Xoves 25 Abril 2024

Que fai especiais os legumes?

2016 foi declarado o Ano Internacional dos Legumes pola Organización das Nacións Unidas (ONU). Designouse á Organización para a Alimentación e a Agricultura (FAO) como órgano responsable para facilitar a celebración en colaboración cos gobernos, organizacións pertinentes, organizacións non gobernamentais e demais instancias pertinentes.

O obxectivos que se pretenden conseguir neste ano son: en primeiro lugar, concienciar sobre o importante papel dos legumes na produción sustentable de alimentos e nas dietas saudables, e a súa contribución á seguridade alimentaria e nutricional. Promover o valor e a utilización dos legumes no sistema alimentario, os seus beneficios para a fertilidade do chan e para combater o cambio climático e a malnutrición. E alentar as conexións ao longo da cadea alimentaria para unha maior produción de legumes, fomentar a investigación e a mellor utilización da rotación de cultivos, e facer fronte aos retos do  comercio de legumes.

Publicidade

A pregunta é: por qué este produto? Que é o que fai especiais ós legumes para dedicarlles este recoñecemento? A continuación, analizaranse unha serie de motivos polos que as lentellas, frijoles e outros centos de cultivos da familia das leguminosas recibiron este honor.

Propiedades nutricionais dos legumes

A primeira razón que fai esencias ós legumes son as propiedades nutricionais que conteñen. Os legumes conteñen tipicamente o dobre de proteínas que os cereais integrais. Cando se combinan con alimentos ricos en vitamina C, o alto contido en ferro dos legumes os converten nun potente alimento, especialmente para as persoas con risco de anemia. Tamén son boas fontes de vitaminas como folato, que reduce o risco de defectos no tubo neural. Son tamén ricos en minerais como o magnesio o potasio ou o fósforo. Polo seu baixo índice glicémico, baixo contido en graxa e alto contido en fibra, son adecuados para os diabéticos.

Os legumes son unha fonte de proteínas, vitaminas, fibra e minerais

Ademais, un estudo liderado pola Universidade de Manitoba (Canadá) indica que comelos regularmente pode axudar a controlar e combatir a obesidade. “Teñen unha serie de aportes importantes para a saúde. Axudan a manexar o nivel de azucre en sangue, polo que son un apoio en canto ao colesterol e a diabetes” concreta Marcela Villareal, Directora da Oficina para Asociacións, Promoción e Desenvolvemento de Capacidades da FAO.

A OMS e a FAO recomendan consumir polo menos 400g de froita e verduras ó día, incluíndo legume e outras verduras. Nos últimos anos descendeu moi notablemente o consumo de legumes. A inxecta media diaria por habitante de legumes en España sitúase en 12 g diarios, menos da metade do  nivel recomendado pola Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición (SEEN) que o estima en 2-4 racións semanais (25-45 g diarios).

Solos e legumes: simbiose para a vida

Outro atributo importante dos legumes é a súa capacidade de fixar o nitróxeno biolóxicamente. Estas plantas, en simbioses con certos tipos de bacterias (como Rhizobium, Bradyrhizobium), son capaces de converter o nitróxeno atmosférico en compostos de nitróxeno que poden ser utilizados polas plantas en crecemento, o que mellora a fertilidade do chan.

A FAO calculou que as leguminosas poden fixar entre 72 e 350 kg de nitróxeno por hectárea e ano. Ademais, algunhas especies son capaces de liberar fósforo no chan.

“O nitróxeno e os fósforos son importantes nutrientes para as plantas en crecemento. A habilidade de xerar de maneira natural estes fertilizantes fai que os granxeiros non teñan que usar químicos”, explica a Teodardo Rúas, Oficial Agrónomo da FAO. “Son tamén un cultivo que permite a diversificación. Se se inclúen na rotación de cultivos interrompen os ciclos de insectos e permiten continuar a produción futura na mesma parcela de terra”, engade o experto. Os chans sans son clave para a produción de legumes, e moitos legumes melloran a saúde do chan.

Os Legumes son unha alternativa nas dietas das poboacións máis empobrecidas.
Os Legumes son unha alternativa nas dietas das poboacións máis empobrecidas.

Cultivo indispensable para as comunidades vulnerables dos países en desenvolvemento

Nos países en desenvolvemento, os legumes constitúen o 75% da dieta media, en comparación co 25% nos países industrializados. Supoñen unha alternativa económica á proteína animal: os legumes conteñen do 20% ao 25%do seu peso en proteína, fronte ao trigo que ten un 10% e a carne do 30% ao 40%. Os legumes son un cultivo cada vez máis importante para os pequenos agricultores, en particular as mulleres, que supoñen a maior parte da man de obra para cultivalas.

Constitúen unha peza clave para a subsistencia das poboacións rurais empobrecidas

Ademais de ofrecer unha subministración de alimentos de longa conservación, os cultivos leguminosos poden achegar ingresos adicionais aos produtores ao venderse e comercializarse. Os legumes son cultivos de alto valor e polo xeral alcanzan prezos de 2 a 3 veces máis altos que os cereais. Isto, unido á pegada reducida de desperdicio alimentario, é dicir, o pouco que se desperdicia dos cultivos, constitúe unha peza clave para a subsistencia das poboacións rurais empobrecidas.

Minoran o cambio climático

Os legumes poden contribuír á mitigación do cambio climático, reducindo a dependencia dos fertilizantes sintéticos utilizados para achegar nitróxeno ao chan. Durante a fabricación e aplicación destes fertilizantes libéranse gases de efecto invernadoiro e o seu uso excesivo pode ser prexudicial para o medio ambiente. Ademais, os legumes fixan o nitróxeno atmosférico no chan de forma natural e nalgúns casos liberan o fósforo, diminuíndo significativamente a necesidade de fertilizantes sintéticos.

Os legumes arredor do mundo

Segundo a FAO, a produción de legumes está moi concentrada. A India, onde estes cultivos son unha fonte importante de proteínas para unha poboación maioritariamente vexetariana, é o maior produtor mundial, cunha cuarta parte da produción global en 2013.

Canadá é o maior exportador de leguminosas con 6,2 millóns de toneladas de legumes en 2013, seguido de Australia (1,7 millóns de toneladas), Myanmar (1,2 millóns de toneladas), Estados Unidos (1,1 millóns de toneladas) e China (800 000 toneladas). A pesar de ser o maior produtor de legumes, India é tamén o país que máis as importa: é o destino principal dunha cuarta parte das importacións dos legumes mundiais, seguido da Unión Europea, China, Paquistán e Exipto.

Cos legumes cocíñanse deliciosos pratos en todo o mundo, polo que son un elemento básico de moitas dietas. Na páxina da FAO descríbense receitas de cociña con legumes de todo o planeta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artigo anterior
Seguinte artigo

Relacionadas

A OMS podería declarar canceríxeno o edulcorante máis usado no mundo, o aspartamo

Os expertos do organismo internacional poderían establecer límites ao uso desta substancia presente en bebidas e lambetadas

Os perigos das dietas de despois do Nadal: a ciencia bate contra o marketing

Amparados en estratexias económicas, medios e blogues empezan a difundir centos de pseudoréximes milagre para aproveitar a fin das festas

As persoas impulsivas adhírense peor a patróns dietéticos saudables 

Un estudo da área de Obesidade e Nutrición da Universidade de Navarra constata a súa maior tendencia ás conductas alimenticias negativas

Os alimentos ultraprocesados asócianse con máis cancro colorrectal e doenzas cardíacas

Dous estudos baseados en información sobre os hábitos e a saúde de máis de 250.000 persoas vinculan estes patróns dietéticos con maior risco de mortalidade