A Universidade de Vigo doa material informático en desuso a entidades sen ánimo de lucro.

A Universidade de Vigo doa material informático en desuso a entidades sen ánimo de lucro.

A UVigo doa ordenadores reciclados para entidades sen ánimo de lucro

Este curso entregáronse xa 20 equipos dotados de software libre a diferentes asociacións

A Universidade de Vigo acaba de abrir unha nova convocatoria para que todas as asociacións e entidades sen ánimo de lucro que precisen dotarse de ou renovar os seus equipos informáticos poidan facelo con equipos que na institución académica estaban xa en desuso pero que foron renovados e equipados con programas de software libre. En setembro abriuse unha primeira convocatoria e entregáronse máis de vinte, agora, con máis equipos xa recuperados, recibiranse peticións ata o vindeiro día 27 de maio.

Da recuperación e actualización dos equipos, procedentes dos tres campus, encárgase o Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo, Gruvi, unha iniciativa posta en marcha no curso 2005-2006 e da que xa se beneficiaron preto de medio millar de entidades. Trátase de buscarlle unha segunda vida a material que para determinadas funcións quedou obsoleto pero que pode ser de gran utilidade para cubrir as necesidades de múltiples asociacións benéficas. Selecciónanse aqueles dos que é posible o seu aproveitamento ou a recuperación dalgún dos seus compoñentes. Os equipos potencialmente “válidos e reutilizables” recóllense e trasládanse dende os distintos centros ata o taller do Gruvi, na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde o material seleccionado para o seu aproveitamento é reparado por un equipo de voluntarios e voluntarias, e con todo o material obtido móntanse equipos novos: PCs, impresoras, escáneres, pantallas, ratos, teclados, etc.

O material “reutilizable” é reparado e distribuído por voluntarios do Gruvi

“Maioritariamente o que se solicitan son ordenadores, pero tamén acostumamos entregar outro tipo de aparellos, sobre todo impresoras”, subliñan dende a Área de Voluntariado, onde fan fincapé en que os criterios que se teñen en conta son, “por suposto, que sexan entidades sen ánimo de lucro, pero tamén que non foran beneficiadas en anos anteriores, que non teñan financiamento externo, que os equipos sexan material fundamental para a finalidade da asociación ou o número de socios, entre outros”.

Entre as entidades beneficiadas na ultima convocatoria houbo varias asociacións que agrupan a pacientes de diferentes enfermidades (parkinson, transtornos mentais…); colexios, anpas e asociacións culturais; de loita contra os malos tratos e a prol da igualdade de xénero; escolas de música; asociacións de estudantes, deportivas, de cooperación…

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.