As investigadoras, xunto a dúas das participantes no proxecto. Foto: Duvi.

As investigadoras, xunto a dúas das participantes no proxecto. Foto: Duvi.

Teatro para afrontar o cancro

Dúas investigadoras do campus de Ourense desenvolven unha actividade lúdica con persoas diagnosticadas recentemente

Desde o pasado mes de abril e ata finais deste mes de xuño, un grupo de mulleres acode unha mañá á semana á Casa da Xuventude de Ourense para participar nunha actividade que se ten convertido para elas nun aliciente vital moi importante. Con idades, formacións e traxectorias moi diversas, todas elas comparten un nexo común: a diagnose dun cancro recentemente. Xuntas traballan, baixo a “guía” das investigadoras da Universidade de Vigo María Luisa Mondolfi e Sara Fernández, na reescritura das súas vidas a través dun programa de dramaterapia, de uso terapéutico do teatro.

Participan no proxecto 10 mulleres de entre 35 e 65 anos

A iniciativa, levada a cabo coa colaboración da Xunta Provincial en Ourense da Asociación Española contra o Cancro (AECC), consiste no desenvolvemento “dun programa para o afrontamento das fases iniciais do proceso oncolóxico baseado en recursos dramáticos e expresivos”. Trátase, indican as súas responsables, dunha actividade formada por 12 sesións de periodicidade semanal que xorde como un “proxecto piloto para futuras intervencións terapéuticas con esta poboación”. O grupo elixido pola Xunta Provincial da AECC para participar nesta iniciativa está formado por dez mulleres de entre 35 e 65 anos ás que se lle diagnosticou un cancro recentemente, nun período que abrangue desde os 6 meses ata os 2 anos desde o diagnóstico, estando cada unha delas nunha fase diferente de tratamento.

Segundo explican María Luisa Mondolfi e Sara Fernández, o proxecto, que leva por título Reescribindo vidas, enmárcase na liña de traballo que veñen desenvolvendo nos últimos anos no grupo GIES-10 da Universidade de Vigo sobre dramaterapia e desenvolvemento persoal e social. Esta liña de actuación, apuntan, “céntrase en deseñar, implementar e avaliar programas para diferentes poboacións para a intervención terapéutica, social e pedagóxica”. Deste xeito, teñen levado a cabo diferente tipo de iniciativas coas que se pretendeu desenvolver o potencial do uso terapéutico do teatro con vítimas de violencia machista ou persoas con enfermidades mentais.

O programa busca a “reconstrución do eu” desde áreas sociais, físicas e mentais

O programa piloto que se desenvolve en Ourense, resumen as súas responsables, “céntrase na reconstrución do eu desde as tres áreas da persoa: social, física e espiritual/mental”. Como xustificación á elección deste enfoque apuntan como “diferentes profesionais do campo da psicooncoloxía defenden a importancia da coidado da área psicolóxica e espiritual-existencial como soporte do tratamento médico”. Así, engaden, segundo a Organización Mundial da Saúde, a saúde é un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades. “Estas tres áreas son esenciais para o benestar, por iso, é necesario non só centrarse na reconstrución física senón na reconstrución total da persoa”, subliñan María Luisa Mondolfi e Sara Fernández, que están a realizar as súas teses de doutoramento sobre dramaterapia. Neste marco de traballo, as investigadoras recalcan como se considera “esencial” a intervención multidisciplinaria ante unha situación potencialmente traumática como é o diagnóstico dun cancro e o proceso dunha enfermidade, que, subliñan, “afecta ás rutinas diarias e ao funcionamento biolóxico e psicolóxico, que incide non só sobre aspectos como a autoimaxe senón sobre o proxecto de vida e concepción do mundo que sustenta as relacións intra e interpersoais das afectadas”.

A partir do uso terapéutico do drama, a través da creación de personaxes, xogos dramáticos e procesos teatrais, ao longo das sesións desenvolvidas neste proxecto piloto búscanse “novas percepcións da persoa e a súa vida a partir do aquí e agora, novas estruturas, roles, definicións de si mesmas e da súa función na familia, é dicir, búscase restablecer o equilibrio”. Con este programa, indican as súas responsables, fronte a un diagnóstico como é o cancro, “que parece que o pasa a centrar todo e que modifica a percepción do vivido”, hai que buscar un reequilibrio. Isto, apunta, trabállase a través dun proxecto de creación colectiva onde cada unha das participantes “crea de forma individual a partir de si mesmas, para despois formar parte dunha creación grupal que ten como obxectivo a reconstrución e sanación”. As sesións, apuntan as investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, comezaron cun traballo de creación plástica e escrita individual, para a partir del crear unha escenografía final e colectiva. “Non se trata de montar unha obra de teatro senón de poder sacar todo o que se leva dentro”, afirman.

As pezas desenvolven as propias experiencias vitais

Deste xeito, durante as primeiras sesións as participantes elaboraron unha historia de vida visual na que plasmaron os momentos decisivos da súa vida e anhelos, traballando sobre a construción da historia propia, a súa sintetización e a interpretación de diferentes posibilidades de si mesmas. A través desta apertura a partir do traballo plástico, indican, as participantes foron desenvolvendo habilidades como a autoestima, a capacidade de comunicación e o apoio social, ademais dun gran sentimento de grupo e unión. Nestas sesións, apuntan, constrúese un diálogo que integra varias linguaxes, como é a corporal, a escénica e a plástica para botar unha ollada ao pasado, ao presente e ao futuro. “A parte corporal está moi tocada nunha enfermidade como é o cancro polo que é importante que o corpo entre tamén en interacción”, sinalan as investigadoras. “Todas elas teñen cancro pero cada unha ten unha historia de vida concreta e única”, recalcan.

Entre as participantes nesta experiencia piloto está Nilda Martínez, de orixe cubana. Para ela, sinala, participar neste programa supón “moita alegría, abrirme á vida”. Tralo diagnóstico dunha enfermidade como o cancro, recoñece, “sentes que a vida se termina. Eu estaba moi triste”. Grazas ao traballo levado a cabo ao longo das semanas en Reescribindo vidas e ao contacto con persoas na súa mesma situación, sinala como “agora penso que hai moito por vivir, que a vida continúa e que non deixa de ser marabillosa”. Na súa historia de vida e na das súas compañeiras de programa aparecen momentos como o nacemento de fillos e netos, a morte dalgún proxenitor, a emigración e outros feitos que marcaron as súas vidas. Que nesas historias de vida apareza ou non “o día que me diagnosticaron cancro” depende xa de como elas queiran reescribir a súa vida desde a conciencia da enfermidade.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.