Venres 19 Abril 2024

Investigadoras da USC demostran que se pode perder peso sen ter que comer menos

Un estudo da USC acaba de abrir unha nova vía na loita contra a obesidade. O grupo NeurObesidad acaba de comprobar, a través dun rato modificado xenéticamente, que é posible perder peso sen variar a cantidade de comida inxerida. Os resultados, publicados en Cell Metabolism, describen por primeira vez o mecanismo molecular.

Así, amosan como é o hipotálamo o que regula a produción de graxa no fígado. As hormonas tiroideas actúan directamente nesta glándula, e promoven a produción de lípidos no tecido do fígado. A través da circulación sanguínea, as graxas chegan ao tecido adiposo pardo, onde se “queiman” e aumentan o gasto calórico. A graxa parda é a que non almacena lípidos, é dicir, que os consome para obter enerxía, ao contrario que a graxa branca. Esta enerxía espállase posteriormente en forma de calor.

Publicidade

Ademais de identificar este mecanismo, as investigadoras da USC conseguiron xerar por primeira vez un rato deficiente respecto á proteína AMPK nas súas neuronas do hipotálamo. Esta proteína está involucrada nos primeiros pasos da produción de lípidos. A súa importancia radica na súa sensibilidade a calquera variación nos niveis enerxéticos da célula e o organismo.

Integrantes do grupo Neurobesidad. Foto: USC.
Integrantes do grupo Neurobesidad. Foto: USC.

O equipo da USC modificou xenéticamente a varios ratos para eliminarlles esta proteína nunhas neuronas dunha das rexións do hipotálamo. Ao realizar esta acción, as científicas comprobaron que estes animais presentaban un menor peso que outros sen manipular. A graxa parda activárase en maior medida, sen que houbera ningunha variación na cantidade de alimento inxerido entre uns e outros. Por tanto, segundo explican as investigadoras Noelia Martínez e Patricia Seoane, autoras do estudo, “perden peso comendo o mesmo”.

O hipotálamo, a rexión do cerebro que regula o estado enerxético do organismo, é o protagonista deste mecanismo. A través de estudos farmacolóxicos e xenéticos, Martínez e Seoane demostraron que as hormonas tiroideas inhiben a función da proteína AMPK nunha serie de neuronas do hipotálamo, “o que activa dúas rutas moleculares que regulan a función do fígado e da graxa parda, respectivamente”.

Por tanto, o tecido adiposo pardo convértese nunha posible diana terapéutica no tratamento da obesidade. “Aínda resta moito camiño por andar”, subliñan as investigadoras, pero o certo é que o mecanismo abre unha nova vía na loita contra as enfermidades metabólicas, xa que ata agora non existían datos que relacionasen a función do fígado e as hormonas tiroideas.

O proxecto está financiado por Xunta, Goberno e UE

A liña de investigación que leva a cabo o grupo está financiada polo prestixioso programa Starting Grant do European Research Council, grazas aos estudos previos liderados no CiMUS polo científico Miguel López. Tamén está financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Mineco e Atresmedia. O traballo recolle as respectivas teses de doutoramento de Noelia Martínez e Patricia Seoane, dirixidas por Miguel López e Carlos Diéguez. Martínez atópase desde o ano pasado no Instituto Gulbenkian de de Ciência de Lisboa, realizando unha estancia posdoutoral financiada pola Xunta.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior prevalencia de obesidade

Un estudo da USC asocia os altos índices de avellentamento cun maior exceso de peso na poboación galega

Isto é o que lle ocorre ao teu fígado cando deixa o alcol

Este órgano ten asombrosos poderes autocurativos pero ten límites, así que máis vale non abusar del bebendo en exceso

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero