Técnicos da Universidade de Vigo traballan co satélite en Brasil.

Técnicos da Universidade de Vigo traballan co satélite en Brasil.

Conta atrás para lanzar o satélite Serpens á Estación Espacial Internacional

Construído pola Universidade de Vigo xunto coa Axencia Espacial Brasileira será lanzado dende Xapón en agosto

Arranca unha nova conta atrás para os membros da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, que o vindeiro 16 de agosto vivirán o que será o terceiro envío ao espazo, neste caso á Estación Espacial Internacional, dun satélite fabricado, desta volta, parcialmente por eles. Despois de Xatcobeo e Humsat, Serpens supón, en palabras en Fernando Aguado, coordinador da Agrupación Aeroespacial “a consolidación da internacionalización das nosas actividades”, que de Vigo, pasaron a desenvolverse hai agora dous anos, tamén en Brasil, onde a Agencia Espcial Brasileira puxera en marcha o proxecto Serpens (Sistema Espacial para Realizaçao de Pesquisa e Experimentos com Nanossaátelites), coa participación de alumnado dos institutos e universidades brasileiras: Federal de Santa Catarina, Minas Gerais, Federal do ABC e o Instituto Federal Fluminense, ademais das universidades de Vigo, Morehead State University e California State Polytechnic de EEUU e a Sapienza Università di Roma de Italia.

O equipo de enxeñería aeroespacial posa xunto ao satélite Serpens.

O equipo de enxeñería aeroespacial posa xunto ao satélite Serpens.

Diego Nodar, Alberto González e Antón Vázquez son, baixo a dirección de Fernando Aguado, tres dos rostros da Universidade de Vigo que participan nunha experiencia, que estes enxeñeiros, que se desprazaron a Brasil para a integración e test de todo o satélite na última fase do proxecto, cualifican de “moi positiva” e da que valoran especialmente “a colaboración co equipo de Brasil. Ata o de agora os proxectos nos que estivemos involucrados foron desenvolvidos enteiramente na Universidade de Vigo e non tiveramos a oportunidade de traballar con outros equipos de xeito continuado e isto permitiunos ver outras formas de traballar, mellorar cousas e tamén, por suposto, darnos conta do que facemos ben”, explica Diego Nodar.

O satélite xa está montado no lanzador espacial en Tsukuba, Xapón

Creado pola Agencia Espacial Brasileira o proxecto Serpens inclúe de inicio, un satélite, catro estacións en terra e unha vintena de sensores que enviarán datos ambientais e usando bandas de frecuencia de radio, comunicaranse co satélite desde varios puntos espallados polo país. O primeiro satélite do proxecto é un cubesat de 3U, dividido en dous sectores. Mentres o sector A ten como obxectivo probar en órbita unha plataforma de baixo custo, utilizando compoñentes comerciais, o sector B, no que participa a Universidade de Vigo, inclúe unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada de Humsat, “que inclúe melloras baseadas nos datos en órbita do satélite”, detalla Aguado, que lembra que a Agrupación participa tamén na operación e despregue de sensores durante a fase de operación.

Trala súa integración final no lanzador, realizada en Tsukuba, Xapón, o satélite está agora mesmo listo para ser enviado á Estación Espacial Internacional. “O despregue do satélite en órbita faise en dous pasos: na primeira lánzase o satélite nunha nave de carga ata a Estación o 16 de agosto e nun segundo paso o satélite será despregado na órbita final polos propios astronautas aloxados agora mesmo alí, utilizando un brazo robótico, que teñen instalado para este tipo de actuacións”, explica Alberto González, que avanza que a data concreta de despregue non se sabe, xa que depende da organización interna da estación, aínda que será entre setembro ou outubro, se non hai cambios.

Probas finais, antes do remate do Serpens.

Probas finais, antes do remate do Serpens.

Realizado o lanzamento empezará unha fase de posta en marcha do satélite, denominada LEOP (Launch&Early Operations Phase) na que se despregan as antenas e recíbese por primeira vez, unha fase na que se comproba que o satélite está ben e non sufriu ningún problema durante o lanzamento e está preparado para a súa operación normal, un proceso que pode durar un par de semanas e a partir do que empezaría a operación normal do satélite. “Para realizar estas operacións estamos poñendo a punto todos os elementos necesarios en terra como son o plan de operacións, o equipo que vai controlar o satélite, os diferentes procedementos que serán necesarios e os terminais que serán despregados en terra para comunicarse co satélite, de tal xeito que cando o satélite sexa despregado en órbita teñamos todo preparado”, detalla Antón Vázquez.

O control dos riscos globais cando o proxecto non depende de ti, é segundo Diego Nodar unha das complicacións que entraña participar nun traballo compartido por varios grupos localizados en diferentes partes do mundo. “Non obstante a experiencia de poder traballar cun equipo internacional é moi enriquecedora xa que no sector aeroespacial é indispensable o traballo conxunto entre organizacións de diferentes países para a consecución de proxectos importantes”, destaca Nodar ao que Alberto González engade que” cómpre deseñar os mecanismos necesarios para minimizar os riscos que isto implica. Neste sentido, a coordinación entre os equipos de Vigo e Brasil foi moi importante e algo a o que dedicamos moitos esforzos. Se non fose así, non poderíamos ter chegado ata este punto”.

Os astronautas da Estación Espacial porán o satélite en órbita cun brazo robótico

Os enxeñeiros da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo sinalan os test ambientais e as auditorías de seguridade da Axencia Espacial Xaponesa, JAXA, realizadas en Brasil, como o momento máis delicado do proxecto, ata este momento. Dado que nunca antes se realizara un lanzamento desde a Estación Espacial Internacional foi preciso facer cambios significativos na configuración do satélite e nos procedementos de integración e test, pero “afortunadamente non tivemos problemas e obtivemos a autorización para o lanzamento”, sinala Antón Vázquez.

Pola súa banda, Fernando Aguado, considera a experiencia “tremendamente positiva” e lembra que grazas aos éxitos acadados nos anteriores satélites nos que a Universidade de Vigo propuxo a misión, desenvolveuna e operouna, a Axencia Espacial Brasileira, a través da profesora Chantal Cappelletti da Universidade de Brasilia, “contratounos como un grupo recoñecido apra darlles soporte no proceso de enxeñaría, na fabricación e na operación”. Pendentes do lanzamento do vindeiro 16 de agosto, en Vigo a Agrupación prosigue co desenvolvemento do satélite Femtoxat, finalizando o modelos de cualificación e coa vista posta nun reto fundamental “consolidarnos como un dos actores de referencia mundiais na realización e desenvolvemento de pequenos satélites, apoiándonos nas diferentes iniciativas que se están a promover por parte da Universidade”, detalla Aguado.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.