As profesións do contexto sanitario, as máis vulnerables a desenvolver sentimentos asociados ao 'burnout'. Foto: Duvi.

As profesións do contexto sanitario, as máis vulnerables a desenvolver sentimentos asociados ao 'burnout'. Foto: Duvi.

Os traballadores da sanidade pública, os máis queimados

A tese de doutoramento da investigadora Analía López Carballeira estuda a síndrome do 'queimado', ou 'burnout' no sector sanitario galego

Esgotamento emocional, despersonalización e realización persoal, son as tres dimensións principais que definen en gran medida a aparición da síndrome do queimado ou burnout no traballo. “O concepto burnout refírese ás experiencias estresantes en períodos de tempo prolongados dentro do ámbito laboral. Neste sentido, nos traballadores que experimentan situacións estresantes dentro do traballo ou a exposición a factores laborais de risco, favorécese o desenvolvemento de síntomas relacionados co burnout”, explica Analía López Carballeira, autora da tese El síndrome de burnout: antecedentes y consecuentes organizacionales en el ámbito de la sanidad pública gallega, dirixida polos docentes Carlos Antonio Ferro Soto e Ángeles López Cabarcos e presentada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.

A tese baseouse nos datos dunha enquisa a 512 empregados da sanidade pública galega

512 empregadas e empregados da sanidade pública galega dos centros hospitalarios de Vigo, A Coruña, Santiago, Pontevedra, Ourense e Lugo, así como do Hospital do Salnés, do comarcal de Monforte e o de Valdeorras, participaron na investigación de Analía Lopez cubrindo unha enquisa dividida en dous bloques, un primeiro que incluía variables demográficas e de perfil, e un segundo, cunha batería de preguntas sobre as variables de estudo, características laborais, a intención de abandono, o compromiso afectivo e o esgotamento emocional. “A presenza de altos niveis de carga de traballo e conflito de rol, que nace como consecuencia da aparición de dous ou máis conxuntos de presión no ámbito laboral ou, por outro lado, a incompatibilidade ocasionada entre as expectativas do individuo e as esixencias laborais, conduce á aparición de altos niveis de esgotamento emocional, aspecto central no burnout”, conclúe Analía López na súa tese, na que tamén se confirma que o desenvolvemento de sentimentos de esgotamento emocional inflúe de xeito negativo na redución do apego da ou do empregado coa organización e o aumento dos niveis de abandono.

Sobre a elección do ámbito sanitario para a realización da investigación, a egresada da Universidade de Vigo sinala que as primeiras aproximacións sobre a natureza da síndrome do queimado se concentraron, fundamentalmente, nas profesión de axuda como a sanidade ou a educación, ocupacións de risco caracterizadas por satisfacer as necesidades e manter un trato directo coas e cos usuarios do servizo. “En consecuencia, os membros da organización están suxeitos a un elevado desafío emocional como resposta á alta intensidade no contacto cos usuarios do servizo. Neste sentido as profesións orientadas ao ámbito asistencial e, en especial, relacionadas co contexto sanitario son máis vulnerables a desenvolver sentimentos asociados ao burnout debido á alta intensidade e frecuencia de contacto interpersoal”, detalla Analía López.

Analía López, autora da tese. Foto: Duvi.

Analía López, autora da tese. Foto: Duvi.

A tese de doutoramento da licenciada en Administración e Dirección de Empresas sinala, por outra banda, que o desenvolvemento de novas habilidades e o control sobre o tempo de traballo, dotan ás e aos empregados de recursos co obxectivo de facer fronte ás elevadas esixencias do posto de traballo. Neste sentido, os resultados da investigación indican que a detección das fontes de risco desencadeantes da síndrome do queimado e a comprensión do seu impacto na organización permiten elaborar programas e técnicas orientadas á prevención e intervención do burnout e, en última instancia, mellorar a calidade laboral de organización. “Desde unha perspectiva individual, a elaboración de medidas ou mecanismos encamiñados á xestión de tempos ou á aprendizaxe, dotan aos empregados de habilidades que proporcionan beneficios non só prácticos, senón tamén emocionais”, explica Analía López, que sinala, que desde a perspectiva da organización, as empresas tamén se poden converter en obxecto de actuación en canto á elaboración e implementación de programas preventivos. “Neste sentido a distribución adecuada da carga de traballo ou políticas centradas no conflito de rol, favorecen a redución dos niveis de esgotamento emocional que, en definitiva, se manifesta no aumento do apego á organización e a redución da intención de abandono”, conclúe a doutora.

Aínda que o estudo se centra no ámbito da sanidade pública galega e polo tanto non é posible facer unha comparativa con outros sistemas sanitarios, Analía López sinala que se pode observar que mantén unha mesma liña respecto ás investigacións, tanto nacionais, como internacionais doutros sistemas sanitarios.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.