Representación gráfica da vacina da gripe.

Representación gráfica da vacina da gripe.

O virus Yamagata esquiva este ano a vacina da gripe

A alta prevalencia dunha liñaxe non incluída na vacina trivalente produce unha protección menor contra o virus

Aínda que cómpre agardar unha ou dúas semanas, por se xorde un repunte de casos, parece que a intensidade da gripe en Galicia comeza a descender. Acadouse o cumio na primeira semana do ano, cunha incidencia menor que outras tempadas, segundo o criterio que emprega o Servizo Galego de Saúde: o número de chamadas semanais realizadas ao 061 polo virus da gripe e outras infeccións respiratorias agudas (IRA). Con todo, xa houbo que lamentar 38 persoas falecidas por causas directamente relacionadas co virus, segundo os datos aportados polo Sergas. E 18 delas non tiñan posta a vacina da gripe.

Ata os últimos datos, o 68% dos ingresados tiñan gripe B

E aínda que non estamos falando dunha epidemia significativa, si está sendo unha campaña particular por varias razóns. “En xeral, os virus A son os máis frecuentes, e circulan en moitas ocasións conxuntamente cos virus B, pero hai anos nos que son estes últimos os virus os máis frecuentes”, sinala Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública na USC. Estes virus B circulan exclusivamente entre humanos, ao contrario que o A, que tamén circula en animais, e que adoita producir cadros clínicos máis graves.

“A data de 14 de xaneiro – sinala Gestal – o 68% dos pacientes ingresados eran por virus B; 24% por virus A e B, e o resto por virus A. Non é habitual”, apunta o experto.

Estes virus circulantes varían dun ano a outro. Pero este ano produciuse outro feito diferencial: “Unha parte destes virus B, preto da metade, son da liñaxe Yamagata, e non estaban incluídos a vacina trivalente (si na tetravalente) utilizada para esta tempada no hemisferio norte”. A trivalente incluía tres cepas de virus da gripe: dúas A (H1N1 e H3N2), e unha B (liñaxe Victoria); mentres que a tetravalente levaba catro cepas: as tres anteriores e además outra B (liñaxe Yamagata).Así, Juan Gestal conclúe: “A protección da vacina da gripe este ano é moito menor”.

Isto non supón, claro está, un motivo para desconfiar da efectividade da inmunización. “Non se entende que as persoas con risco de sufrir unha gripe complicada non poñan a vacina da gripe, que practicamente non ten efectos secundarios, e que cando acerta cos virus circulantes, protexe nunha elevada porcentaxe”, conclúe Gestal.

Tamén podes ler:

Por que non se vacina a xente contra a gripe?

 

 

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.