A atleta sudafricana Caster Semenya, que foi sometida a análises de xénero.

A atleta sudafricana Caster Semenya, que foi sometida a análises de xénero.

‘Sempre haberá controversia coas atletas con exceso de andróxenos’

A investigadora de Pontevedra Martínez Patiño analiza en The Lancet a polémica sobre as deportistas con caracteres masculinos

Desde a década de 1960, as normas para a “elixibilidade” das mulleres nas probas deportivas femininas “foron evolucionando con maior ou menor acerto”, sen que, a día de hoxe, exista un consenso respecto de que criterios empregar ante casos como o hiperandroxenismo, a sobreprodución natural de testosterona. Trátase dunha “carreira por finalizar”, como recoñece a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño, que xunto a Eric Vilain, da Universidade de California Los Ángeles (UCLA), e Nereida Bueno, investigadora do Max Planck Institute of Evolutionary Anthropoloy de Leipzig e da Universidad de Barcelona, vén de analizar a evolución e problemáticas actuais da verificación de xénero no deporte nun artigo publicado na prestixiosa revista médica The Lancet.

A investigadora María José Martínez Patiño.

A investigadora María José Martínez Patiño.

“Queda un longo camiño para regular a equidade e onde establecer os límites”, salienta Martínez Patiño, que xunto con Vilain, do Institute for Society and Genetics de UCLA, foi convidado polos editores de The Lancet a analizar, na súa sección de Comments, unha problemática, que, como recoñece, é fonte dunha “gran controversia no ámbito do deporte feminino de alto nivel”, que segue sen atopar un parámetro de consenso . “The Lancet é unha das revistas médicas máis importantes do mundo e supón un gran prestixio persoal, á vez que pon en valor á Universidade de Vigo”, recoñece Martínez Patiño, asesora científica da Comisión Médica do Comité Olímpico Internacional, que xa publicara en 2005 un primeiro artigo sobre este tema na segunda revista con maior índice de impacto no índice JRC dentro da categoría de Medicina Xeral e Interna.

Nun artigo titulado The unfinished race: 30 years of gender verification in sport, lémbranse diferentes casos de descualificacións de mulleres no deporte de alto nivel debido á realización de análises cromosómicos. Esta verificación de cromosomas, explica esta investigadora, deixa de ser aplicada de forma sistemática nos Xogos Olímpicos en 1999, pero, pese a todo, lembra, seguiron levándose a cabo “investigacións puntuais, que causaron moita polémica cando hai algún caso de controversia con algunha deportista concreta”. Casos como os de Santhi Soudarajan ou Caster Semenya mantiveron viva esta polémica nos últimos anos, xunto coa decisión do Tribunal de Arbitraxe Deportivo (TAS) de suspender en 2015 as normas aprobadas catro anos antes pola Federación Internacional de Atletismo, que fixaba uns límites de testosterona en soro sanguíneo para a elixibilidade das atletas con hiperandroxenismo.

A comunidade científica está dividida en dous bloques: anatomistas e identifiers

“O inconveniente polo cal está suspendida a normativa é que non está suficientemente probado que as mulleres con hiperandroxenismo teñan unha gran vantaxe competitiva con respecto a aquelas cuns niveis de andróxenos normais”, sostén Martínez Patiño, que considera a idea da verificación de xénero no deporte “parte dun pasado”, mentres que o futuro vén marcado por un “longo camiño para regular a equidade, buscando sempre que non exista unha vantaxe deportiva entre os atletas”. Nesa liña sitúa precisamente a normativa suspendida polo TAS, que fixa un “límite hormonal” co propósito de atopar esa equidade. De aí que poña de relevo a necesidade de que os avances científicos contribúan a unhas “normas máis xustas”, motivo polo que neste artigo apuntan á importancia que terá o uso de parámetros biolóxicos mellorados, ao tempo que recoñecen que se trata dun tema “no que sempre haberá controversia, porque no deporte, ao igual que na propia vida, o binarismo puro non existe”.

Nese senso, o artigo incide na existencia de dous posturas na comunidade científica respecto desta cuestión. Por unha banda, a defendida polos chamados “anatomistas, que admiten que determinar o sexo no mundo do deporte é realmente complicado”, xa que “a bioloxía humana permite formas de niveis intermedios entre as categorías convencionais de macho e femia, ás veces referidas como intersexual”. E, por outra, a dos identifiers, “que cren que a liña entre homes e mulleres deportistas debe estar baseada na identidade propia”, polo que, xa que “as fronteiras entre as categorías sexuais son abertas”, entenden que “non debería existir ningún control”, máis aló de que esa identidade estea confirmada legalmente, un paradigma que, recoñece Martínez Patiño, resulta “de moi difícil encaixe no mundo da alta competición”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.