Martes 16 Abril 2024

Unha tese da USC avanza no estudo das lesións nos enfermos de alzhéimer

A investigación desenvolvida pola guitiricense Sonia Freire Rodríguez na súa tese de doutoramento permite avanzar no estudo das causas da aparición de lesións existentes en pacientes de alzhéimer. A tese, desenvolvida baixo o título ‘Estudo da asociación de sistemas supramoleculares mediante técnicas de fluorescencia: de ciclodextrinas a beta-amiloides’, foi dirixida polos profesores Mercedes Novo Rodríguez e Wajih Al-Soufido, do Departamento de Química Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na Facultade de Ciencias do campus de Lugo, e obtivo a cualificación de sobresaínte cum laude.
Freire Rodríguez aborda o estudo de varios sistemas supramoleculares con importantes aplicacións de interese biolóxico e tecnolóxico. Aínda así, o tema central da súa investigación atinxe ao proceso de agregación do β‑amiloide(1-42), que se considera o principal responsable da aparición das lesións existentes en pacientes coa enfermidade de alzhéimer, lesións debidas tanto á súa asociación en forma de fibras insolubles como á presenza de pequenos agregados, informa a USC.

A tese aporta importantes resultados para unha mellor comprensión da aparición de lesións

A tese recolle os resultados obtidos para a caracterización dos agregados fibrilares do β‑a miloide(1‑42) empregando novas sondas fluorescentes de gran sensibilidade. Ademais, a investigadora analizou o comportamento destas novas sondas en comparación co fluoróforo Tioflavina T, que é o máis utilizado na marcaxe de fibras, a pesar de que presenta importantes inconvenientes. A investigación desenvolvida por Sonia Freire mostra asemade as vantaxes desas novas sondas pola súa capacidade para identificar distintos agregados amiloides e a posibilidade de establecer mediante o seu uso un método ratiométrico que permita monitorizar o proceso de agregación do péptido.
Outra das achegas recollidas nesta tese de doutoramento é a que atinxe ao estudo do mecanismo do proceso de agregación do β‑amiloide(1‑42) durante a formación de agregados iniciais solubles do péptido, que se consideran os maiores responsables da toxicidade, obténdose importantes resultados que nos achegan a unha mellor comprensión do proceso.
O tribunal da tese estivo presidido polo experto en beta-amiloides e director de I+D da empresa biotecnolóxica Araclon Biotech Pedro Pesini Ruiz, quen tamén fora profesor da USC. Tamén formaron parte do tribunal os catedráticos de universidade Fernando López Arbeloa, da Universidade do Pais Vasco; Emilia Iglesias Martínez, da Universidade da Coruña, e Manuel Mosquera González, da USC, así como o Investigador Científico do CSIC Germán Rivas Caballero.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo test pode detectar o alzhéimer cunha precisión do 90 %

Unha investigación internacional con participación española desenvolveu unha proba que identifica un biomarcador clave chamado p-tau217

A credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Só o 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos cre que as disciplinas científicas buscan a verdade, fronte ao 90,2% da poboación maior de 65 anos

As ‘Cantigas de Santa María’, traducidas por vez primeira ao galego actual

A versión realizada polo Grupo de Románicas da USC estará dispoñible na páxina web do Centro Ramón Piñeiro

O uso (e abuso) de pantallas pode resecar seriamente a túa vista: isto é o que podes facer para evitalo

Estar pegados a unha pantalla é unha condición case inesquivable da vida moderna que dificulta a adecuada lubricación dos nosos ollos