TVG.

CRTVG e Amtega colaboran na posta en marcha da nova canle. Imaxe: TVG.

A CRTVG creará unha canle educativa para Internet

O proxecto, no que colabora a Axencia para a Modernización Tecnolóxica, permitirá a docentes e estudantes de Primaria e ESO obter recursos audiovisuais baixo demanda

A Compañía da Radiotelevisión de Galicia (CRTVG) anunciou a creación dunha canle temática dirixida a profesorado e estudantado non universitario da comunidade, nun proxecto no que contará coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Será unha canle con protagonismo para os novos modelos narrativos dixitais con maior impacto no público infantil e xuvenil, como os youtubers, e as diferentes plataformas de vídeo baixo demanda que operan nos mercados internacionais, así como as emisións en directo de grandes eventos e conferencias con persoas de prestixio internacional.

A canle dixital, transmedia e interactiva, complementará o Programa Abalar de integración das TIC na práctica educativa de Galicia, e permitirá aos docentes e aos estudantes de primaria ou secundaria obter recursos audiovisuais baixo demanda relacionados cos diferentes contidos das materias que se imparten na formación entre 6 e 16 anos.

A canle apostará polas novas narrativas adaptadas ao público máis novo e ao eido educativo

Segundo informa a CRTVG, os dispositivos móbiles nesta nova canle serán utilizados, sobre todo, como visualizadores avanzados de contidos multimedia que permiten aos estudantes e ao profesorado unha ampliación de información e de entretemento sobre os obxectos de estudo, como por exemplo a posibilidade de que o dispositivo móbil etiquete e describa monumentos de referencia en Galicia a través da realidade aumentada, ou de que se recreen sucesos naturais ou históricos a través da realidade virtual. No eido formativo preténdese, en definitiva, ofrecer a posibilidade dun modelo educativo envolvente, que permita achegar a información necesaria no momento no que sexa demandado tanto polo estudante coma polo profesor.

O proxecto contempla tamén a creación de programas que poderán ser emitidos en canles tradicionais coma a televisión ou a radio. Para iso incorporaranse á experiencia de usuario novidades como as segundas pantallas complementarias á formación con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten actualmente.

O proxecto enmárcase dentro da Área de Innovación da CRTVG, que busca  ampliar as canles de comunicación cos sectores de audiencia máis novos e os novos hábitos de consumo.  O acordo entre as dúas institucións inclúe tamén a creación dun modelo de análise de datos que procese o consumo e os comportamentos da mocidade galega ante os contidos audiovisuais dixitais e ante as novas tecnoloxías. O novo proxecto terá unha duración inicial de tres anos nos que as dúas institucións públicas, CRTVG e Amtega, desenvolverán tanto a plataforma tecnolóxica necesaria para o seu funcionamento coma os contidos que se publiquen nela.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.