De esquerda a dereita, José Manuel Silva, Juan Viaño e Mabel Loza. Foto: Servimav-USC.

De esquerda a dereita, José Manuel Silva, Juan Viaño e Mabel Loza. Foto: Servimav-USC.

Santiago acolle unha xuntanza das principais redes europeas de descubrimento de fármacos

A Rede Galega de I+D de Medicamentos a varios grupos de referencia nas instalacións do Centro de Estudos Avanzados da USC

A Rede Galega de I+D de Medicamentos (REGID) reuniu este mércores no Centro de Estudos Avanzados da USC os distintos grupos galegos que conforman o grupo, así como a representantes da Rede Española de Excelencia en Descubrimento de Fármacos (REDEFAR) e da Rede EU-Openscreen, integrada por doce países europeos. Xurdida en 2007, esta agrupación especializada acaba de renovar o seu financiamento para o período 2017/2019 por parte da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A xuntanza sirve de punto de encontro dos distintos grupos que nos planos autonómico, estatal e europeo traballan no desenvolvemento de fármacos para a busca de sinerxías e novas vías de colaboración conxunta, con particular atención ás posibilidade de cooperación interdisciplinar.

A rede galega acaba de renovar o seu financiamento por parte da Xunta ata 2019

O reitor da USC, Juan Viaño, presidiu a inauguración da xuntanza reivindicando a vixencia da agrupación galega. “Dez anos despois, a REGID segue viva e fortalecida e da súa experiencia e cultura de colaboración explícase o liderado dende Galicia da Rede Española de Excelencia en Descubrimento de Fármacos (REDEFAR) como unha estrutura que está permitindo coordinar, cohesionar, fortalecer e visibilizar as actuais capacidades españolas neste campo”, sinalou o reitor.

Na inauguración tamén interviñeron a coordinadora de REGID, a profesora Mabel Loza, que ademais de lembrar a implicación da profesora Maribel Cadavid na xénese desta iniciativa fixo un repaso aos principais fitos que ten permitido alcanzar a constitución de REGID. A modo de exemplo sinalou a quimioteca ChemBioGal, conformada por 60.000 moléculas, ou a participación nas iniciativas de innovación aberta globais como a Open Innovation in Drug Discovery situando á rede nun lugar destacado tanto no contexto español como europeo.

Na mesma xuntanza, o asesor na Secretaría de Estado de Investigación, José Manuel Silva, presentou o relatorio ‘Unha visión global do mundo con Galicia, España e Europa en perspectiva’ para abordar o financiamento da investigación en descubrimento de fármacos na contorna española e europea.  Silva identificou “tres fontes de financiamento da ciencia moi desiguais en todos os países: pública, privada e filantrópica”. Cara o futuro, o asesor de Investigación avoga por unha maior interrelación das tres.

Coa súa sede no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), a REGID explota conxuntamente as coleccións de moléculas e as técnicas dos distintos grupos membros, compartindo infraestrutura, capacidades e coñecementos e desenvolve unha quimioteca galega común anotada biolóxica e biofarmacéutica. O obxectivo principal da rede é xerar sinerxías e unha masa crítica que permita trasladar o alto nivel de investigación biomédica en Galicia a valorización en inicio de programas de descubrimento de fármacos.

A Rede Temática Española de Descubrimento de Fármacos xurdiu en 2015 como unha estrutura que permita coordinar, cohesionar, fortalecer e visibilizar as actuais capacidades españolas. A súa estrutura confórmana diferentes nodos específicos coordinador polos grupos de investigación participantes: cribado in vitro, bioinformática, química terapéutica e modelos in vivo.

Rede EU-Openscreen

Esta rede de alcance europeo está integrada por doce países europeos (Alemaña, Dinamarca, España, Finlandia, Grecia, Hungría, Noruega, Países Baixos, Polonia, República Checa, Romanía e Suecia) e a organización internacional EMBL. Integra as plataformas de cribado de alta capacidade europeas que utilizan conxuntamente unha colección de ata 140.000 compostos comerciais e patentados que ademais foron recollidos por diferentes grupos químicos europeos. EU-Openscreen comezou a operar en 2018 como un Consorcio de Infraestruturas de Investigación Europea (ERIC).

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.