Venres 29 Marzo 2024

A velutina estableceu 21.000 niños en Galicia en cinco anos

No ano 2012 detectáronse por primeira vez en Galicia, no Val Miñor e na Mariña lucense, dous niños de vespa velutina, unha especie exótica invasora procedente de Asia, da que, cinco anos despois, en 2017 se rexistraban na comunidade máis de 21.000 niños. Estes datos servían á investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Sandra Rojas para incidir no significativo impacto que unha especia caracterizada pola súa capacidade de adaptación e de aprendizaxe está a ter xa tanto nos ecosistemas como na apicultura, nunha conferencia celebrada nesta xornada na Escola de Enxeñaría Forestal.

Sandra Rojas, na súa presentación.
Sandra Rojas, na súa presentación.

“Probablemente, nun par de anos todas as áreas de Galicia van ter xa a presenza desta avespa”, engadiu Rojas Nossa, que desde 2014 investiga tanto os aspectos biolóxicos como os impactos causados por esta especie, así os como diferentes métodos para combatela, e que este martes participou nun relatorio presentado pola profesora Eugenia López de Silanes, promovido pola EE Forestal e a Área de Produción Vexetal, coa colaboración da Vicerreitoría e do proxecto Green Campus.

Publicidade

A avespa asiática caracterízase, explicou Rojas, “polo que os biólogos chamamos plasticidade fenotípica”, a súa capacidade de adaptarse a novas contornas e de cambiar desde unha parte do seu ciclo anual ao tipo de especies das que se alimenta. Ao mesmo tempo, é tamén unha especie “moi prolífica, na que cada raíña pode fundar un niño cun promedio de en torno a 600 individuos, dos que 300 estímase que son novas raíñas fundadoras”.

A isto súmase, por outra banda, que se trata dunha especie que para a criar as larvas precisa proteínas, que obtén da caza doutros insectos. “Especializáronse en cazar abellas da mel”, sinalou Rojas, que explicou que nese período de “crecemento poboacional”, cada colonia pode consumir “probablemente varios centos de miles” de artrópodos.

De aí que puxese o acento no “enorme impacto” que están a ter na apicultura, ao que se suma o feito de que “as abellas estrésanse por causa desta forte depredación”, o que fai que “queden na colmea e consuman os recursos que deberían ter gardado para o inverno” en lugar de saír colectar, o que deriva “en que o ano seguinte non só se reduce a cantidade de mel colectada, senón que hai unha gran mortalidade de colonias”.

A velutina reduce a colleita de mel e mata moitísimas abellas

Rojas incidiu tamén na súa conferencia nas problemáticas que, para outras especies de insectos, poden derivarse das medidas de control que se están a desenvolver contra a vespa velutina. Nese senso, relatou que as investigacións realizadas desde o Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal amosaron que as trampas que se empregan con diferentes cebos son métodos “pouco eficaces e pouco selectivos”. Non en van, resultan atraentes para outro tipo de insectos, como abellas, avespóns autóctonos, bolboretas ou moscas, de tal xeito que os estudos que realizaron con tres tipos de trampas e tres tipos de cebos, tanto comerciais como “caseiros”, amosan que “por cada velutina, capturánse tamén 100 individuos doutras especies”.

Actualmente, sinalou “estanse a realizar esforzos importantes a nivel internacional” por desenvolver “cebos máis específicos”, un ámbito no que, a través dun convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, tamén traballan as investigadoras e investigadoras da Universidade de Vigo, baixo a coordinación de Josefina Garrido e María Calviño.

“Estudamos outro tipo de trampas, que utilizan os olores e os comportamentos naturais das abellas como sinal de atracción”, relatou Rojas, que explicou tamén que, no marco destas investigacións, estanse a estudar que posibles medidas contribuirían á “detección temperá dos niños”, xa que estes constrúense en copas de árbores moi poboadas, de tal xeito que “só son visibles cando caen as follas, pero entón a avespa xa completou o seu ciclo anual e xa saíron todas as reprodutoras”.

Nese senso, as dificultades para a súa detección provocan que a destrución de niños non vaia ter “un grande efecto sobre a poboación” desta especie, aínda que si se trata dunha medida “importante especialmente cerca de núcleos poboados”, dado que esta especie implica tamén, recoñece, un risco para a saúde. Nese senso, Rojas Nossa, lembrou o falecemento en novembro dun veciño do Porriño atacado por estes insectos, para incidir en que unha “picadura masiva deste animal pode ter graves consecuencias para a saúde humana”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova ameaza das velutinas: o abandono dos pequenos viñedos

Investigadoras da UDC analizan por vez primeira o impacto desta especie invasora sobre a produción de uva

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Velutinas, porco vietnamita, cangrexo vermello… Así chegan a Galicia as especies invasoras

María José Servia, investigadora da UDC, augura novos exemplares “co foco poco posto nos himenópteros: avespas, formigas e abellas”

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos