O caldo galego, os grelos e as verzas son menús básicos da dieta atlántica.

O caldo galego, os grelos e as verzas son menús básicos da dieta atlántica.

Un experimento con 231 familias revela que a dieta galega diminúe o colesterol

Galiat 6+7 presenta as conclusións dun ensaio clínico sen precedentes sobre a alimentación atlántica

Xa é oficial. A dieta atlántica diminúe o colesterol e contribúe a rebaixar o adiposisade e o peso das persoas. Para chegar a esta conclusión, o grupo GALIAT 6 + 7, formado por seis empresas e sete grupos de investigación, realizou un experimento con 231 familias e un total de 656 persoas. Dividiunas en dous grupos para sometelas durante seis meses a dous modelos alimenticios distintos, e a conclusión foi clara: a significativa diminución do colesterol.

Galiat 6 + 7 presentou este martes o ensaio clínico pioneiro en I+D+i, realizado en colaboración co Hospital Clínico de Santiago. As familias 250 que inicialmente se someteron a el, todas elas do concello da Estrada, dividíronse nos citados dous grupos. A un, de 125 familias, induciúselle ao consumo de produtos das empresas do consorio, con pautas para a elaboración de menús da dieta atlántica deseñados pola Escola Belarmino Fernández Iglesias e indicacións nutricionais e de consumo. Outras 125 restantes actuaron como control, sen intervención nutricional, pero cos mismos controis clínicos e analíticos. Remataron o experimento 213 unidades familiares.

GALIAT 6+7

Os representantes de Galiat 6+7.

Mar Calvo, investigadora principal, resume: “Finalizouse con éxito este ensaio clínico, que achega o maior grao de evidencia científica en estudos experimentais en humanos. O noso obxectivo principal era avaliar o efecto da intervención sobre o perfil lipídico (diferentes tipos de graxas presentes no sangue). Ao analizar os datos constátase unha diminución significativa do colesterol”. Para a doutora Calvo, o máis significativo do experimento foi “a caída do colesterol” a expensas do colesterol de LDL (o colesterol malo).

“O obxectivo é recuperar os hábitos de alimentación racionais e coherentes co ámbito, cos produtos autóctonos do mar e da terra, que permitiu que os niveis do colesterol malo da poboación se sitúen entre os máis baixos de España, con elevados niveis do colesterol bo (HDL), pero os cambios no estilo de vida fixeron prevalecer o sobrepeso e obesidade, unha tendencia que hai que corrixir”, destaca Calvo.

O estudo conclúe que a dieta atlántica rebaixa a adiposidade e o peso das persoas

A experta engade: “Os resultados mostran unha mellora do perfil lipídico, en concreto do colesterol e LDL-colesterol (colesterol malo). Hai que ter en conta que, ao contrario do resto de estudos de intervención nutricional, tanto en España coma no resto de países, partimos dunha poboación sa. O colesterol medio era de 200 mg/dl aproximadamente e, aínda así, conseguimos unha diminución maior a 5 mg/dl no total da mostra intervida, chegando a 11 mg/dl en mulleres e nenos”.

Respecto ao índice de masa corporal das familias do grupo de intervención, a especialista sostén: “Obtemos resultados nestes pacientes. É un dato importante, xa que na maioría dos estudos de axudas non se consegue unha redución importante do peso corporal. Nós obtemos unha mellora do peso, o adiposisade e dos marcadores bioquímicos relacionados coa graxa corporal, tendo en conta que non se fixo unha restrición calorífica, simplemente instaurouse unha alimentación saudable”.

Carmen Martínez Rodríguez, coordinadora científica do proxecto e directora do Grupo Viticultura Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), resume os resultados do estudo das variedades de uva autóctonas Albariño, Caíño Blanco e Treixadura, en colaboración con bodegas Terras Gauda, e Mencía, con Pazo de Rivas: “Avaliouse a concentración de determinados compostos funcionais en peles, sementes, mostos e viños, das diferentes variedades de uvas, estudando o seu aumento ou diminución en función de diferentes manexos do cultivo (desnietado e rareo de acios), baixo as condicións de chan e clima de Terras Gauda e Pazo de Rivas”.

Seis empresas e sete grupos de investigación na análise participaron

Os resultados mostran que a maior concentración se produciu nas sementes, fundamentalmente nas tres variedades brancas. En canto ao viño, “obsérvase unha maior concentración no tinto, polo que sería interesante a realización de probas de vinificación en brancos, que permitan aumentar a concentración destes compostos no produto final”. Respecto ao aumento da concentración destes compostos utilizando o aclareao e o desnietado, comprobouse que no Caíño Blanco, Loureira e Mencía, aumentou lixeiramente coa aplicación destas técnicas.

Ademais, bodegas Terras Gauda e Pazo de Rivas, en colaboración coa empresa Invatia Research (Olei), elaboraron aceites de sementes das catro variedades estudadas. Son aceites moi diferentes aos de oliva e tamén distintos entre si, cunha clara influencia da variedade da que proceden.

O Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia tamén afondou no estudo da oliveira galega, realizándose a descrición botánica das variedades autóctonas, que non fora feita ata o momento. Así mesmo, púxose a punto a técnica de multiplicación destas oliveiras. A facilidade para o enraizamento depende moito da época de recollida das estaquillas nas árbores centenarias e do tipo de estaquilla que se recolla.

Debido ás diferenzas morfolóxicas encontradas entre variedades recollidas baixo o mesmo nome varietal de Brava Galega, decidiuse realizar un estudo molecular. Os perfís obtidos comparáronse cos incluídos na base de datos Molecular do Banco de Xermoplasma de Olivo da Universidade de Córdoba (BGMO, UCO). As 18 mostras de ADN estudadas contiñan un total de oito perfís diferentes, é dicir, correspondían cun total de oito variedades distintas entre si. Tres delas coincidiron cunha variedade portuguesa denominada Cobrançosa e dous con outras tantas variedades localizadas en Galicia e coñecidas baixo as denominacións de Brava e Mansa. O resto das variedades (cinco) non están incluídas no BGMO, polo que podería tratarse de variedades autóctonas e aínda sen describir nin introducir en ningún banco de xermoplasma.

Os resultados permitirán a Quescrem desenrolar un queixo 0% graxa

A empresa Quescrem e a Aula de Produtos Lácteos da USC, mentres, traballaron na valorización de efluentes lácteos resultado do proceso produtivo para a obtención de compostos funcionais co fin de desenvolver novos produtos. Quescrem logrou desenvolver un queixo de similar textura e características organolépticas aos producidos pola compañía, pero co valor engadido de incluír gránulos de kéfir. En concreto elaborou tres tipos de queixos: estándar, reducido en graxa (light) e 0% graxa. As conclusións son que é posible unha redución da graxa sen prexuízo dunha boa textura; non é necesario utilizar estabilizantes nin conservantes e as análises microbiolóxicas cumpren a lexislación. O departamento de I+D+i vai continuar afondando no desenvolvemento do queixo 0%.

En canto aos beneficios para a saúde animal da achega dunha bebida probiótica elaborada a partir de recursos lácteos valorizados mediante un ensaio de intervención clínica en gando vacún, a satisfacción foi plena co desenvolvemento do estudo de intervención en tenreiros, xa que se constatou que existe unha correlación positiva entre a toma do produto e a ganancia de peso; unha diminución do impacto das enfermidades pola capacidade rehidratante da bebida probiótica, que tamén palia o efecto dos antibióticos e os seus microorganismos restitúen a flora dixestiva.

A conserva en lata no afecta os minerais e antioxidantes de berzas e grelos

A principal conclusión desta liña de investigación do Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas do CSIC con A Rosaleira é que a conserva en lata mantén proporcións relativamente elevadas de minerais e antioxidantes en berza e grelo. O período de almacenamento dos envasados industriais (lata e cristal) non afecta á calidade do produto, xa que non se observan grandes perdas en vitamina C e minerais ao cabo dun ano de conservación. Respecto ao efecto de diferentes datas de sementeira e idades da planta na composición de parámetros nutricionais, as berzas e grelos sementados en outono e obtidos nun estadío xuvenil presentan a maior capacidade antioxidante e contido en compostos fenólicos totais, mentres que o contido máis alto en vitamina C se obtén cando se recolle a planta adulta en outono.

Por último, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e Conservas Friscos analizaron os compoñentes bioactivos (Omega 3 e Betaínas) do mexillón de Galicia, un estudo, que revela a destacada concentración de ácidos graxos poliinsaturados Omega 3 beneficiosos para a saúde pola súa contribución a previr enfermidades cardiovasculares e metabólicas. Os mexillóns sometidos a procesos de cocción, fritos e en conserva facilitados por Conservas Friscos considéranse tamén produtos con alto contido de ácidos graxos, segundo as conclusións da análise, que demostra que o mexillón cocido e en conserva é unha excelente fonte de Betaínas, principio activo útil no metabolismo humano.

En Galiat 6 +7 participan as empresas Bodegas Terras Gauda, A Rosaleira, Quescrem, Pazo de Rivas, Conservas Friscos e Olei e os seguintes grupos científicos: Misión Biolóxica de Galicia-CSIC (Grupo de Viticultura e Grupo de Brásicas), Instituto de Investigación de Ciencias Mariñas-CSIC (Grupo de Química de Produtos Mariños), Hospital Clínico de Santiago-CHUS e Fundación Ramón Domínguez, Aula de Produtos Lácteos – USC, Departamento de Farmacoloxía da Facultade de Medicina -USC e Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo.

Menor actividade antitumoral

O Departamento de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), baixo a dirección de Freire Garabal, avaliou a actividade antitumoral e antimetastática de moléculas presentes no Albariño, Caíño Blanco, Loureira e Mencía, en especies brásicas (grelos e berzas) e na variedade de oliveira Brava Galega.

“Estes estudos leváronse a cabo no laboratorio, utilizando células humanas procedentes de cancros de próstata e de mama, que se sometían á acción de diferentes concentracións destas moléculas. Observouse que algunhas destas substancias diminuían o crecemento tumoral“, destaca o doutor, quen engade: “Con algunhas moléculas detectouse un efecto antitumoral superior ao dalgún fármaco utilizado como referente no tratamento do cancro de próstata ou de mama, o que abre a posibilidade de que no futuro poidan ser consideradas como candidatas en descubrimento e desenvolvemento de novos fármacos“.

Tamén analizouse o efecto antimetastático destas moléculas e, nalgúns casos, obtivéronse importante evidencias sobre o potencial que poderían ter na prevención no proceso de diseminación do cancro cara a tecidos e órganos veciños ou distantes, mantén o doutor Freire Garabal, que matiza: “Aínda que estes resultados resultan moi alentadores, estamos a falar aínda de datos moi incipientes, levados a cabo utilizando técnicas de cultivos celulares baixo condicións de laboratorio (in vitro), que teñen que ser completados mediante outras técnicas que demostren o porqué desta resposta antitumoral e a significancia dos resultados obtidos en modelos en vivo e, loxicamente, na clínica”.

Unha resposta a “Un experimento con 231 familias revela que a dieta galega diminúe o colesterol”

  1. Mucho se habla de los beneficios de la dieta mediterránea; pero poco se hable de los beneficios de la dieta gallega, que no tiene nada que envidiar a ninguna dieta del mundo. Es evidente que es una de las dietas más variadas del mundo, con un equilibrio apropiado entre pescado, carne y huevos, legumbres, pasta y frutas y verduras. Por otro lado el mejillón y otros moluscos son una fuente muy preciada de calcio que debería incluirse en todas las dietas

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.