Venres 19 Abril 2024

A morte por sarampelo dunha moza non vacinada sobresalta Portugal

Na madrugada do pasado mércores, unha moza de 17 anos morreu nun hospital de Lisboa polas complicacións derivadas do sarampelo. A falecida non estaba vacinada contra a enfermidade, segundo admitiu a súa familia. Algúns medios apuntaron a que a súa nai era contraria á utilización de vacinas. Non en tanto, e segundo outros medios, a familia sostén que a moza non fora vacinada por padecer psoríase e recomendaren os propios médicos que non fora inmunizada no seu momento.

Desde a Direção-Geral da Saúde (DGS) xa admiten que hai unha “actividade epidémica” desta doenza.  Segundo datos deste mesmo organismo, ata antonte había confirmados 21 casos de sarampelo, case todos nas rexións de Lisboa e Vale do Tejo, e 15 máis están en investigación.

Publicidade

Actualmente, no país luso só son obrigatorias as vacinas contra o tétano e a difteria. Con todo, a taxa de cobertura desta vacina é do 96 por cento en Portugal, segundo datos da propia DGS. En Galicia, a taxa de cumprimento co calendario é do 97,8 por cento.

Casos tamén en Cataluña, Alemania, Italia ou Rumanía

Os problemas con esta doenza, que estaba prácticamente erradicada en Europa, rexurdiron nos últimos anos con varios brotes nos que xa hai rexistrados milleiros. É reseñable o caso de Rumanía, con decenas de falecidos. En Italia tamén xurdiu unha forte polémica alimentada polos movementos antivacinas. Incluso algúns políticos como Beppe Grillo, líder do Movimento 5 Stelle, amosou públicamente o seu escepticismo sobre a utilidade das vacinas. Nestes dous países, a taxa de cobertura baixou do 95 por cento, o umbral que os expertos sanitarios recomendan para evitar a reaparición destas doenzas. Do mesmo xeito, en Alemaña houbo un brote a comezos de 2015 que infectou a máis de 400 persoas e causou a morte dun bebé.

En Cataluña tamén apareceu en febreiro un brote que afectou a preto de 30 persoas, moitas das cales non estaban vacinadas.

Que é o sarampelo?

O sarampelo é unha doenza vírica que se transmite por contacto directo ou vía aérea. Comeza infectando o tracto respiratorio e esténdese despois ao resto do organismo. O primeiro síntoma adoita ser a febre alta, que comeza uns 10-12 días despois do contacto co virus, e dura entre 4 e 7 días. Posteriormente, aparecen erupcións cutáneas, xeramente na cara e no pescozo, que se estende a outras partes do corpo. A administración da vacina permite evitar a aparición de complicacións, como a neumonía, os edemas cerebrais ou a deshidratación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Os pediatras aconsellan vacinar as embarazadas para evitar casos graves de tosferina

A inmunización das nais xestantes proporciona unha elevada protección aos bebés ata que reciben a súa primeira dose aos dous meses de idade

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025