O consumo de auga da traída está restrinxido en Ferrolterra.

O consumo de auga da traída está restrinxido en Ferrolterra.

Trihalometano, a molécula que deixou sen auga a 150.000 galegos

Fórmase por reacción do cloro coa materia orgánica da auga e está considerado canceríxeno, aínda que a moi longo prazo

Os trihalometanos (THM) teñen sen auga a 150.000 galegos, na área de Ferrolterra. Está restrinxido o consumo da traída en Ferrol, Narón, Fene, Ares e Mugardos. Bandos dos alcaldes, alertas por megafonía ou a propia Policía Local alertan de que non se beba auga da billa. E que tampouco se utilice para cociñar.

Formación da molécula de trihalometano.

Formación da molécula de trihalometano.

A clave de todo está nunha palabra case impronunciable: trihalometano. Trátase dun composto químico volátil, que significa que contén carbono e se converte doadamente en gas. O problema é que son xerados durante o proceso de potabilización da auga, por reacción de materia orgánica co cloro utilizado para desinfectar. O resultado é un composto químico que é nocivo para a saúde, aínda que a longo prazo.

Os primeiros estudos sobre trihalometanos realizáronse en Estados Unidos nos anos 70. En realidade son produtos canceríxenos, sobre todo vinculados a tumores de vexiga, aínda que as últimas investigacións apuntan a que o risco está en consumilo durante un longo período, normalmente de varias décadas.

Para evitar riscos, a Unión Europea sinalou un límite máximo de 100 microgramos de THM por litro de auga para que sexa apta para o consumo. En Ferrol, a primeira proba detectou 180 microgramos. E a segunda, do luns, xa baixou ata os 101. De feito, os técnicos esperan retirar a alarma, como moito en tres días. E isto, para estar moi seguros de que o trihalometano volveu a niveis aceptables.

A epidemioloxía fala dun cancro de vexiga en 70 anos cada cen mil persoas

Baixar o nivel de trihalometanos implica dispoñer dunha auga que teña menos materia orgánica. De non ser posible, hai que tratala previamente con ozono ou auga osixenada, antes de sometela ao cloro.

Para quen lle guste a química, os trihalometanos prodúcense por unha reacción na que se substitúen tres dos catro átomos de hidróxeno do metano (CH4) por átomos halóxenos, os do grupo 7 A da táboa periódica.

Para os que estean preocupados pola súa saúde, os estudos epidemiolóxicos relacionan THM con cancro de vexiga. Pero a OMS di que supón un risco de cancro por cada 100.000 persoas que consumen auga con trihalometanos durante 70 anos. A mellor noticia é que os sistemas de alerta funcionaron.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.