Xoves 25 Abril 2024

Convocan axudas para despregar redes de 100 megas nos núcleos rurais de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica este luns un anuncio que podería contribuír a arranxar a mala situación da nosa comunidade na velocidade de conexión a Internet. Galicia ten a peor velocidade de Internet en España, segundo os datos do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital. Actualmente, un de cada tres galegos ten unha velocidade de menos de 10 megas, fronte aos obxectivos da Axenda Dixital Europea, que pretende que no 2020 toda a poboación da UE teña unha velocidade mínima de 30 megas.

O DOG amosa este luns a convocatoria de axudas a operadores de telecomunicacións para despregar redes dun mínimo de 100 megas nos núcleos rurais que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer do servizo. Os operadores poderán actuar nas 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes.

Publicidade

tecno/galicia-ten-peor-velocidade-de-internet-de-espana/

Poderán presentarse proxectos cunha subvención mínima de 20.000 euros para cada un deles, ata esgotar a dotación orzamentaria prevista. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que desenvolve esta liña de axudas, concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. As subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Na convocatoria amósanse as entidades de poboación que se establecen como obxectivo por ser considerados “zonas brancas” de redes de nova xeración, é dicir que carecen de cobertura destas redes nin previsión de dispoñer delas. Segundo informa a Xunta, as redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

Con esta medida, a Xunta centrarase nos núcleos máis pequenos, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA). Segundo as previsións de ambas administracións, agárdase que en 2020 un 74% dos galegos teña acceso a redes ultrarrápidas.

A peor velocidade de España

Esta medida podería contribuír a solucionar a posición de Galicia no furgón de cola da velocidade de internet en España. As catro provincias galegas pechan a lista.A peor é Lugo, onde o 38,52 por cento da poboación ten unha velocidade menor de 10 megas. Segue a provincia de Ourense, cun terzo dos seus habitantes por baixo da cota dos 10 megas. Pontevedra (29,37%) e A Coruña (26,07%) pechan a clasificación galega. O peor dato é que as catro provincias galegas pechan a clasificación no Estado. A quinta pola cola é Teruel, co 22,78% cunha Internet de baixa velocidade.

Amais, segundo os datos do INE, Galicia tamén está á cola de España no uso de internet. Un 79,4% dos galegos utilizaron Internet nos últimos tres meses, fronte ao 84,6% do total estatal. Só queda por debaixo Castilla-La Mancha, cun 78,3%. En canto aos usuarios frecuentes, que acceden á Rede unha vez á semana, a cifra galega é a máis baixa, cun 72,1% fronte ao 80% do total de España. Amais, só un 32,1% dos galegos comprou por Internet nos últimos tres meses – a terceira porcentaxe máis baixa despois de Canarias e Ceuta – fronte a un 40% do total estatal.

Sobre o acceso a Internet en Galicia, evidénciase o problema de acceso a conexións de calidade noutra das respostas da enquisa do INE. Así, das preto de 200.000 vivendas galegas que non dispoñen de acceso a Internet, un 8,7%, algo menos de 16.000 vivendas, sitúanse en zonas nas que a banda ancha aínda non está dispoñible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica