Xoves 25 Abril 2024

21,7 millóns de horas de computación no Cesga

O Centro de Supercomputación de Galicia vén de publicar o seu informe anual cos datos de actividade de 2014, ano no que se concederon 439 permisos de acceso, permitindo 21,7 millóns de horas de computación para o desenvolvemento de 129 proxectos.

Evolución de horas de computacion no Cesga
Fonte: Cesga

O anuario salienta o incremento na transferencia á industria grazas a unha maior participación en proxectos con empresas e unha oferta de servizos especializados. Así, no ano 2014, o Cesga traballou en 21 proxectos participados con empresas. A isto súmase o proceso de internacionalización do centro, mediante a participación directa en 23 proxectos internacionais, con especial mención ao inicio de actividades en dous proxectos ESFRI (Foro Estratéxico Europeo sobre Infraestruturas de Investigación).
Deste xeito, o Cesga focalizou a súa actividade no cumprimento do Plan Anual, integrado no Plan Estratéxico do CESGA 2013-2016, o cal establece como obxectivos prioritarios consolidarse como Centro de Excelencia en Ciencia Computacional, acadar unha presenza significativa na industria galega e incrementar a súa actividade internacional. En total, os ingresos foron de 2.966.726,15 euros –dos cales a meirande parte chegaron da Xunta de Galicia, do CSIC e da Comisión Europea– e os gastos, de 2.414.334,80.
Ademais, a institución logrou o financiamento necesario para a actualización e ampliación das súas infraestruturas, que se executará na súa totalidade ao longo do ano 2015.
No que se refire á actividade investigadora de desenvolvemento e innovación, o Cesga participou nun total de 40 proxectos e formou parte de 9 redes temáticas, clústeres e plataformas tecnolóxicas. Así mesmo, durante o ano 2014 presentáronse 52 proxectos, dos cales 19 foron concedidos, 10 están pendentes de avaliación e 27 foron denegados. Ademais, o centro contribuíu un ano máis ao Mestrado Interuniversitario de Computación de Altas Prestacións (HPC).

O Superordenador Virtual Galego foi ampliado cunha capacidade adicional de 17 TFLOPS

No servizo aos usuarios, o informe destaca que no último exercicio houbo unha reducida dispoñibilidade de recursos actualizados de computación debido ao tempo requirido para superar os trámites preceptivos previos para a publicación dos concursos públicos para actualización das infraestruturas de computación do centro. Estes trámites previos culminaron e resolvéronse en decembro de 2014, mes no que se ampliou o servidor SVG (Superordenador Virtual Galego), mediante a incorporación dunha capacidade adicional de computación de 17 TFLOPS. Ese mesmo mes tamén se asinou o convenio de colaboración mediante o cal se procede á actualización do supercomputador FinisTerrae no ano 2015 e lle foron concedidas ao CESGA axudas do Ministerio de Economía e Competitividade e da Consellería de Economía e Industria da Xunta destinadas á actualización e ampliación de infraestruturas: computación en cloud, big data e visualización científica.
En canto á Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, o tráfico de datos de entrada incrementouse nun 62% respecto ao ano 2013, debido fundamentalmente ao acceso a esta rede dos centros de educación dependentes da Xunta. Así mesmo, durante o ano 2014 veuse traballando na conexión mediante fibra óptica de tres institucións: Instituto de Investigacións Mariñas, Centro Tecnolóxico do Mar e Campus Esteiro da Universidade da Coruña.
Na transferencia de coñecemento á industria, o pasado ano caracterizouse polo incremento da actividade desenvolvida en proxectos con participación de empresas, que supuxeron uns ingresos de 401.000 euros a través de 21 convenios e contratos, e seguiuse traballando na adaptación dun servizo cloud de computación orientado ás PEME.

Publicidade

O Cesga ingresou 401.000 euros a través de 21 convenios e contratos con empresas

Por último, o Cesga incrementou a súa presenza a nivel internacional coa  súa participación en 23 proxectos, dos que 7 son experimentos concedidos en convocatoria pública aberta do proxecto FORTISSIMO. No ano 2014 presentáronse 37 proxectos a convocatorias abertas da Comisión Europea, das cales 12 foron adxudicadas, 6 están pendentes de avaliación e 19 foron denegadas.
O anuario do Cesga salienta as aportacións que se fixeron para que os investigadores poidan contribuir a algúns dos retos sociais máis apremiantes, como por exemplo, tratar de predicir con exactitude o comportamento atmosférico e oceánico, buscar materiais para axudar a combater o cambio climático; atopar novas formas e materiais para a colleita, empregar e almacenar enerxía; desenvolver novos métodos para comprender mellor as orixes das enfermidades e o seu tratamento; desenvolver métodos e técnicas para mellor xestionar e protexer os nosos recursos naturais e patrimoniais; crear novos produtos e servizos para os mercados internacionais ou afondar na comprensión do funcionamento da mente humana; axudar aos anciáns e proporcionar áreas de alta tecnoloxía para o envellecemento activo; ou perfeccionar ferramentas de apoio para axudar na xestión de emerxencias e os servizos de seguridade nacional.
O Centro de Supercomputación de Galicia contribuíu, por exemplo, a aumentar a  a produtividade e competitividade científica das tres universidades galegas e dos laboratorios do CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas) a través do uso dos seus servizos de computación e almacenamento, facilitando a produción de máis de 200 artigos científicos, a participación en máis dun centenar de proxectos de investigación e a presentación de 11 teses de doutoramento.
Descarga o informe do Cesga

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte