Os investigadores Ramón Hermida (centro), xunto a Artemio Mojón e José R. Fernández.

Os investigadores Ramón Hermida (centro), xunto a Artemio Mojón e José R. Fernández.

Medicarse para a tensión antes de durmir reduce á metade o risco de diabetes

Os investigadores estudaron a 2.656 pacientes galegos grazas a un convenio da Universidade de Vigo e o Sergas

Demostraron que o único factor que determina o risco cardiovascular real dun paciente é a súa presión arterial durante a noite e, por iso, a medicación antihipertensiva debe administrarse sempre á hora de deitarse, algo que está a revolucionar a nivel internacional a forma de entender e tratar a hipertensión, pero os resultados das súas investigacións lévaos agora a dar un paso máis, ata o punto de poder confirmar que tomar a medicación para a presión arterial antes de durmir non só diminúe as posibilidades de sufrir un ictus ou unha insuficiencia cardíaca, senón que tamén reduce á metade o risco de desenvolver diabetes tipo 2. Falamos dos últimos resultados de investigación acadados polo Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía, dirixido polo catedrático Ramón Hermida, que hoxe saen á luz coa publicación de dous artigos en Diabetoloxía, a revista da Asociación Europea para o Estudo da Diabetes, que non dubidou en emitir un comunicado dando conta duns achados que poden modificar de maneira substancial as actuais recomendacións das principais guías sanitarias.

Medición da presión arterial.

Medición da presión arterial.

Dada a dimensión da investigación os resultados foron publicados en dous artigos separados asinados polos investigadores Ramón Hermida, Diana Ayala, Artemio Mojón e José Ramón Fernández. “Para nós era básico que ambos artigos se publicasen de maneira conxunta, pois só así se pode obter unha visión completa da investigación”, explica o director do laboratorio, cara visible do proxecto Hygia, un traballo nacido hai máis de oito anos froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e o SERGAS e do que na actualidade forman parte 40 centros de saúde de toda Galicia e máis de 290 investigadores que fixeron un seguimento durante máis de seis anos a preto de 18.000 pacientes.

A investigación seguíu ós pacientes hipertensos galegos durante 6 anos

No primeiro artigo os investigadores demostran que a redución da presión arterial durante as horas de sono representa en si mesma un obxectivo para previr novos casos de diabetes e, no segundo, afondan en se o tratamento con medicación antihipertensiva ao deitarse exerce unha maior redución no risco de diabetes de nova aparición que a terapia con todos os medicamentos ao espertar.

“Demostramos que a presión arterial durante o sono é un preditor significativo e independente do risco de desenvolver diabetes, o que significa que predí o risco con independencia doutros factores que tamén inflúen, como pode ser a idade ou a glicosa, a principal variable que se emprega para saber se unha persoa é ou non diabética”, explica Hermida, ao tempo que fai fincapé en que na investigación amosan como “con independencia de como teñas os niveis de glicosa, a presión nocturna condiciona o risco de desenvolver diabetes”.

Para chegar a esta conclusión os autores fixeron un estudo aleatorio de máis de 2.656 pacientes hipertensos sen diabetes dunha media de idade de 53 anos. Divididos en grupos a cada un deles asignóuselle ao azar inxerir a medicación prescrita para a hipertensión ao espertar ou a dose diaria enteira dun ou máis deles antes de deitarse para, posteriormente poder avaliar o desenvolvemento da diabetes de nova aparición.

O proxecto Hygia, da UVigo e Sergas, acumula premios internacionais

Fixeron unha media de seguimento de arredor de seis anos e os resultados amosaron que os pacientes que tomaban un ou máis hipertensivos á hora de deitarse tiveron un risco de desenvolver diabetes un 57% menor que os que tomaban toda a medicación ao erguerse. “É unha cifra que o di todo”, salienta Hermida, que explica que ao dar a medicación pola noite, redúcese a presión nocturna e, ao tempo, o risco de desenvolver esta doenza.

“Puidemos comprobar que o único grupo con risco é o dos que teñen a presión da noite alta, con independencia de como a teñan de día”, subliña o responsable da investigación, que resalta o feito de que isto provoca que a monitorización ambulatoria se teña que converter nun requisito indispensable para avaliar non só o risco cardiovascular, como xa veñen dicindo dende fai seis anos, senón tamén para previr diabetes, “e isto é a primeira vez que se demostra a nivel mundial no ámbito da diabete”, recalca Hermida.

Co paso dos anos o respaldo a Hygia chégalle tamén en forma de premios, tanto a nivel nacional –catro no último congreso da Sociedade Española de Hipertensión- como internacional. Neste caso, só nos últimos meses recibiron o Premio Alberto Ferrari ao mellor traballo de investigación presentado no 25 Congreso Europeo de Hipertensión e Protección Cardiovascular, celebrado en Milán, e tres dos doce traballos premiados na reunión anual da Sociedade Americana de Hipertensión, celebrada en Nova York, eran tamén de investigadores de Hygia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.