Xoves 28 Marzo 2024

Crean a primeira Biblia políglota do galego

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas e do festexo do seu 15º aniversario, o Seminario de Lingüística Informática (SLI) da Universidade de Vigo presenta unha nova versión do Cluvi, un banco de traducións de libre acceso con 47 millóns de palabras entre o galego e outras linguas. Entre as principais novidades desta nova versión atópanse a renovación do seu sistema de consulta e unha profunda ampliación da súa base documental coa publicación, entre outros moitos traballos, da primeira Biblia multilingüe dispoñible para o galego.

A nova versión do Cluvi permite consultar calquera termo nos textos bíblicos e obter numerosas traducións

“Desde setembro de 2003 o SLI ofrece a posibilidade de realizar consultas en liña do conxunto de textos orixinais e traducidos recompilados”, explica o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart, responsable da dirección, programación e deseño do Cluvi. “A aplicación de consulta permite, por exemplo, buscar unha palabra e comprobar as súas equivalencias interlingüísticas en contextos reais de tradución, tal como se recollen nos textos orixinais arquivados no Cluvi e nas súas traducións”, engade Gómez Guinovart.

Publicidade

A nova versión do Cluvi incorpora ao seu banco de datos un importante número de traducións da Biblia, considerado o libro máis traducido do mundo – pode consultarse en máis de dous mil idiomas diferentes-, incluíndo a única existente en galego e outros doce idiomas, tanto da contorna cultural inmediata (portugués, francés, inglés, alemán e italiano); como o latín, considerada a primeira tradución da Biblia en lingua vulgar, o resto das linguas cooficiais do estado (catalán, español e éuscaro) e a lingua máis falada do mundo (o chinés).

“Esta Biblia políglota do galego, a primeira da súa especie, resulta de especial significación na constelación de textos do Cluvi, xa que cos seus sete millóns e medio de palabras representa o conxunto de documentos de maior extensión textual recollido ata agora no seu banco de traducións”, explica Gómez Guinovart. “Cómpre resaltar tamén a importancia de poder realizar pescudas informáticas na Biblia galega políglota no ámbito da tradutoloxía e dos estudos culturais, e a relevancia que posúe a súa tradución vernácula como índice da normalización lingüística dun idioma”, recalca o docente.

Procura do termo 'Xesús' na Biblia políglota desenvolvida polo SLI da UVigo.
Procura do termo ‘Xesús’ na Biblia políglota desenvolvida polo SLI da UVigo.

Con respecto as novidades nas súas funcionalidades de consulta unha das máis salientables é a incorporación ao sistema dun dicionario plurilingüe, que permite identificar nas traducións as palabras equivalentes aos termos da procura. Con esta nova característica, as prestacións do Cluvi achéganse moito ás ofrecidas por recursos como a aplicación gratuíta Linguee para outros idiomas, entre os que non se atopa o galego. “Por esta razón, o novo Cluvi pode considerarse o Linguee do galego, pois é quen de fornecer palabras e frases equivalentes entre o galego e moitas outras linguas, mesmo minorizadas, unha funcionalidade da que carece o Linguee que todos usamos”, explica Gómez Guinovart.

Xunto á renovación do seu motor de consulta, o novo portal presenta unha completa actualización da súa interface, “cunha presentación moito máis sinxela e completamente respectuosa cos dispositivos móbiles, que tenta ofrecer unha experiencia de uso igualmente agradable nas pantallas grandes e nas pequenas”.

O Cluvi dispón de combinacións lingüísticas co galego, español, inglés, francés, portugués (de Brasil e de Portugal), catalán, italiano, éuscaro, alemán, latín e chinés (simplificado e tradicional) e as traducións incluídas pertencen a nove dominios especializados: ficción, informática, divulgación científica, textos bíblicos, dereito e administración pública, información ao consumo, economía, turismo e subtitulación.

“A finalidade desta aplicación é ofrecer un recurso de consulta para a tradución en galego e documentar a súa práctica con textos publicados en diversos dominios de traballo. Alén diso, as frases equivalentes entre linguas almacenadas neste corpus serven de material para dicionarios e outras aplicacións lingüísticas desenvolvidas polo grupo de investigación”, recalca o director.

Aquí podes consultar o Cluvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Exeria, a curiosidade científica dunha viaxeira da Antigüidade

Nos seus escritos tenta comprobar viaxando ata Oriente que os datos que aparecen na biblia son certos

Volve a Galicia a espectacular Biblia Kennicott creada na Coruña en 1476

Está considerado un fito na ilustración da Idade Media e chega cedida pola Universidade de Oxford

Exeria, o enigma da gran viaxeira galega da Antigüidade

O primeiro relato de viaxes do que temos constancia no país...

Dámaso I, o papa galego que incorporou a palabra ‘Aleluia’

O Sumo Pontífice do século IV compilou a actual Biblia e derrotou a Prisciliano