O algoritmo permite ao computador entender o movemento humano.

O algoritmo permite ao computador entender o movemento humano.

Aprendendo ao computador a ‘entender’ as imaxes

Unha tese de Ourense crea algoritmos para que os ordenadores detecten patróns de movemento e 'comprendan' o que gravan

Nunha sociedade no que priman a imaxe e a integración da tecnoloxía en todos os aspectos e actividades da vida, xorde como algo natural a demanda de que os dispositivos electrónicos sexan cada vez capaces de “entender” mellor as imaxes e obter coñecemento automático delas. Na súa tese de doutoramento, o enxeñeiro informático Iván Gómez presentou varios algoritmos de visión por computador que melloran os actuais sistemas de recoñecemento de movementos, tanto en humanos coma no eido da bioloxía. Entre os exemplos de aplicación está estabilizar imaxes de microscopía intravital de animais, que se ven afectadas entre outras cousas polo latexo do corazón ou a respiración.

O doutor Iván Gómez.

O doutor Iván Gómez.

A tese, titulada Algoritmia de procesamento espazo-temporal en secuencias de imaxes para aliñación e recoñecemento automático de movementos, foi dirixida por David Olivieri e Xosé Antón Vila Sobrino e defendida este curso na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. “Hai un nexo común na miña tese que é o estudo da información espazo-temporal contida nunha secuencia de imaxes ou vídeo. Elixín este tema porque me atraía a multitude de aplicacións que hoxe en día empregan algoritmos de visión artificial na nosa vida cotiá e os avances que se están facendo neste eido”, explica o investigador.

Un algoritmo pódese definir como un conxunto prescrito de instrucións ou regras ben definidas, ordenadas e finitas que permite realizar unha actividade mediante pasos sucesivos. En concreto, os algoritmos de visión por computador, comenta o xa doutor con mención internacional pola Universidade de Vigo, son algoritmos capaces de programar un ordenador para que analice de maneira automática una secuencia de vídeo e extraia coñecemento. “No meu caso, a finalidade era, por unha banda, detectar accións humanas de maneira automática que se realizan nun vídeo e, por outro lado, detectar patróns de movemento en imaxes de microscopía e conseguir eliminalos”, indica o investigador.

Na súa tese de doutoramento, Gómez Conde presenta varios algoritmos de visión por computador que analizan o campo de movemento en secuencias de imaxes. “Estes algoritmos aplícanse a dous campos de natureza moi diversa, como son o recoñecemento de movementos humanos e a bioloxía.

O software podería chegar a identificar a unha persoa polo seu xeito de andar

Segundo comenta Iván Gómez, “non hai dúas persoas que anden igual. Por exemplo, ti e eu podemos andar parecido pero nunca será igual porque a túa forma de andar terá características diferentes á miña. De aí que fagamos unha analoxía como se fose unha pegada dactilar da persoa porque é única”. O resultado sería un programa que podería chegar a recoñecer a unha persoa polo seu andar ou identificar cando se produce unha caída, interpretando cambios bruscos de velocidade.

“A análise faise no mesmo momento que se está gravando o vídeo, non se fai despois de gravar o vídeo cun software de postprocesamento”, explica o doutor Gómez, que salienta o feito de que non é preciso un ordenador de altas prestacións para executar este software, “de aí o de baixo custe computacional en tempo e en prestacións”.

Na parte de imaxe biolóxica, o algoritmo foi aplicado en imaxes reais de inmunoloxía en dous centros de investigación, o Gulbenkian de Ciência en Oeiras, en Portugal, para eliminar os artefactos de movemento en imaxes de placenta en ratos infectados de Malaria, e no Hubrech Institute, de Utrecht, nos Países Baixos, para recoñecemento de patróns e eliminación dos artefactos de movemento en imaxes de cancro de mama. Un artefacto na imaxe é calquera detalle que aparece nela que non se encontra presente no obxecto orixinal a representar. Estas aplicacións realizáronse no marco de estadías internacionais predoutorais do investigador ourensán en cada un destes centros.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.