Imaxe do asistente de Xesol Innovation.

Imaxe do asistente de Xesol Innovation.

Chega ás estradas o asistente galego á condución intelixente

O sistema presentado en Ourense é o máis completo do mundo ao incorporar tres cámaras de visión artificial

Os seus creadores en Ourense din que é o mellor copiloto, a mellor axuda á hora de de conducir. O asistente galego de condución intelixente, presentado a nivel mundial por Xesol Innovation no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, ten como principais novidades sobre os sistemas xa existentes que pode ser implantado en calquera vehículo fabricado a partir do ano 2000 e que é moito máis preciso, xa que basea a súa tecnoloxía de detección na visión artificial –en lugar de infrarroxos ou radares– co maior número de ángulos de visión aumentada do mercado. Ademais, é intelixente porque incorpora un sistema de aprendizaxe rápido.

Xesol car

O sistema avanzado de asistencia á condución (ADAS) desenvolvido por Xesol Innovación forma parte do proxecto SmartCars que esta start-up leva desenvolvendo desde o seu nacemento hai catro anos. Ás súas sedes de Vigo e Madrid (no Campus Google) sumou recentemente a da Tecnópole, elixida para a presentación oficial do seu innovador produto, que estará á venda para particulares no primeiro semestre de 2017.

“O noso asistente está pensado para proporcionar unha mellor seguridade na condución, a redución dos custos de mantemento do vehículo, un menor consumo de combustible e unha navegación máis intelixente”, explicou José Nogueira, CEO da empresa.

O sistema foi deseñado para ser instalado de xeito sinxelo en calquera coche xa en uso, á marxe da gama á que pertenza, o que fai que a condución avanzada estea ao alcance de calquera usuario. Sen embargo, a empresa está en negociacións con empresas de automoción para incorporalo tamén de fábrica en vehículos novos, caso no que podería completarse con funcións de vehículo autónomo, como freado automático fronte a un obstáculo ou desvío en caso de perigo.

O único sistema similar do mercado é o desenvolvido pola empresa israelí Movileye, coa diferencia de que este só está dotado dunha cámara frontal, mentres que o de Xesol conta con tres cámaras.

O sistema avisa de perigos na calzada e interpreta os sinais de tráfico

Este asistente é capaz de proporcionarlle ao vehículo funcións novas e sacar rendemento das que xa tiña. Para facelo, incorpora un sistema de tres cámaras de visión artificial, moito máis precisas que os detectores por infrarroxos ou radares dos seus antecesores á hora de detectar e predicir situacións de risco e avisar ao condutor a tempo para evitalas.

Mediante este sistema, o condutor ten a tranquilidade de recibir información inmediata que pode que o seu ollo non perciba por despiste, fatiga ou falta de reflexos ou visibilidade. Deste xeito, mediante sinais visuais e sonoras, o asistente alerta sobre a presenza de peóns, ciclistas, vehículos parados ou obstáculos na carretera, así como da irrupción de obxectos, como pode ser un balón, ao que probablemente lle seguirá un neno. Tamén avisa de curvas pronunciadas e cambios na forma da calzada, como un próximo estreitamento da vía, así como da invasión involuntaria do carril contrario ou da beiravía. Ademais, é capaz de rexistrar e interpretar os sinais de tráfico, alertando sobre o risco de incumprir as limitacións existentes.

No marco do proxecto SmartCars, a empresa desenvolveu tamén outras aplicacións destinadas a apoiar a condución avanzada. É o caso de Escriba, dispoñible desde xuño deste ano, co que o usuario pode ler e responder mensaxes mentres conduce, sen soltar as mans do volante nin tocar o seu móbil, mediante comandos de voz.

A partir do primeiro trimestre de 2017 estarán dispoñibles outras dúas aplicacións: eCall e SmartFace. A primeira delas, que se anticipa á obligatoriedade de que todos os vehículos europeos incorporen sistemas de chamada de emerxencia en caso de accidente a partir de abril de 2018, conecta (manual ou automaticamente) co servizo de emerxencias e proporciona información sobre a situación exacta do vehículo para facilitar a súa localización.

Por último, SmartFace permite identificar o dono ou usuario do coche mediante recoñecemento biométrico do rostro, bloqueando o arranque por parte de calquera persoa que non fora previamente autorizada. Desde a empresa, sinalan que presenta funcionalidades especialmente útiles para a xestión de flotas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.