A investigadora da USC Cristina Contreras, coordinadora do estudo.

A investigadora da USC Cristina Contreras, coordinadora do estudo.

Unha proteína do hipotálamo podería reducir a obesidade e a diabete-2

O estudo, liderado pola investigadora da USC Cristina Contreras, abre a porta a novas dianas terapéuticas contra a obesidade

Un traballo publicado por investigadores do grupo NeurObesidad da Universidade de Santiago de Compostela podería abrir a porta á utilización de novas dianas terapéuticas na loita contra a obesidade. Neste estudo, coordinado pola científica Cristina Contreras e testado en ratas con obesidade, descubriuse un novo mecanismo molecular que demostra que o aumento da proteína chaperona GRP78, tamén coñecida como BiP, consegue que ditas ratas adelgacen sen deixar de comer, ao tempo que se diminúe tamén a diabete tipo 2 asociada ao sobrepeso. Os resultados acaban de ser publicados na revista Diabetes, e ten como primeiros asinantes a Cristina Contreras e ao estudante de doutoramento Ismael González.

Para comprender a investigación é importante a diferenciación entre a graxa branca e a parda. A branca acumula un tecido adiposo como se fora un depósito de enerxía, mentres que a parda funciona como unha estufa, queimando a propia graxa para producir calor e manter a temperatura corporal, segundo explican desde a USC. Os investigadores parten da idea de que un dos mecanismos que producen a obesidade é o mal funcionamento da graxa parda, xa que se diminúe o gasto calórico ao tempo que se incrementa a masa corporal, polo que o tecido adiposo branco predomina sobre o pardo.

Temperatura da graxa parda nunha  rata delgada (esq.), nunha rata obesa (centro) e nunha rata obesa tratada con BiP (der.).

Temperatura da graxa parda nunha rata delgada (esq.), nunha rata obesa (centro) e nunha rata obesa tratada con BiP (der.).

Así, o equipo liderado por Cristina Contreras demostrou que ao aumentar a presenza da proteína BiP no hipotálamo das ratas obesas conséguese transformar a graxa branca en parda. Este proceso, coñecido como browning, provoca a redución de peso nestes animais. Segundo explica Contreras, “a inactivación do tecido adiposo pardo durante a obesidade dificulta a ‘queima’ de graxas e a disipación de calor, polo que ao conseguir cambiar a graxa mala (a branca) pola boa, estaremos en disposición de reverter a obesidade”.

A obesidade e a diabete producen unha alteración no procesado das proteínas no hipotálamo, que é a zona do cerebro encargada de regular o estado enerxético do organismo. Este fenómeno, coñecido como estrés do retículo endoplasmático, conseguiu ser reducido polos investigadores da USC. Observaron “que non só se reactiva o tecido adiposo pardo senón que ademais a graxa mala convértese en boa, pasando de acumular graxa a queimala para producir calor”, segundo sinala Cristina Conteras.

Este achado “permitirá identificar novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade e a síndrome metabólica, que actualmente están alcanzando proporcións pandémicas nas sociedades occidentalizadas”, apunta a investigadora. Este equipo da USC xa realizou estudos previos sobre a obesidade, liderados polo científico Miguel López financiados co programa de excelencia europea Starting Grant.

 

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.