Taxas de suicidios en Galicia. Gráfico: Instituto Galego de Medicina Legal.

Taxas de suicidios en Galicia. Gráfico: Instituto Galego de Medicina Legal.

Un suicidio diario en Galicia: o dobre de mortes que por accidente de tráfico

Un novo estudo pon a Galicia en cabeza do estado mentres o Sergas ultima un plan de prevención para atallar o problema

Os suicidios duplican en Galicia ás mortes por accidente de tráfico. 321 fronte a 151, segundo o último informe de causas de defunción do Instituto Nacional de Estatística. Ademais, Galicia está en cabeza no índice de suicidios en España, só por detrás de Asturias. E a magnitude do problema aparece reflectida nun novo estudo recén publicado na Revista de Psiquiatría y Salud Mental. As provincias de Lugo e A Coruña destacan especialmente no conxunto do Estado.

Mapa-suicidios-hombres-2-630x392

Galicia rexistra preto dun suicidio por día. A tasa é de 11,74 por cada 100.000 habitantes. Pero na provincia de Lugo alcanza 17 por cada 100.000 habitantes, con 58 mortes rexistradas no 2015, o último ano do que hai rexistros. Os 321 suicidios de 2015 supoñen unha baixa con respecto a 2014 (390), pero a tendencia é ao incremento. O Boletín Epidemiolóxico de Galicia (BEG), nun informe de setembro de 2016, revela que o problema está a medrar.

“En Galicia, dende o ano 2009, a mortalidade por suicidio sitúase como primeira causa de morte violenta, producíndose unha media duns 335 casos ao ano, o que supón case unha morte diaria por suicidio”, salientan os autores do estudo, que sirve de base ao Sergas para o plan que está a ultimar para mellorar estas cifras.

O Sergas ultima un plan para seguir a recomendación da OMS de atallar o suicidio

“O suicidio constitúe un importante problema de saúde pública recoñecido a nivel mundial, aínda que de posible prevención”, afirman os investigadores neste informe, que destaca que “a redución das taxas de suicidio pasa por coñecer os factores de risco asociados á conducta suicida”. E poñen o seu obxectivo en facer prevención coa poboación que padece “trastornos mentais, afectivos, de ansiedade ou de personalidade, esquizofrenia, abuso de sustancias e a saúde física. Este último grupo de factores son susceptibles de poder modificarse clinicamente ou por medio de intervencións poboacionais”.

A taxa de suicidios é moito máis alta no norte que no sur de Galicia. Lugo (por riba de 17 por cada 100.000 habitantes) rexistrou no 2015 un total de 58 suicidios. Na Coruña foron 151. Pero en Pontevedra a cifra foi de 81, por 31 en Ourense, datos relativos case un 40% máis baixos que os do norte do país.

Tamén a incidencia é maior en homes, cunha taxa de 17,6 fronte ao 5,2 das mulleres. En canto aos métodos, o aforcamento é o principal. Dous terzos (63,3%) dos suicidas galegos empregaron este sistema. Os seguintes están moir por baixo: “Caída dende lugar elevado” (11,0%), “Afogamento” (7%) e “Arma de fogo” (6,2%).

O problema en Galicia aparece ben reflectido no mapa do suicidio en España elaborado polas investigadoras Maite Santurtún, Ana Santurtún e María Teresa Zarrabeitia, da Universidade de Cantabria. Publicado na Revista de Psiquiatría e Saúde Mental, amosa en cor vermella as provincias da Coruña e Lugo. Só as de Málaga e Xaén están por riba no índice de suicidios no estado.

A Xunta está a piques de presentar un plan específico contra o suicidio, que foi anunciado polo conselleiro Jesús Vázquez Almuiña no mes de marzo de 2017. O Movemento Galego da Saúde Mental mobilizouse ao longo do último ano para reclamar un plan público que atalle o problema.

Aquí podes ler o último informe
do Boletín Epidemiolóxico de Galicia

3 respostas a “Un suicidio diario en Galicia: o dobre de mortes que por accidente de tráfico”

  1. Anónimo

    E xa se me fan bien poucos polas situacións que moitisima xente atravesa, paro de longa duración , empregos precarios e un longo etcétera que leva a tomar pola ” porta falsa”.

  2. Obvio que haxa tantos suicidios se ás persoas con problemas psicolóxicos graves lles citan co psicólogo cada 15 días e este só fai restar importancia ás preocupacións do paciente…

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.