Sede da Real Academia Galega.

Sede da Real Academia Galega.

‘Conacha’ e ‘afouteza’, as palabras máis buscadas en galego

O dicionario en liña da Academia bate marcas con máis de 15 millóns de buscas, algunhas sorprendentes

Conacha‘ e ‘afouteza‘. A primeira significa: “Aparello xenital feminino“, sinónimo de ‘cona‘. E a segunda ten unha definición máis longa: “Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades“, sinónimo de ‘valor‘. Así son as dúas palabras máis buscadas no ano 2017 no dicionario en liña da Real Academia Galega.

Manuel González, académico e catedrático da USC.

Manuel González, académico e catedrático da USC.

As dúas palabras representan dúas tendencias no dicionario galego en Internet, que este ano bate récords, con máis de 15 millóns de buscas, 900.000 usuarios únicos e unha media de 55.000 consultas diarias. Dunha banda está ‘conacha’, que responde a un fenómeno de toda a vida: “igual que antes os rapaces buscaban palabras de contido sexual no dicionario de papel, agora fan o mesmo no dicionario en liña”, explica o director do Dicionario da RAG, o académico e catedrático da USC Manuel González.

Pola súa banda, a palabra ‘afouteza’ aparece por mor doutro fenómeno: a moda. “Cando os medios de comunicación comezan a empregar unha palabra, logo aparece entre as máis buscadas do dicionario“, explica González, quen recorda que o ano anterior pasou o mesmo coa palabra ‘esmorga’, despois da estrea da película sobre a novela de Blanco Amor. No caso de ‘afouteza’, que foi a máis buscada no primeiro semestre do ano, a razón está no fútbol, concretamente no Real Club Celta, que fixo unha campaña publicitaria con esta palabra a raíz da súa participación na copa da UEFA.

Entre as palabras máis buscadas do 2017 están outras que responden a meras consultas ortográficas. Así, son recurrentes as buscas de ‘mais’, ‘fóra’, ‘bóla’ ou ‘présa’. Nestes casos, a clave é o acento. Cando xorden as dúbidas, o dicionario en liña da Real Academia Galega é un recurso que sempre está a man.

Moitas consultas son ortográficas e outras responden dúbidas sobre a conxugación dos verbos

“Sabemos que boa parte dos nosos usuarios están no mundo escolar”, explica Manuel González, “vemos que se repiten consultas sobre acentos diacríticos, palabras que se escriben con ‘b’ ou con ‘v’, e sobre todo hai un fenómeno coas conxugacións dos verbos”.

Moitas das consultas son sobre verbos irregulares. Dende que a RAG incorporou un botón que ofrece as conxugacións, pasou a ser un dos servizos máis solicitados. “Todo o mundo sabe o significado de ‘facer’, ‘vir’ ou ‘dar’, pero as dúbidas chegan coas conxugacións”, explica o lingüísta. Así o dicionario entre de cheo no eido da gramática e tamén da fonética, porque moitas procuras pretenden coñecer se as vogais son abertas ou pechadas.

Pero no número de buscas incide outro importante factor: a retroalimentación. “É un feito que, cando a xente ve a listaxe de palabras máis buscadas, volve facer a consulta”, recoñece González. O resultado é que ‘afouteza‘, moitos meses despois de rematar a campaña publicitaria do Celta de Vigo, segue a ocupar os primeiros postos.

En teoría, non existen unhas palabras máis fermosas que outras. Pero todos temos as nosas preferidas. E, entre os termos máis procurados do 2017, hai algúns realmente espectaculares como ‘luscofusco‘, ‘teimudo‘ ou ‘dioiva‘,  que forman parte das pequenas alfaias da nosa lingua (aínda que esta valoración non sexa para nada científica).

Pero onde non caben dúbidas é sobre que o dicionario en liña da Real Academia Galega é un auténtico fenómeno. “É unha revolución”, certifica Manuel González, “nunca tivemos unha ferramenta como esta, accesible en todas partes e para todos”. E, para confirmalo, ano tras ano bate todos os seus récords.

2 respostas a “‘Conacha’ e ‘afouteza’, as palabras máis buscadas en galego”

    • Rober

      El Magosto es el evento o fiesta que se celebra todos los años con motivo de la recolección de las castañas en plena época otoñal. Tradicionalmente se trataba de pequeñas reuniones de vecinos o familias donde se asaban chorizos y castañas, acompañadas de vino. Con el paso de los años, la fiesta ha evolucionado para dar lugar a eventos populares y muchas veces multitudinarios organizados por Instituciones o asociaciones (sin por ello llegar a deaparecer los pequeños magostos improvisados), llegando a ser una fiesta muy popular en Ourense debido al día festivo de San Martiño y patrono de la ciudad (11 de Noviembre), donde la gente se reune en el monte y por toda la ciudad para celebrar esta fiesta.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.