O equipo de Biocaps dirixido por Pío González foi premiado por esta investigación.

O equipo de Biocaps dirixido por Pío González foi premiado por esta investigación.

Xunco marítimo para rexenerar tecido óseo

Investigadores de Biocaps, premiados por un traballo para usar este espigado vexetal para cultivar células para transplantes

O Juncus maritimus, coñecido comunmente como xunco, é unha especie vexetal habitual nas marismas de zonas tépedas e húmidas. As súas utilidades foron até agora moi limitadas, case exclusivamente restrinxidas ao uso ornamental ou a elaboración de cestas e cadeiras. Con todo, isto podería cambiar moi pronto grazas ao traballo que acaba de valer o recoñecemento da comunidade científica internacional ao Instituto de Investigación Biomédica (IBI), desde o que se propón o seu uso como biomaterial para a rexeneración de tecidos. O traballo, realizado no marco do proxecto Biocaps, foi seleccionado pola Institution of Civil Engineers como o mellor dos publicados en 2014 na revista Bioinspired, Biomimetic and Nanobiomaterials.

O xunco marítimo ten unha estructura que facilita que medren ordenadamente as células óseas.

O xunco marítimo ten unha estructura que facilita que medren ordenadamente as células óseas.

A transformación desta planta que prolifera á beira do mar nun recurso de alto valor engadido para a práctica médica baséase nun proceso biomimético que, grazas ao uso de solucións salinas similares ao plasma sanguíneo, favorece o crecemento das células formadoras de óso. No artigo, titulado Biomineralization of marine-patterned C-scaffolds, descríbense as propiedades desta especie que fan posibles tales utilidades e o procedemento para convertelo nun biomaterial avanzado. O seis científicos asinantes do traballo galardoado, coordinados por Pío González, destacan por enriba de todo a porosidade desta especie, unha característica prioritaria para a enxeñaría de tecidos xa que para lograr o efecto de rexeneración desexado é fundamental que o material que actúa como estada permita o crecemento das células cara ao interior dos poros, favorecendo a súa adhesión e tamén a vascularización do tecido novo.

Este material bioinspirado tamén axuda a rexenerar os nervios

Por outra banda, o xunco podería cumprir un papel adicional grazas ao seu potencial para inducir a reinervación ou rexeneración dos nervios. Tras graves lesións, as células neuronais non reciben os sinais apropiados para unha completa “reconexión” dos nervios. Os investigadores do IBI están testando a capacidade da estruturación superficial deste material para guiar ás células nunha determinada dirección. “Até o momento confirmamos o aliñamento de células óseas, polo que este biomaterial podería utilizarse potencialmente como un conduto bioartificial que sirva de ponte para as células, permitindo a reconexión completa deste tecido”, explica Miriam López, membro do grupo. Esta vía queda aberta tras ver a necesidade de promover o crecemento orientado tamén a nivel de tecido óseo. “Ademais, ao poder guiar o crecemento celular, estes dispositivos estruturados permitirían, en caso de implantes que soporten cargas importantes, mellorar a distribución de forzas ao orientar o crecemento de tecido óseo a determinadas zonas ou en determinadas direccións”, detalla López.

Juncus maritimus.

Juncus maritimus.

Os materiais bioinspirados están a revelarse como un recurso moi eficaz para a rexeneración de tecido humano tanto polo seu carácter “amigable” co organismo como polas súas características estruturais. No caso do xunco, presenta unha distribución homoxénea e uniforme de porosidade en forma de canles interconectadas polo interior de toda a súa estrutura proveniente do seu propio sistema vascular, que distribúe a auga e os nutrientes a toda a planta. A maiores, a superficie desta planta presenta outros poros aliñados chamados estomas, que utiliza para o intercambio gaseoso e a perda de auga e cuxas cámaras estomáticas están tamén conectadas. “Esta estrutura é moi interesante para guiar e promover o crecemento orientado de células cara a defectos puntuais en distintos tecidos óseos ou nerviosos”, explica a investigadora adscrita ao proxecto Biocaps.

O traballo premiado demostra como a porosidade e estruturación da planta se mantén tras o tratamento térmico ao que se somete previamente e tamén detalla as ligazóns químicas formadas na superficie do biomaterial tras o seu recubrimento de fosfato cálcico, necesario para obter os resultados descritos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.