Venres 19 Abril 2024

AIMEN innova cun robot con aplicacións na industria da automoción e aeroespacial

AIMEN Centro Tecnolóxico participa no proxecto europeo ColRobot, que persegue o desenvolvemento de solucións robóticas autónomas que permitan automatizar operacións loxísticas e de ensamblaxe en colaboración con operarios, co obxectivo de crear fábricas máis produtivas, flexibles e áxiles ante as demandas do mercado. Os resultados desta iniciativa, na que participan empresas, universidades e centros de investigación de cinco países, validaranse en plantas de automoción e da industria aeroespacial, concretamente para operacións de ensamblaxe sobre vehículos en Renault e sobre satélites en Thales Alenia, respectivamente.

O robot desenvolvido no marco do proxecto poderá desprazarse por si só pola planta produtiva e colaborará co operario nas operacións loxísticas e de ensamblaxe, sostendo pezas para ensamblar mentres o operario traballa sobre elas ou ben entregando ferramentas ou compoñentes aos traballadores. Ao mesmo tempo, poderá realizar de forma autónoma algunhas das operacións de ensamblaxe. Así mesmo, as persoas poderán interactuar co robot mediante xestos, ordes táctiles e programación por demostración.

Publicidade

Con esta solución robótica búscase automatizar operacións de ensamblaxe que na actualidade presentan problemas ergonómicos para a súa execución manual, o que contribuirá a obter contornas de traballo máis saudables, mellorando as condicións dos operarios e minimizando os riscos laborais asociados á execución de tarefas non ergonómicas. Ademais, ao compartir espazo e traballo entre robots e humanos, os resultados do proxecto poden influír significativamente no deseño de plantas de produción nas que non existan barreiras entre robots e operarios, o que supoñería un aforro estimado entre o 10% e o 15% de espazo nas fábricas.

AIMEN desenvolverá o deseño da arquitectura de control

O proxecto ColRobot está liderado pola Ecole Nationale Supérieure d’Arts et Métiers, ParishTech (Francia) e nel participan, ademais de AIMEN, as universidades de Coimbra (Portugal) e Módena e Reggio Emilia (Italia), Fraunhofer IFF (Alemaña), INESC TEC (Portugal), Technaid S.L. (España), CITC – Contactless Technologies / EuraRFID (Francia), AKEO Plus SAS (Francia), Renault SAS (Francia) e Thales Alenia Space France SAS (Francia). A iniciativa, financiada polo Programa competitivo Horizonte 2020, conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros.

AIMEN está a cargo do deseño da arquitectura de control, a integración das tecnoloxías desenvolvidas polos demais socios, así como a programación das tarefas para executar polos manipuladores móbiles en cada un dos escenarios de demostración contemplados.

O Centro de Aplicacións Láser de AIMEN, inaugurado en 2014, traballa no procesado de materiais con tecnoloxía láser, realizando proxectos de investigación propia e colaborativa con empresas. É actualmente o maior de España na súa categoría, tanto por persoal investigador como por investimento

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo deseñará sensores fotónicos para identificar células tumorais

Membros de atlanTTic participan no proxecto europeo Retina para a mellora de procesos nos ámbitos da saúde, da automoción e da agricultura

Unha nova iniciativa de Clúster TIC impulsa o emprendemento tecnolóxico galego

As propostas seleccionadas contarán co respaldo de socios da entidade para optimizar os seus modelos de negocio

Volve a Galicia o festival de divulgación científica nos bares

É un evento gratuíto e para todos os públicos que terá lugar os próximos días 22, 23 e 24 de maio na Coruña, Santiago, Lugo e Vigo

Tecnoestrés: un fenómeno real pero evitable

As tecnoloxías facilitan a nosa vida, pero o uso descontrolado pode afectar á saúde. Adaptación e organización son as chaves para protexernos