Ilustración medieval que amosa a un dentista sacando un dente con carie.

Ilustración medieval que amosa a un dentista sacando un dente con carie.

Unha tese de Santiago ve inviable unha vacina contra as caries

O estudo da USC desbota os tratamentos antimicrobianos convencionais e defende usar o sistema inmune do paciente

A carie dental non é unha enfermidade infecciosa senón una disbiose polimicrobiana causada por patobiontes, é dicir, unha enfermidade producida por varias especies bacterianas, non só unha. É por iso que as estratexias guiadas coa fin de equilibrar o ambiente metabólico parcial asociado coa carie –en lugar dos tratamentos antimicrobianos convencionais dirixidos a unha soa bacteria, como no caso das vacinas anticaries que se intentaron desenvolver durante décadas- serían máis eficaces na promoción dun contorno oral san. Esta é una das principais conclusións ás que chegou Áurea Simón Soro na súa tese de doutoramento, a primeira con Mención Internacional defendida na Universidade de Santiago de Compostela baseada na aplicación de técnicas ómicas para o estudo de enfermidades polimicrobianas orais.

Representación do avance da carie.

Representación do avance da carie.

O traballo de doutoramento ‘Dental Caries Etiopathogenesis: Microbial composition, functional activity and host recognition’ foi dirixido por Alejandro Mira Obrador, da Área de Xenómica e Saúde do Centro Superior de Investigación en Saúde Pública da Fundación FISABIO (Valencia), e Inmaculada Tomás, coordinadora da Unidade Clínica de Pacientes con Necesidades Especiais e do Oral Sciences Research Group da USC.

Os resultados de Áurea Simón foron publicados en ‘Trends in Microbiology’

A tese xurde como froito da estreita colaboración establecida desde hai varios anos entre os grupos de investigación da USC e de Valencia que se centra no estudo da xenómica de comunidades polimicrobianas asociadas ás patoloxías orais. O traballo de Áurea Simón estudou a composición da comunidade microbiana e a súa funcionalidade en diferentes estadios de progresión da carie dental mediante técnicas de metaxenómica e metatranscriptómica, así como o papel do sistema inmune do paciente para previr a patoxénese da microbiota oral. Os resultados foron xa publicados en numerosas revistas científicas de elevado prestixio no ámbito da odontoloxía e a microbioloxía, destacando de forma especial a publicación en Trends in Microbiology cun factor de impacto de 9,186.

O tribunal que avaliou o traballo estivo composto polas profesoras das Facultades de Odontoloxía e Bioloxía das Universidades de Valencia e Santiago, Carmen Llena, Mercedes Suárez e Ana Otero; a bióloga investigadora Vanesa Blanch, da empresa do sector odontolóxico Dentaid; e o profesor de Microbioloxía da Universidade de Harvard, Jorge Frías-López.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.