Venres 19 Abril 2024

“Nos concellos con máis radon hai máis mortos por tumores cerebrais”

Científicos do Laboratorio de Radon de Galicia, da USC, acaban de abrir unha nova vía de investigación para analizar o impacto da exposición a este gas na saúde dos habitantes de Galicia. Tras máis de 25 anos de estudo sobre a vinculación do radon e o cancro do pulmón, e despois do achado recente de evidencias que poderían relacionar a inhalación deste gas coa EPOC e o cancro de estómago, este equipo aporta un novo enfoque: un artigo publicado en Scientific Reports, analiza as correlacións entre os tumores cerebrais e a exposición ao radon no noso país.

Táboa de concellos con elevadas mostras de radon residencial e o seu respectivo risco de tumores cerebrais en homes (3ª columna) e mulleres (5ª). Fonte: Scientific Reports.
Táboa de concellos con elevadas mostras de radon residencial e o seu respectivo risco de tumores cerebrais en homes (3ª columna) e mulleres (5ª). Fonte: Scientific Reports.

Alberto Ruano Raviña, profesor e investigador da USC e un dos asinantes da investigación, explica que “o estudo indica que nos concellos con máis radon residencial teñen máis mortalidade por tumores cerebrais”. Iso si, aínda que a correlación existe en canto a datos estatísticos, Ruano advirte de que non se pode falar dunha relación directa e causal entre estes dous factores. “A unidade de estudo son os municipios e non os individuos”, sinala o científico, polo que se trata dun estudo “exploratorio” no que habería que afondar para obter novas evidencias.

Publicidade

Por agora non se pode falar dunha relación directa e causal

Insiste Ruano en que, aínda que a correlación é “estatísticamente significativa”, non deixa de ser unha correlación, e, por tanto, “non é unha asociación”. Amais, a incidencia e mortalidade dos tumores cerebrais en Galicia é normal respecto ao resto de España, polo que non se pode falar dun exceso de casos desta enfermidade en Galicia.

Os datos tiráronse do Mapa de Radon de Galicia, presentado o ano pasado polo propio Ruano e Juan Miguel Barros, director do equipo. A investigación é un estudo ecolóxico, é dicir, que “é relativamente fácil de executar pero menos robusto que os estudos observacionais, feitos con suxeitos individuais”. Así, non se tiveron en conta “moitísimas variables non medidas que poderían distorsionar o resultado”.

O estudo podería anticipar “investigacións máis detalladas” sobre esta relación

Non en tanto, o traballo poderá servir para anticipar “investigacións máis detalladas” sobre o tema, incluíndo máis variables, “para amosar algún indicio de asociación”. Ruano aclara, por este motivo, que “hoxe por hoxe, non se pode concluír de ningún xeito que a asociación exista” entre radon e tumores cerebrais.

Con todo, si existen “estudos que atoparon relación entre as radiacións ionizantes doutras fontes e os tumores cerebrais”, segundo explica Alberto Ruano. E o radon, como esas outras fontes, “é una radiación ionizante”. Por agora descoñécese o mecanismo polo cal o radon podería influír no desenvolvemento de tumores no cerebro, aínda que “hai hipóteses que falan do papel dos macrófagos que poderían fagocitar partículas sólidas de descendentes do radon”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T