Antonio Gomez Caamaño e Ana Vega, científicos do IDIS que participaron no estudo sobre o cancro de próstata. Foto: Sergas.

Antonio Gomez Caamaño e Ana Vega, científicos do IDIS que participaron no estudo sobre o cancro de próstata. Foto: Sergas.

Atopan novas variantes xenéticas asociadas ao cancro de próstata

Científicos do IDIS de Santiago participan nun estudo internacional no que se analizaron datos xenéticos de 140.000 persoas

Un de cada sete homes terá ao longo da súa vida cancro de próstata. É o máis frecuente en varóns nos países occidentais. Coñecíanse xa algúns factores de risco, como a idade (máis probable canto maior se é), e a etnia ou grupo poboacional (os africanos son os que máis o padecen, seguidos de europeos e asiáticos). Porén, un novo traballo no que participan científicos galegos (do IDIS de Santiago e IIS-Galicia Sur de Vigo) acaba de identificar 63 novas variantes xenéticas que inflúen no risco de padecer tumores de próstata.

O traballo internacional foi publicado en dúas revistas do grupo Nature (Nature Genetics e Nature Communications), e nel expóñense as variantes que predispoñen a este tipo de cancro. 62 delas inflúen nestes tumores en xeral, mentres que outra delas predispón específicamente ao que desenvolven os homes menores de 55 anos, que é moito máis grave. Segundo sinalan desde o IDIS, os resultados contribuirán a desenvolver estratexias de screening e manexo clínico dos pacientes para abordar mellor estes cancros.

O estudo axudará a mellorar estratexias de manexo clínico dos pacientes que padecen este cancro

Os achados que se publican agora son o resultado do traballo do consorcio Practical, un proxecto que involucra a científicos de 60 institucións, entre que hai tres grupos españois. Analizáronse en total datos xenéticos de 140.000 homes, dos cales 80.000 foron diagnosticados con cancro de próstata. Os galegos que participaron no estudo son Antonio Gómez Caamaño, do Servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico de Santiago, Laura Fachal e Ana Vega Gliemmo, da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, e José Esteban Castelao, da Unidade de Oncoloxía Xenética do Hospital de Vigo, adscrita ao Instituto de Investigación Biomédica Galicia Sur (IISGS)

Ata agora, os estudos de asociación de xenoma completo, coñecidos como GWAS, permitiran identificar 104 variantes xenéticas asociadas á susceptibilidade de padecer tumores de próstata. Cada unha destas variantes identificadas a través dos estudos GWAS afectan de forma moderada ao risco, pero como son variantes xenéticas comúns na poboación, o seu impacto acumulado é importante. Grazas a esta investigación, a maior realizada ata a data, conseguiron identificar as 63 novas rexións do xenoma implicadas neste risco. Ademais, confirmouse a asociación de 75 das 104 rexións asociadas que previamente xa foran identificadas.

As zonas con maior asociación foron as implicadas nos mecanismos de reparación de ADN e de progresión do ciclo celular. Ademais, a análise das rutas biolóxicas realizado mediante asociación de variantes a xenes próximos identificou unha ruta relacionada coa resposta inmune dos pacientes como a máis importante.
Ademais, no traballo publicado en Nature Communications tamén se estudan en profundidade 88 das rexións asociadas co desenvolvemento do cancro de próstata, co obxectivo de identificar as variantes dentro destas zonas que inflúen na doenza.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.