Urbano Lugrís, membro do equipo do LIM, cunha das próteses que fabricaron

Urbano Lugrís, membro do equipo do LIM, cunha das próteses que fabricaron

Un exoesqueleto “low cost” para axudar a camiñar aos parapléxicos

A Universidade da Coruña desenvolve un innovador sistema que podería mellorar a mobilidade de milleiros de doentes

Ás veces a ciencia non axuda tanto ás persoas polos seus grandes descubrimentos senón o que consegue é facer máis accesibles as innovacións que xa se atopan no mercado.  Isto acontece co proxecto que se ven desenvolvendo no Laboratorio de Enxeñería Mecánica (LIM) do Campus de Ferrol, pertencente a Universidade de A Coruña (UdC)  e que aposta pola produción de exoesqueletos a baixo prezo. Deste xeito podería mellorarse a mobilidade de milleiros de persoas que sofren lesións que afectan a súa capacidade para camiñar.

Proba do exoesqueleto nunha paciente

Proba do exoesqueleto nunha paciente

O proxecto se desenvolve coa colaboración da Universidad de Extremadura e da Universidad Politécnica de Cataluña. Javier Cuadrado, coordenador do LIM, explica que a idea inicial partiu dunha xuntanza co Xefe da Unidade de Lesionados Medulares do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), co que falaron sobre a necesidade de contar con algún tipo de mecanismo que mellorase o funcionamento das próteses fixas que soen utilizarse para facilitar a rehabilitación deste tipo de doentes.

Oito anos despois xa se conta cun dispositivo que mellora considerablemente os que existían ata o de agora e que podería fabricarse cun prezo estimado duns 2.500 euros por unidade, moi inferior ao dos custosísimos sistemas que se comercializan  por cantidades que oscilan entre os 50.000 e os 200.000, inalcanzables para a maioría dos doentes. O reto a partires de agora é atopar unha vía axeitada para poder producir e comercializar o produto e chegar a milleiros de usuarios.

O sistema deseñado no LIM tratar de corrixir as limitacións que presentan as próteses fixas. Cuadrado sinala que basicamente trátase de darlle mobilidade á prótese do xeonllo mediante unha peza que incorpora un motor e situar uns sensores na perna que detectan os sinais nerviosos que se envían ao cerebro para dar os pasos. Deste xeito pode conseguirse que o xeonllo poida dobrarse ao efectuar o movemento para dar un paso e a peza volve a bloquearse cando toca o solo.

A mellora que notan os lesionados medulares á hora de camiñar é notable, como xa teñen comprobado no LIM cunha doente que lles acompañou durante todo o proceso. Coas novas próteses o paciente pode ver reducido o balanceo nun 20%, ampliar a zancada nun 10% e aumentar a velocidade da marcha noutro 20%.

O dispositivo é de baixo custo xa que non se empregan materiais moi caros e leva incorporada unha mochila que pesa uns 2 quilogramos (que poderían reducirse para a súa comercialización) no que se leva a “intelixencia” do sistema e a batería. “Os sistemas similares que se comercializan na actualidade son exoesqueletos que están destinados a persoas con parálise total e, ademais, son moitísimo máis caro que o noso prototipo”, indica Cuadrado.

O dispositivo adáptase a pacientes con diferentes dificultades de movemento

O obxectivo inicial do proxecto son os lesionados medulares pero Cuadrado explica que sería posible adaptar o dispositivo para que tamén poda funcionar a outro tipo de doentes que tamén sufran dificultades de movemento. “O que resulta fundamental nestes casos é a colaboración coa parte médica correspondente que poderían ser os pacientes que sufran un ictus, por exemplo”, apunta Cuadrado, quen destaca tamén que cada dispositivo debe adaptarse as características dunha persoa concreta. Nestes momentos traballan cunha persoas que ten dificultades de mobilidade nunha soa perna, para adaptar o prototipo ás persoas destas características.

No Laboratorio de Enxeñería Mecánica de Ferrol levouse a cabo todo o que ten que ver coa fabricación do prototipo, mentres que a Universidade de Extremadura traballa nun sistema de electro-estimulación que pode adaptarse ao dispositivo para axudar a mellorar a musculatura do paciente. A Universidade Politécnica de Cataluña centrouse no deseño mecánico e  nas posibilidades de comercializar o proxecto, que xa foi incluído dentro do programa CaixaImpulse de La Caixa e conta co apoio do Plan de Investigación Nacional.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.