Antonio Salas (esquerda) e Federico Martinón, investigadores da USC.

Antonio Salas (esquerda) e Federico Martinón, investigadores do IDIS.

O IDIS, á vangarda na “rotavolución” contra a gastroenterite infantil

Investigadores santiagueses suxiren que a vacina contra o rotavirus tamén protexe contra a enfermidade celíaca e as convulsións

Segundo estimacións da OMS realizadas en 2008, o rotavirus, o principal axente que provoca gastroenterite infantil, mata cada ano 450.000 nenos no mundo, a maior parte deles, en países subdesenvolvidos. En España, onde a súa vacina non é obrigatoria, provoca cada ano 240.000 infeccións e 7.500 hospitalizacións. Desde Santiago de Compostela, o grupo Genvip, adscrito ao Instituto de Investigacións Sanitarias (IDIS), traballa arreo en estudos sobre os efectos da vacinación fronte a este axente infeccioso.

A pasada semana, Federico Martinón, xefe de pediatría do CHUS e responsable do grupo Genvip, participou  en Utrecht (Países Baixos) nun congreso de expertos na vacina do rotavirus. Alí presentou os últimos resultados dos traballos que se levan a cabo no centro sanitario compostelán. Entre eles, expuxo as conclusións do estudo dos mecanismos celulares que protexen aos pacientes grazas á vacinación, así como a identificación dunha “pegada” de sinais inmunolóxicas nos doentes infectados que garda correlación coa gravidade da enfermidade.

Estrutura do rotavirus.

Estrutura do rotavirus.

Na mesma liña está o estudo publicado tamén por Genvip, no que o profesor da USC Antonio Salas identifica os xenes clave na infección por rotavirus. Tras analizar a expresión xenética de máis de 20.000 xenes, obtiveron “resultados esperanzadores” en relación á “pegada” que xorde tras a infección. Detectouse, por exemplo unha activación excesiva de determinados xenes e a inhibición doutros. Disto dedúcese que existen mecanismos moleculares “que o hóspede emprega para protexerse dunha infección por rotavirus”, segundo Salas.

Todos estas investigacións enmárcanse baixo o concepto da rotavolución, un novo enfoque, máis amplo, sobre os efectos que os rotavirus causan no organismo. “A infección intestinal é só a punta do iceberg, xa que o rotavirus pode ser responsable de outras manifestacións sistémicas, non só gastrointestinais”, como a enfermidade celíaca ou as convulsión, segundo explica Federico Martinón. Do mesmo xeito, a vacinación contra o virus pode ter máis resultados beneficiosos.

O rotavirus aínda causa unhas 450.000 mortes cada ano

O Genvip xa demostrou en anteriores estudos que a taxa de ingresos por convulsións é menor nos nenos vacinados contra o rotavirus. “Estimamos que unha crianza vacinada ten un 20 por cento menos de risco de padecer convulsións”, apunta Martinón. Pero é que ademais, dos resultados do traballo pódese deducir que este axente infeccioso pode activar a posta en marcha da enfermidade celíaca en nenos xenéticamente susceptibles polo que “sería importante comprobar o efecto da vacina do  rotavirus” nesta patoloxía.

Actualmente, a inmunización contra o virus non é obrigatoria en España, a diferenza de outros países europeos. Ante a demostración destes novos beneficios, Martinón di: “Confiamos que as autoridades teñan en consideración estes datos, que están sendo utilizados noutros países para a toma de decisións”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.