O dron mariño Victoria.

O dron mariño Victoria.

A ría de Vigo estrea o primeiro barco robot autónomo construído en España

O drone mariño galego Victoria, do proxecto Ulises, pode navegar sen axuda humana

Con 12 metros de eslora, catro toneladas de peso, dous motores de 300 cabalos e unha tecnoloxía punteira, o primeiro barco autónomo robotizado creado en España comeza a partir deste xoves a súa fase de probas na ría de Vigo. Hoxe tivo lugar a botadura da lancha semirríxida Victoria, prototipo do proxecto Ulises, no que están implicados Industrias Ferri, o Grupo de Deseño e Automatización de Sistemas Avanzados (DASA) da Universidade de Vigo e o Centro Internacional de Métodos Numéricos en Ingeniería (Cimne).

A nave Victoria, o drone autónomo galego.

A nave Victoria, o drone autónomo galego.

O obxectivo desta iniciativa, financiada polo Ministerio de Economía e Competitividade dentro do Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Orientada aos Retos da Sociedade, é deseñar e testar a tecnoloxía necesaria para converter calquera embarcación nun barco autónomo robotizado, que poida navegar sen necesidade de tripulación. A embarcación, que é a máis grande deste tipo fabricada en Europa, servirá para probar estas innovacións e corrixir e mellorar os sistemas. O proxecto conta cun orzamento global de 1.581.000 euros e arrancou en 2014 con previsión de que remate en 2017.

Ao acto de botadura, que tivo lugar en Bouzas, asistiron o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o reitor da Universidade, Salustiano Mato; o director xeral de Industrias Ferri, Patricio Fernández e a delegada do Estado na Zona Franca, Teresa Pedrosa.

A tecnoloxía robótica da nave permítelle tomar decisións e navegar con seguridade

O coordinador de Ulises, Enrique Pérez, explicou que, con este proxecto, Industrias Ferri quere “dar un paso adiante” no que cree que “será o futuro do naval”, motivo polo que a empresa decidiu apostar por este sistema. O enxeñeiro avanzou tamén que a compañía mantén contactos con empresas nacionais e estranxeiras interesadas no sistema.

Neste proxecto Industrias Ferri encárgase da integración completa do barco, Cimne da estación de terra e a Universidade de Vigo, a través do grupo DASA dirixido polo profesor Fernando Vázquez, da robótica, control e intelixencia artificial. Nesta ocasión Imatia tamén participa no proxecto subcontratada por Ferri para desenvolver o software de rexistro de datos da embarcación. A idea dos investigadores é que a tecnoloxía que se testa neste barco piloto se poida integrar en calquera embarcación, sexa un petroleiro ou unha lancha de salvamento, sen necesidade de construír unha ad hoc. Neste sentido, dende Industrias Ferri, que coordina o proxecto, inciden en que a empresa non se convertería nun estaleiro, senón que lle proporcionaría a calquera cliente a posibilidade de robotizar un barco. “Aplicaríamos a tecnoloxía que deseñamos, sería necesario sensorizalo e instalar un equipo a bordo, realizando unha tarefa de integración”. Esta é unha das principais vantaxes deste proxecto que está enfocado a tarefas de vixilancia, por exemplo, en campos petrolíferos, campos eólicos offshore ou para prevención de furtivismo, inmigración ilegal, etc.

Investigadores do grupo DASA da UVigo.

Investigadores do grupo DASA da UVigo.

Ricardo Samaniego, investigador do grupo DASA, explica que o barco autónomo conta cun láser en 3D similar ao que emprega o coche de Google para recoñecer a contorna e evitar obstáculos e está integrado con cartas náuticas para ter o perfil das costa, rochas, baixíos, zonas de navegación prohibida, etc. Con toda esta tecnoloxía desenvolveron un sistema de posicionamento máis moderno que se une ao resto do equipamento como un sistema de cálculo de rutas; un sistema de seguimento; un de navegación reactiva que permite reaccionar ante obstáculos inesperados como un barco en ruta ou unha batea, etc.

O máis avanzado e innovador deste barco é, por unha banda, o sistema de cálculo de rutas e, por outra o sistema de navegación que cumpre o RIPA, regulamento internacional de prevención de abordaxes. “Trátase de algo semellante ás normas de tráfico nas estrada e regulan os adiantamentos, preferencias, os cedas, etc. e isto é o máis complicado de “ensinarlle” a un robot, son conceptos complexos porque as normas están pensadas para que as siga un ser humano”. Os investigadores explican que, aínda que existen outros prototipos de drones mariños, sobre todo deseñados dende o sector militar, as características que reúne este barco autónomo galego convérteno en único, xa que é 100% autónomo, con capacidade para navegar e seguir a normativa internacional sen ser controlado dende terra.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.